Carmen Sarmiento
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Carmen Sarmiento, nada en Madrid o 30 de agosto de 1944, é unha xornalista feminista española de televisión especializada en temas internacionais e sociais. Foi a primeira muller correspondente de guerra en España.[1] É especialmente coñecida pola súa aposta polo xornalismo comprometido facendo visíbeis nas súas reportaxes problemas sociais como a fame e a situación dos dereitos das mulleres. Obtivo numerosos premios como recoñecemento do seu labor profesional, entre eles o Premio Nacional de Xornalismo Dereitos Humanos (1984) polo conxunto do seu traballo na serie "Los Marginados".
Remove ads
Traxectoria
Carmen Sarmiento, con familia de raíces andaluzas, naceu en Madrid o 30 de agosto de 1944. "A miña familia era unha familia de orde, aínda que sen recursos económicos. Estudei sempre con bolsas, e todo o saquei a pulso." explica lembrando que para incorporarse ao xornalismo o esforzo que tivo que realizar foi "moi superior ao dos homes da miña xeración".[2]
Despois de estudar na Escola Oficial de Xornalismo comezou a traballar en Televisión Española en 1968 conseguindo un posto como reporteira na área de Internacional dos servizos informativos, sendo xunto a Elena Martí mulleres pioneiras na información internacional. Como non lle gustaba o xornalismo que facía, foise a América a estudar televisión no Brasil.[3] De regreso a España traballou en Informe Semanal. Militante feminista desde os anos 70, en 1975 desprazouse a México con motivo do Ano Internacional da Muller e a convocatoria da primeira Conferencia Mundial Sobre as Mulleres do 19 de xuño ao 2 de xullo na que participaron máis de 6.000 persoas. Da súa experiencia publicou o libro La Mujer, una revolución en marcha (1976) sobre as experiencias, loitas e esperanzas das mulleres.[3] En 1976 interveu no Tribunal Internacional de Crimes contra as Mulleres celebrado en Bruxelas.[4] É tamén o ano no que naceu a revista Vindicación Feminista -presentouse o 13 de xullo de 1976-[5] na que Carmen colaborou desde un principio.
O mesmo ano publicou tamén Sánchez Albornoz, cuarenta años despues, sobre o seu exilio arxentino durante o réxime do xeneral Franco.
Desenvolveu un xornalismo comprometido que quedou plasmado nos seus traballos en programas como Informe Semanal -do que foi subdirectora na década do setenta- Primeira página, entre 1979 e 1980, e Objetivo en 1981 no que tamén foi subdirectora.
Só son unha xornalista comprometida, unha filla do 68 que non se travestiu ideoloxicamente e segue crendo na revolución. Por máis que percorro mundo e fago anos, non me resigno ás inxustizas.[2]
Entre os acontecementos históricos do século XX que viviu en primeira persoa e trasladou aos espectadores, inclúense os golpes de estado en Portugal, Arxentina, Granada e Ghana. Foi, ademais, correspondente de guerra no Salvador, Nicaragua e Líbano. Estivo a pouco de perder a súa vida en varias ocasións; nunha delas viuse envolvida nunha emboscada en Nicaragua con mortos por medio, e chegou a ser secuestrada polo exército colombiano cando se dirixía a realizar unha visita a ‘Tiro Fixo’, xefe das FARC.[1]
Entrevistou a personaxes relevantes como Yasser Arafat, Fidel Castro ou Rigoberta Menchú.
