Territorio Británico de Ultramar
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os catorce Territorios Británicos de Ultramar (British Overseas Territory (BOT), en inglés) son territorios baixo a xurisdición e soberanía do Reino Unido. Con todo, estas colonias non forman parte do Reino Unido, como é o caso de Gran Bretaña e Irlanda do Norte.[1][2] Son aquelas partes do antigo Imperio Británico que non optaron pola independencia ou votaron para seguir sendo territorios británicos. A maior parte dos territorios habitados son internamente autónomos, o Reino Unido mantén a responsabilidade da defensa e as relacións exteriores. O resto están deshabitados ou teñen unha poboación transitoria de persoal militar ou científicos. Comparten a monarca británica (Isabel II) como xefe de Estado.
O termo "territorio británico de ultramar" foi presentado pola Lei de territorios británicos de ultramar de 2002, substituíndo o termo dependencia británica, introducido pola Lei de nacionalidade británica de 1981. Antes do 1 de xaneiro de 1983, os territorios chamábanse oficialmente Colonias da Coroa Británica. Séguese utilizando o título de Colonia da Coroa para as Illas Malvinas e o Territorio Antártico Británico. Coa excepción do Territorio Antártico Británico e Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur (que hospedan só a funcionarios e persoal da estación de investigación) e o Territorio Británico do Océano Índico (utilizado como base militar ), os territorios manteñen poboacións civís permanentes. A residencia permanente dos case 7.000 civís que viven nas zonas de soberanía de Akrotiri e Dhekelia limítase aos cidadáns da República de Chipre.
En conxunto, os territorios abarcan unha poboación de ao redor de 250.000 persoas e unha superficie duns 1.727.570 km². A gran maioría distos, 1.700.000 km², constitúen o Territorio Antártico Británico.[3][4] O Reino Unido participa no Tratado Antártico[5] e, como parte dun acordo mutuo, o territorio Antártico británico é recoñecido por catro das outras nacións soberanas que fan demandas do territorio antártico.