CD4
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
En bioloxía molecular, o CD4 (cluster de diferenciación 4) é unha glicoproteína que se encontra na superficie de células inmunes como o linfocito T axudante, monocito, macrófago, e célula dendrítica. Descubriuse a finais da década de 1970 e orixinalmente deuselle o nome de leu-3 e T4 (debido aos anticorpos monoclonais OKT4 que reaccionaban con el) antes de ser rebautizado como CD4 en 1984.[1] Nos humanos a proteína CD4 está codificada polo xene CD4 do cromosoma 12.[2][3]

Os linfocitos T axudantes CD4+ son leucocitos que son parte esencial do sistema inmunitario humano e con frecuencia denomínanse células CD4, células T axudantes ou células T4. Denomínanse células axudantes porque un dos seus principais papeis é enviar sinais a outros tipos de células inmunes, como as células asasinas CD8. As células CD4 envían un sinal ás células CD8 para que destrúan e acaben cunha infección vírica. Se diminúe a cantidade de células CD4, como por exemplo en casos de infección por VIH/SIDA ou despois dun tratamento de inmunosupresión previo a un transplante, o corpo faise vulnerable a un gran número de infeccións que doutro modo serían combatidas eficazmente.
Remove ads
Estrutura

Como moitos receptores/marcadores da superficie celular, o CD4 é un membro da superfamilia das inmunoglobulinas.
Presenta catro dominios de inmunoglobulina (D1 a D4) que se expoñen na superficie da célula ao medio extracelular:
- D1 e D3 lembran os dominios variables das inmunoglobulinas (IgV).
- D2 e D4 parécense aos dominios constantes das inmunoglobulinas (IgC).
O dominio D1 do CD4 interacciona co dominio β2 das moléculas do MHC de clase II. As células T que expresan o CD4 (e non o CD8) na súa superficie son, por tanto, específicas para os antíxenos presentados polo MHC de clase II (e non para o MHC de clase I).
A curta cola citoplasmática/intracelular (C) do CD4 contén unha secuencia especial de aminoácidos que permite que interaccione coa molécula lck (unha quinase do interior da célula).
Remove ads
Función
O CD4 é un correceptor que axuda ao receptor de células T (TCR) na súa comunicación coa célula presentadora de antíxenos. Por medio do seu dominio intraceluar, o CD4 amplifica o sinal xerado polo TCR recrutando o encima tirosina quinase lck, que é esencial na activación de moitos compoñentes moleculares da cascada de sinalización dun linfocito T activado. O CD4 tamén interacciona directamente con moléculas do MHC de clase II na superficie da célula presentadora de antíxenos utilizando o seu dominio extracelular. O dominio extracelular adopta unha estrutura en sándwich beta de tipo inmunoglobulina con sete cadeas en dúas follas beta, formando un motivo greca.[4]
Outras interaccións
O CD4 tamén interacciona con SPG21,[5] Lck[6][7][8][9][10] e co homólogo da proteína unc-119.[11]
Remove ads
Enfermidades
Infección por VIH
O VIH-1 utiliza o CD4 para introducirse dentro das células T hospedes ao unirse a el pola proteína gp120 da envoltura viral.[12] A unión ao CD4 crea un cambio na conformación da gp120 que lle permite ao VIH-1 unirse ao correceptor expresado na célula hóspede chamado receptor de quimocina CCR5 ou CXCR4. Despois dun cambio estrutural noutra proteína viral (a gp41), o VIH insire un péptido de fusión na célula hóspede que fai que a membrana externa do virus se fusione coa membrana plasmática celular.
Patoloxía do VIH
A infección por VIH produce unha progresiva redución do número de células T axudantes CD4+. O reconto de CD4 utilízase para decidir cando se empeza o tratamento durante a infección por VIH e posteriormente para avaliar a eficacia do tratamento. Os valores sanguíneos normais exprésanse xeralmente como o número de células por microlitro (ou milímetro cúbico, mm3) de sangue, con valores normais para as células CD4 de entre 500 e 1200 células/mm3.[13] Un reconto de CD4 mide o número de células T que expresan o CD4, e serve para avaliar o estado do sistema inmunitario do paciente, aínda que non mide directamente a cantidade de virus (por exemplo, a presenza de ADN viral, ou de anticorpos específicos contra o virus). Xeralmente o tratamento comeza cando os recontos de CD4 chegan a 350 células por microlitro (con valores de menos de 200 considérase que o individuo infectado ten SIDA).

Outras enfermidades
O CD4 continúa expresándose na maioría dos neoplasmas derivados de células T axudantes. É por tanto posible utilizar a inmunohistoquímica do CD4 en mostras de biopsias de tecidos para identificar a maioría das formas de linfomas de células T periféricas e condicións malignas asociadas.[14] Este antíxeno foi tamén asociado con varias enfermidades autoinmunitarias como a vitilixe e a diabetes mellitus tipo I.[15]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads