Botchan
novela de Natsume Sōseki From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Botchan (en xaponés: 坊つちやん) é unha novela do autor nipón Natsume Sōseki, escrita en 1906. O libro ten elementos autobiográficos, e trátase dunha das obras de máis éxito no Xapón, até o punto de que o protagonista é un personaxe coñecido por todo o mundo.[1]
Foi traducida ao galego por Mona Imai no 2011 para Rinoceronte Editora, e posteriormente reeditado no 2015, dentro do selo da mesma editorial chamado Sushi Books.[2]
Remove ads
Historia
Tras estudar inglés na Universidade Imperial de Tokyo, Natsume Sōseki deu clases en Tokyo até o 1895, cando comezou a traballar nun instituto de secundaria na illa de Shikoku.[3] As experiencias vividas neste centro inspirarían a creación de Botchan, que narra a historia dun docente tokyota na mesma rexión.[3]
Argumento
Botchan en xaponés quere dicir señorito, co dobre sentido que tamén ten en galego, é dicir, o fillo dun señor pero tamén unha persoa sen experiencia á que lle gusta de vivir sen traballar. O protagonista é un mozo que nos explica as súas orixes familiares en Tokyo, onde non era moi apreciado e todas as atencións ían cara ao seu irmán, a que non atura. Cando morren os seus pais, o seu irmán déixalle uns cartos cos que decide formarse nunha escola de física. Esta formación serviralle para conseguir un traballo como profesor de matemáticas no sur do país, concretamente na illa de Shikoku, que el ve como un lugar provinciano e cheo de xente sen sentido da lealdade. En Tokyo deixa tan só a Kiyu, a serventa da familia, quen lle promete que o estará agardando e que sempre lle chama botchan.
O protagonista é un mozo inxenuo, que se deixa influír polos seus colegas profesores de instituto coa mala sorte de que se pon a mal cos que son máis amigábeis e se achega a xente pouco respectable. Os seus costumes máis ou menos elevados (ou propios da capital), serán un punto feble cando chega á escola, xa que serán obxecto de burla e difamación. Por sorte, acaba apreciando os verdadeiros compañeiros e vendo o comportamento hipócrita dos que quixeron manipulalo, de xeito que despois dunha serie de leas, decide dimitir do seu posto e volver a Tokyo, cousa que o pon extremadamente contento. En Tokyo encóntrase con Kiyu, que o estaba a agardar e que o coidará até a súa morte.
Remove ads
Personaxes
- Botchan (lit. "mestre novo"): o protagonista da novela, e narrador en primeira persoa. Naceu e medrou en Tokyo, feito do que está orgulloso. Tras graduarse na Academia de Ciencias de Tokyo (actual Universidade de Ciencias de Tokyo), aceptou un posto de profesor de matemáticas nun centro de Matsuyama, na illa de Shikoku.
- Kiyo (nome que significa "puro, pureza"): a antiga criada da familia de Botchan. Procede dunha familia aristocrática caída en desgraza.
- Uranari (lit. "cabaza verde"): o seu auténtico nome é Koga, mais Bothcan emprega este alcume polo seu rostro repoludo e a súa pel esbrancuxada. É o profesor de inglés. Trátase dunha persoa refinada e melancólica, así como honesta e humilde. Porén, o seu matrimonio concertado cunha fermosa rapaza local (a "Madonna") sitúao no centro dunha tempestuosa rivalidade.
- Yamaarashi (lit. "porco espiño"): o director do departamento de matemáticas, chamado Hotta. É un home rexo e de voz grave. Concíbese a si mesmo coma un campión da xustiza, polo que non se amedrenta ante as confrontacións.
- O Camisa Vermella: un dos principais antagonistas, así chamado porque sempre leva unha camisa vermella de flanela. Descoñécese o seu verdadeiro nome. Trátase do xefe de estudos do instituto, e o único dos seus membros cun título de doutoramento. Preséntase coma un erudito sofisticado. Ten a intención de casar coa Madonna, a prometida de Uranari, e as súas intrigas para conseguilo conforman o arco narrativo da novela.
- Nodaiko (lit. "sarmago"): Yoshikawa, o profesor de artes. É unha persoa aduladora que acompaña ao Camisa Vermella nas súa confabulacións.
- Tanuki (lit. "mapache"): o director da escola. Oufánase de ser unha persoa recta e protocolaria, mais adoita ser un monicreque dos plans do Camisa Vermella.
- A Madonna: a señorita Toyama, unha fermosa rapaza de Matsuyama. Está prometida con Uranari, mais mantén unha relación secreta co Camisa Vermella.
Adaptacións
Animación
No 1986, dous episodios do anime Seishun Anime Zenshu 青春アニメ全種 adaptaron a novela.[4]
Banda deseñada
O mangaka Jirō Taniguchi adaptou partes da novela á banda deseñada, nunha obra en dez volumes que comezou a publicarse no 1986, Botchan no jidai 坊ちゃんの時代 ("A época de Botchan").[5]
Cinema
Fixéronse varias adaptacións da novela ao cinema. A primeira delas por P.C.L. (actual Toho) no 1935.[6] Tokyo Eiga realizou outra versión no 1953.[7] A empresa Shochiku fixo tres filmes no 1958, no 1966 e no 1977.[8][9][10] TMS Entertainment creou unha película para televisión no 1980.[11]
Remove ads
Traducións
En galego
- Botchan (2011). Tradución directa de Mona Imai. Rinoceronte Editora. ISBN 978-84-92866-14-4.[12]
- Botchan (2015). Tradución directa de Mona Imai. Sushi Books. ISBN 978-84-15920-86-1.[13]
En castelán
- Botchan (2008). Tradución directa de José Pazó Espinosa. Impedimenta. ISBN 978-84-935927-7-6.[14]
- Botchan (2015). Tradución indirecta do galego de Moisés Barcia. Sushi Books. ISBN 978-84-15920-87-8.[15]
- Botchan (2021). Tradución directa de Rumi Tani Moratalla. Alianza Editorial. ISBN 978-84-1362-512-6.[16]
En portugués
- Botchan (2020). Tradución de Jefferson José Teixeira. Estação Liberdade. ISBN 978-85-744-8262-0.[17][18]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads
