Somatostatina
hormona que regula o sistema endócrino / From Wikipedia, the free encyclopedia
A somatostatina, tamén chamada hormona inhibidora da hormona do crecemento (GHIH) ou factor inhibidor da liberación de somatotropina (SRIF), é unha hormona peptídica, que regula o sistema endócrino e afecta á neurotransmisión e á proliferación celular por medio da súa interacción con receptores da somatostatina acoplados á proteína G e a inhibición da liberación de moitas hormonas secundarias.
A somatostatina ten dúas formas activas producidas pola rotura en sitios alternativos dunha preproteína. Unha destas formas ten 14 aminoácidos, e a outra ten 28.[1]
No conxunto dos vertebrados, existen seis xenes da somatostatina, denominados SS1, SS2, SS3, SS4, SS5, e SS6. Os tetrápodos posúen só os xenes SS1 e SS2, que no home están situados no cromosoma 3, e os peixes teleósteos posúen os seis.[2] Estes seis xenes, xunto cos cinco receptores da somatostatina diferentes que hai, permiten que a somatostatina teña numerosas funcións.[3]