Suevos
grupo de pobos xermánicos / From Wikipedia, the free encyclopedia
Os suevos foron un grupo de pobos xermánicos mencionados por vez primeira por Xulio César en relación coa campaña de Ariovisto na Galia, c. 58 a. C.[1] Mentres que César os considerou como unha única tribo xermánica, numerosa e belicosa, autores posteriores como Tácito, Plinio e Estrabón especifican que os suevos "non constitúen, como os Chatti ou Tencteri, unha soa nación. Actualmente ocupan máis da metade de Xermania, e están divididos en varias tribos con distintos nomes, malia que todos son chamados de xeito xeral como suevos".[2]
Outrora, a etnografía clásica aplicou o termo "suevo" a tantas tribos xermánicas que se cre que nos primeiros séculos despois de Cristo ben puidera ser un substituto de "xermanos".[3] Os autores clásicos consideraron que os suevos, en comparanza con outras tribos xermánicas, eran moi móbiles e non moi dependentes da agricultura.[4]
Varios grupos de suevos trasladáronse dende o Mar Báltico e o río Elba, converténdose nunha ameaza ó Imperio Romano nas fronteiras dos ríos Rin e Danubio. Cara a fin do imperio, os alamáns, un grupo de tribos suevas, asentáronse nos Campos Decumanos e posteriormente cruzaron o Rin e ocuparon a rexión de Alsacia. Un reduto deles ficou na rexión hoxe chamada Suabia, Schwaben en alemán, unha área do suroeste de Alemaña cuxo nome moderno procede dos suevos. Outros movéronse cara a Gallaecia e estableceron o Reino Suevo de Galicia, que durou 170 anos antes de ser integrado no Reino visigodo.