Trent Reznor
músico estadounidense / From Wikipedia, the free encyclopedia
Michael Trent Reznor, nado o 17 de maio de 1965 en Mercer, Pensilvania, é un músico, compositor, multi-instrumentista e produtor estadounidense. É vocalista e principal compositor do proxecto de rock industrial Nine Inch Nails,[1][2][3] que fundou en 1988 e do que foi oficialmente o único membro ata 2016. A primeira edición de Reznor coma Nine Inch Nails, Pretty Hate Machine de 1989, foi un éxito comercial, e dende entón leva editados 11 álbums de estudio co grupo.
Reznor comezou a súa carreira a mediados dos 80 como membro de bandas de synth-pop como Option 30, The Innocent, e Exotic Birds.[4] Colaborou en álbums de artistas como Marilyn Manson, do que foi mentor, o rapeiro Saul Williams e Halsey. Xunto coa súa muller Mariqueen Maandig e os colaboradores habituais de Nine Inch Nails Atticus Ross e Rob Sheridan, formou o grupo de post-industrial How to Destroy Angels en 2009.[5][6]
A partir de 2010 Reznor, xunto con Atticus Ross, comezou a traballar en música para películas e televisión. O dúo compuxo música para moitas das películas de David Fincher, como The Social Network (2010), The Girl with the Dragon Tattoo (2011), Gone Girl (2014), e Mank (2020). Gañaron o Óscar á mellor banda sonora e o Grammy á mellor banda sonora para medios visuais tanto por The Social Network (2010) como por Soul (2020). O dúo tamén compuxo música para os filmes Patriots Day (2016), Mid90s, Bird Box (os dous de 2018), Waves (2019), Bones and All, e Empire of Light (ámbolos dous de 2022). Tamén fixeron música para os documentais Before the Flood (2016) e The Vietnam War (2017), e a serie de televisión Watchmen (2019), gañando un premio Primetime Emmy Award por esta última.
En 1997, Reznor apareceu na lista de Time das persoas máis influíntes do ano, e a revista Spin describiuno como "o artista máis vital na música".[7]