Xúpiter
quinto planeta do sistema solar / From Wikipedia, the free encyclopedia
Xúpiter é o quinto planeta do Sistema Solar e o maior de todos eles. Forma parte dos denominados planetas exteriores ou gasosos. Era coñecido xa desde a antigüidade[1] e parece ser que recibiu o nome por ser o maior de todos, xa que na mitoloxía romana Xúpiter era o pai dos deuses.[2]
|
Componse fundamentalmente de hidróxeno, cunha porción menor de helio e un núcleo rochoso de elementos pesados.[3] Debido á súa rápida rotación, o planeta posúe un lixeiro avultamento no ecuador, o que lle dá unha aparencia oblonga. A atmosfera exterior distribúese en varias bandas paralelas ao ecuador que ocasionan turbulencias e tormentas ao longo dos límites entre elas. Un resultado notorio é a Gran Mancha Vermella, que non é senón unha xigantesca tormenta que se vén desenvolvendo desde, como mínimo, o século XVII.
O planeta está rodeado por un lixeiro sistema de aneis planetarios e unha magnetosfera moi poderosa. Posúe tamén 79 lúas coñecidas,[4] incluíndo as catro lúas maiores, que foron descubertas por Galileo en 1610.
Xúpiter foi explorado en varias ocasións por sondas espaciais, especialmente cando pasaron ao seu carón as Pioneer e Voyager e, posteriormente, a sonda orbital Galileo. Agora mesmo hai un interese especial por descubrir un posíbel océano líquido cuberto por xeo na lúa Europa.