![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/a/a3/Zika_EM_CDC_280116.tiff/lossless-page1-640px-Zika_EM_CDC_280116.tiff.png&w=640&q=50)
Virus de Zika
From Wikipedia, the free encyclopedia
O virus de Zika ou virus Zika (ZIKV, virus do bosque de Zika en Uganda) é un virus pertencente á familia Flaviviridae e ao xénero Flavivirus.
Virus de Zika | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
![]() Micrografía electrónica de transmisión de virus de Zika (manchas negras) na que se observan partículas do virus de 40 nm de diámetro, con envoltura externa e unha densa parte central. (fonte: CDC) | |||||||||
Clasificación científica | |||||||||
|
En humanos este virus causa inicialmente unha enfermidade leve chamada febre de Zika, Zika, ou doenza de/do Zika, transmitida por mosquitos, que se coñecía desde a década de 1950 como unha doenza propia dunha estreita área ecuatorial que se estendía desde África a Asia. Non obstante, en 2014, o virus espallouse máis cara ao leste a través do océano Pacífico e chegou á Polinesia Francesa, e despois á illa de Pascua e en 2015 alcanzou América Central, o Caribe e Suramérica, onde orixinou en 2015-2016 un gromo que chegou ao nivel de pandemia.[1] O virus de Zika está relacionado cos virus causantes do dengue, febre amarela, encefalite xaponesa, e febre do Nilo occidental.[2] A doenza que causa é similar a unha forma suave do dengue,[2] que se trata principalmente gardando repouso,[3] e con calmantes e non pode ser previda con fármacos ou vacinas.[3] Hai unha moi posible ligazón entre a febre de Zika e a microcefalia en nenos neonatos que a adquiren por transmisión de nai a fillo,[4][5][6] e tamén con condicións neurolóxicas máis fortes en adultos infectados, incluíndo casos de síndrome de Guillain-Barré.[7]
Xunto con outros virus da súa familia, o virus de Zika é un virus con envoltura e icosaédrico cun xenoma de ARN monocatenario non segmentado e de sentido positivo. Está moi estreitamente relaciondao co virus Spondweni e é un dos dous virus situado no clado do virus Spondweni.[8][9]
O virus illouse por primeira vez en 1947 dun macaco rhesus que fora encerrado nunha gaiola e deixado no bosque de Zika en Uganda, preto do lago Vitoria, polos científicos do Instituto de investigación da febre amarela. Fíxose no mesmo lugar un segundo illamento do virus nun mosquito da especie Aedes africanus en 1948.[10][11] Cando o mencionado mono desenvolveu unha febre, os investigadores illaron do seu soro un axente transmisible que foi descrito definitivamente como o virus de Zika (Zika virus) en 1952. En 1968, foi illado por vez primeira de humanos en Nixeria.[12] De 1951 a 1981, houbo informes de probas de infeccións en humanos noutros países africanos, como a República Centroafricana, Exipto, Gabón, Serra Leoa, Tanzania, e Uganda, e tamén nalgúns países de Asia como India, Indonesia, Malaisia, Filipinas, Tailandia, e Vietnam.[12]
Hipotetízase que a patoxénese do virus empeza cunha infección das células dendríticas preto do sitio de inoculación, e seguidamente espállase aos ganglios linfáticos e ao torrente sanguíneo.[8] Os flavivirus xeralmente replícanse no citoplasma, pero os antíxenos do virus de Zika foron atopados no núcleo das células infectadas.[13]
Hai dúas liñaxes do virus de Zika, a liñaxe africana e a asiática.[14] Os estudos filoxenéticos indican que o virus espallado por América está moi probablemente relacionado coas cepas da Polinesia Francesa.[14] Publicáronse as secuencias xenómicas completas de virus Zika.[15] Recentes descubrimentos preliminares a partir de secuencias do virus atoparon un posible cambio nun codón da proteína non estrutural 1 do virus que pode incrementar a taxa de replicación viral en humanos.[16]
Debido á dimensión que alcanzou a epidemia de 2015-2016 as autoridades sanitarias dalgúns países recomendaron precaucións, especialmente a mulleres embarazadas, á hora de viaxar aos países máis afectados,[17][18][19][20][21] mentres que Colombia, República Dominicana, Ecuador, O Salvador, e Xamaica aconsellaron ás mulleres que pospuxeran o seu proxecto de quedaren preñadas ata que se saiba máis sobre os riscos para os fetos.[20][22]