Cirrio
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Os cirrios,[1] ou birrios,[2] son aves da subclase das neornites, infraclase dos neognatos, orde dos apodiformes, subfamilia dos apodinos e tribo dos apodininos.

Outros nomes galegos para algunhas especies son andoriñón ou andurón.
Características
Son semellantes ás salanganas de Asia e Oceanía,[3] que pertencen a outra tribo, a dos colocaliinos e, ambos os grupos, morfoloxicamente parecidos ás andoriñas, pero non están estreitamente emparentados con elas, nin con ningún paseriforme; as semellanzas coas andoriñas son só o resultado dunha converxencia evolutiva.
De corpo pequeno e estilizado, de entre os 9 e os 25 cm de lonxitude, segundo a especie, coa plumaxe de coloración xeralmente negra ou apardazada, (aínda que algunhas especies presentan a rexión ventral máis clara ou manchas coloreadas na zona da garganta), sen dimorfismo sexual evidente, e ás extremamente longas, en comparación ao resto do corpo, e en forma de fouciño, aptas para o voo rápido, así como unha ampla apertura bucal e un peteiro reducido e algo curvado, rodeado de serdas, apto para atraparen insectos en voo.
As plumas primarias, longas e estreitas, xunto coas penas secundarias moito máis curtas, permítenlles un voo rápido e a posibilidade de planar.
As patas e os dedos son moi curtas e ineficaces para camiñaren polo solo, e só son adecuadas para aferrarse. Por iso nunca pousan voluntariamente en terra, pero si pousan pendurando en superficies verticais, xa que de pousaren horizontalmente podería significar a morte da ave ao non poder remontaren o voo, tendo as patas tan curtas e as ás tan longas, porque non teñen un punto de apoio adecuado para iniciaren o voo.
Estas aves pertencen ao grupo das mellores aves voadoras do mundo, e moitas das especies poden permaneceren en voo durante meses. Comen, dormen e se reproducen no aire, e só aterran para poñeren os ovos. O seu alimento consiste en insectos voadores, que capturan en voo, a miúdo xusto na superficie da auga ou por riba doutro tipo de zonas húmidas. A auga é, polo tanto, un elemento importante para estas especies.[4]
A fisioloxía dos cirrios está especialmente adaptada para o modo de vida aéreo do grupo, ás veces a grande altitude. O tipo de hemoglobina que posúen é diferente ao das restantes aves, e permite o transporte de grandes cantidades de oxíxeno a baixa presión. Grazas a estas adaptacións excepcionais para o voo e á forma das ás, os cirrios pasan gran parte do seu tempo no aire, e algunhas especies (como o cirrio común) son mesmo capazces de durmiren cando planan.
Remove ads
En Galicia
En Galicia pódense atopar catro especies:
- Apus affinis, o cirrio pequeno.[5]
- Apus apus, o cirrio común,[6] ou cirrio.[5]
- Apus melba, o andoriñón real,[5] ou andurón real.[7]
- Apus pallidus, o cirrio pálido.[5][6]
Galería de imaxes
- Cirrio común no chan
- Cirrio común voando nunha cidade
- Andoriñón real
- Cirrio pálido no chan
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads