From Wikipedia, the free encyclopedia
O Río Bravo ou Bravo del Norte, nomeado dese modo en México, ou río Grande nos Estados Unidos, é un longo río do sur dos Estados Unidos e norte de México que flúe en dirección sur e sueste a través de Colorado e Novo México ata chegar á cidade de El Paso (Texas) a partir de onde forma a fronteira sur de Texas (Estados Unidos) e a fronteira norte dos estados mexicanos de Chihuahua, Coahuila, Nuevo León e Tamaulipas, ata desembocar no golfo de México (océano Atlántico). Con 3034 km de lonxitude, é o cuarto río máis longo de América do Norte.
Río Bravo Río Grande | |
---|---|
O río Bravo no parque nacional Big Bend | |
País | Estados Unidos México |
Nacemento | San Juan Mountains |
Lonxitude | 3034 km |
Conca | 607 965 km2 |
Caudal medio | 160 m³/s |
Desembocadura | Golfo de México |
Conca do río Grande | |
Nace en San Juan Mountains, no suroeste de Colorado. Flúe un curto tramo cara ao leste e entra en San Luis Valley onde vira cara ao sur entrando en Novo México. Pasa preto da capital do estado, Santa Fe, e pola cidade máis poboada Albuquerque. Atravesa todo o estado e comeza a formar a fronteira entre Texas e Chihuahua, pasando polas cidades xemelgas de El Paso (Texas) e Ciudad Juárez (Chihuahua) e seguindo en dirección sueste recibe o río Conchos pola dereita en Ojinaga. A partir de aí vira bruscamente cara ao nordés empezando a formar a fronteira entre Coahuila e Texas, recibe o río Pecos e xira novamente cara ao sueste. Pasa polas localidades de Ciudad Acuña e Piedras Negras, forma un pequeno tramo da fronteira entre Texas e Nuevo León, e por último con Tamaulipas, onde pasa polas cidades de Laredo-Nuevo Laredo, McAllen -Reynosa e Brownsville-Matamoros, desembocando pouco despois no golfo de México.
Durante o final da década de 1830 e principio da de 1840, este río foi causa do conflito entre a República de Texas e México, xa que a primeira establecía a súa fronteira sur neste río, e México a súa fronteira norte no río Nueces, máis cara ao norte. A finais de 1845 a República de Texas pasou a formar parte dos Estados Unidos, polo que agora era todo o país o que estaba en guerra cos seus veciños do sur (intervención estadounidense en México). Como a guerra a gañaron os do norte en 1848, a fronteira entre ambos os países pasou a formala o río Grande, dende as cidades de El Paso e Ciudad Juárez ata o golfo de México.
O 2 de outubro de 1968 o goberno estadounidense declarou como río salvaxe e paisaxístico nacional un tramo de 89,6 km que discorre por Novo México. O 10 de novembro de 1978 engadiuse á declaración un segundo tramo de 307,6 km e o 4 de maio de 1994 un terceiro tramo de 20,1 km (paisaxístico), tamén situados no estado de Novo México.[1]
O 11 de setembro de 1997 o presidente Bill Clinton designou este río como un dos catorce que integran o sistema de ríos do patrimonio estadounidense.
O río Grande non é navegable, xa que tanto a profundidade como a largura e os obstáculos na canle dificultan o seu uso para a navegación fluvial.
No extremo sur de Texas, na beira norte do río Grande atópase o Val do Río Grande onde se cultiva moi produtivamente algodón, uvas, sorgo, millo e azucre. Tamén é un lugar turístico.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.