En 1984 estreou en TVE a serie de reportaxes Los marginados coa que cultivou premios e prestixio. Esta serie mantívose en pantalla até 1991. A serie amosaba as difíciles condicións de vida dos máis desfavorecidos do planeta. En 1994 abordou a problemática feminina no Terceiro Mundo con Mujeres de América Latina e en 2000 realizou Los excluídos, en colaboración con Manos Unidas e de similares características que a anterior.[6]
Nas eleccións europeas do 13 de xuño de 1999 presentouse como candidata a deputada ao Parlamento Europeo encabezando a candidatura xunto a Lidia Falcón[7] "Mujeres para el siglo XXI" nunha lista formada por 60 mulleres do movemento feminista español a iniciativa da Confederación de Organizacións Feministas.[2][8]

En 2002 prexubilouse de RTVE aos 58 anos tras sufrir unha hemiplexía cerebral durante unha rodaxe en Ecuador. «Aínda que non teño secuelas físicas, esta enfermidade marcou un punto de inflexión na miña vida. Só a miña teimosía e a miña paixón polas cousas permitiron que estivese 35 anos dando voltas polo mundo», explicou Sarmiento. O seu último traballo en TVE foron sete novas reportaxes para a serie documental «Los excluídos» elaborados en colaboración coa ONG Entreculturas e Oxfam Intermón.[9][10]
Conciencia feminista
Sarmiento participou na creación do Colectivo Feminista de Madrid e foi vicepresidenta do Partido Feminista que creou Lidia Falcón. Desde o seu nacemento en 1976 foi colaboradora da revista Vindicación Feminista[11] e máis tarde nos anos 80 escribiu na revista teórica do partido feminista "Poder y libertad".
"Aos 13 anos calcei por primeira vez uns pantalóns vaqueiros e tocáronme o cu" explica nunha entrevista cando lle preguntaron sobre o seu activismo. "Como comprenderás, o cu non o tocan as estruturas, senón o albanel de quenda. Non quero ser discriminatoria, os homes de todas as clases sociais teñen unhas actitudes semellantes coas mulleres. Cando cheguei a televisión, a información internacional estaba en mans dos tíos e para ser correspondente de guerra tiven que loitar moito. Na nosa profesión o poder tamén o teñen os homes. O meu foi o resultado dun longo proceso. Non parei desde o primeiro día que saín á rúa e sentinme insultada por alguén que tiña 30 quilos de masa muscular máis ca min. A rúa non é das mulleres. Aos homes róubanlles e apuñálanos. Ás mulleres róubanlles, apuñálanas e, encima, viólanas".[2][12]
Remove ads
Libros publicados
- La mujer, una revolución en marcha, Editorial: Sedmay, (1976)
- Sánchez Albornoz, cuarenta años después, Editorial: Sedmay, (1976)
- Los marginados Ente Público Radiotelevisión Española. Servicio de Publicaciones (1985) ISBN 10: 8485259122 ISBN 13: 9788485259120
- Viajes a la marginación. Prologado por Lidia Falcón Mondadori (1990) ISBN: 8439717067
- Cuaderno de viaje de Los Excluidos
Premios e recoñecementos
- Premio Nacional de Periodismo de Derechos Humanos (1984) polo conxunto do seu traballo na serie "Los Marginados".[4]
- Premio Nacional del Instituto de la Mujer polo programa “La mujer y el Tercer Mundo” e polo tratamento dado á muller nos seus documentais de TVE.
- Premio de la Asociación de Informadores Gráficos (1984)
- Premio Manos Unidas (1988) por “Etiopía el hambre que no cesa”
- Premio Unicef (Madrid, 1988) por “Hijos de la pobreza”
- Premio ó Mellor Documental do VIII Festival de Cinema realizado por Mulleres por “Perú, la cólera del hambre" (1992)
- Candidata a Muller Europea do Ano (1998)
- Premio Alecrín (2000)
- TP de Oro (2001) pola súa traxectoria profesional.
- Premio Agustín Merello de la Comunicación (2002)
- Premio "Carmen Goes" (2009)[13]
- IV Premio Participando Creamos Igualdad 2011 na categoría de Comunicación, outorgado polo Consejo de las Mujeres do municipio de Madrid.[14]
- Siñal d'onor Espiello (2016)
- Premio Clara Campoamor do Ayuntamiento de Madrid (2017)
- Premio Especial Manos Unidas (2017)
- Membro de Honor SGE 2017. A Sociedad Geográfica Española recoñécelle unha traxectoria inspirando a xeracións e espertando o gusto por viaxar.[15]
- Premio Periodismo Vasco 2018, outorgado pola Asociación e o Colegio Vasco de Periodistas, “polo seu traballo especializado en temas internacionais e sociais, e a súa especial dedicación á muller”. [16]
- XV Premio Internacional de Periodismo Manuel Alcántara 2018 da Universidade de Málaga.[17]
- XXV Premio de Comunicación no sexista 2018, outorgado pola Asociación de Dones Periodistas de Catalunya.[18]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads