Turba
From Wikipedia, the free encyclopedia
A turba é un material orgánico, esponxoso, rico en carbono e de cor parda escura. Ten unha orixe vexetal, xa que se forma por acumulación de vexetación parcialmente descomposta formando capas xeralmente en rexións pantanosas, brañas, e tamén en zonas altas húmidas. Estes ecosistemas coñécense como turbeiras. Un dos compoñentes máis característicos das turbeiras é a vexetación que cobre o chan, salientando os musgos do xénero Sphagnum, aínda que atopamos moitas outras especies de arbustos e pequenas plantas. O solo con gran cantidade de turba coñécese co nome de histosol. A turba fórmase en solos con condicións moi húmidas, onde as charqueiras impiden que fluxos de osíxeno da atmosfera atravesen o chan e entren no solo, reducindo o grao de descomposición da materia orgánica.[1]
As turbeiras son a fonte máis importante de turba,[2] malia que, en menor medida, outros ecosistemas húmidos tamén poden conter bos depósitos, incluíndo brañas ou lameiros, fens, pocosíns ou bosques húmidos turbeiros. As paisaxes con solos de turba teñen unha flora particular, especialmente musgos Sphagnum, ericáceas , e ciperáceas. Debido a que a materia orgánica vaise acumulando durante milleiros de anos, os depósitos de turba son un bo indicador da vexetación e o clima de tempos pasados, especialmente grazas á análise do pole que neles fica. Deste xeito é posíbel reconstruír o clima e os cambios climáticos que ocorreron no pasado así coma os cambios no uso do solo.[3] A turba emprégase coma unha importante fonte de combustíbel nalgunhas partes do mundo. Por volume, hai uns 4 trillóns de m³ de turba no mundo cubrindo un total do 2% da superficie terrestre, contendo arredor de 8 billóns de terajoules de enerxía.[4]