xornalista, editor e escritor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Víctor Fernández Freixanes[1], máis coñecido como Víctor Freixanes ou Víctor F. Freixanes, nado o 24 de agosto de 1951[2][3] en Pontevedra,[4] é un xornalista, editor e escritor galego. É irmán do pintor Xosé Freixanes. En 2017 foi elixido presidente da Real Academia Galega.[5]
Fillo de Víctor Fernández Barcia. Licenciado en filoloxía románica en 1973 pola Universidade de Santiago de Compostela. Tras unha estancia en Madrid traballou no departamento de actividades culturais de Radio Popular de Vigo e foi profesor colaborador do ICE en Vigo. Desde entón iniciou un intenso labor xornalístico en prensa, radio e televisión. En 1976 saíu do prelo o seu primeiro libro, Unha ducia de galegos, un libro de entrevistas e en 1980 publicou Memoria dun fuxido. Gañou o premio Modesto R. Figueiredo en 1978 con A caza de cascudas. Con O triángulo inscrito na circunferencia (1982) gañou o premio Blanco Amor. O enxoval da noiva (1988) e A cidade dos césares (1993) son outras dúas novelas salientables de Freixanes.
Catedrático de Lingua e Literatura Galega (1ª promoción de 1981), exerceu a docencia en secundaria e despois foi profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Foi profesor e conferenciante invitado en varias universidades estranxeiras: The Graduate Schooland University Center de Nova York, Forham University de NY, Universidade de Tamaulipas (México) etc., e relator de seminarios arredor da edición en feiras internacionais (Buenos Aires).[6]
Colaborador habitual de medios de comunicación como La Voz de Galicia, tamén presentou na Televisión de Galicia o programa dedicado aos libros e á literatura A Trabe de Ouro (1986-1987). Foi cofundador de Teima (1976), redactor entre 1974 e 1980 de Radio Popular de Vigo, onde activou a presenza do idioma galego. Nesa mesma época foi correspondente do xornal Informaciones para Galicia e norte de Portugal.[6]
É membro do plenario do Consello da Cultura Galega, Sección de Lingua, Literatura e Comunicación. Presidiu a Fundación Otero Pedrayo (2005-2017), da que é na actualidade presidente de honra. Foi membro do Patronato da Fundación Germán Sánchez Ruipérez participando na creación da Casa del Lector (Madrid, 2010).[6]
É codirector da revista Grial (Revista Galega de Cultura), xunto con Henrique Monteagudo.
No ámbito empresarial, foi director xeral de edicións Xerais (1988-1993), director de edicións do Grupo Anaya e de Alianza Editorial (1994-1998), e foi director xeral da editorial Galaxia de 2002 [7] a 2016[8]. Para Xerais preparou en 2001 o ambicioso proxecto «Galicia. Unha luz no Atlántico», cunha nova tipoloxía editorial que mostra unha ampla e variada visión histórica de Galicia.[9]
Ingresou na Real Academia Galega o 27 de febreiro de 2004 co discurso Desafíos para un novo século. Entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira, respondido por Antón Santamarina Fernández, ocupando a cadeira de Carlos Casares, tamén editor e escritor.[4] Preside a RAG desde o 28 de marzo de 2017. Substituíu no cargo ao profesor e escritor Xesús Alonso Montero, quen non se presentou á reelección.
Casado con María Dolores Cabrera Iglesias, é pai de Diniz Cabreira e mais de Tristán Fernández Cabrera[10].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.