As Zygnematophyceae ou, como tamén se denominan, Conjugatophyceae, xeralmente posúen dous cloroplastos moi elaborados en cada célula, en lugar de moitos cloroplastos discoidais típicos. Reprodúcense asexualmente polo desenvolvemento dun septo entre as dúas metades de células ou semicélulas (en formas unicelulares cada célula filla forma a outra semicélula nova) e sexualmente por conxugación ou fusión do contido celular completo das dúas células conxugantes. As désmidas sacodermas e as placodermas ou verdadeiras désmidas, que son membros unicelulares ou filamentosos das Zygnematophyceae, son dominantes en augas ácidas non calcarias da lagos oligotróficos ou primitivos, como en lagos de orixe glaciario ou pantanos turbosos.[15]
Klebsormidium, o xénero tipo das Klebsormidiophyceae, é unha forma simple filamentosa con cloroplastos circulares con forma de placa, que se reproducen por fragmentación, por células biciliadas nadadoras e, segundo Wille, un algólogo do século XX, por aplanósporas.[16] A reprodución sexual é simple e isógama (os gametos masculino e feminino son practicamente indistinguibles).[16]
As Charales (Charophyceae) son algas de augas doces e salobres con talos ou caules delgados verdes ou grises; a cor cincenta de moitas especies é o resultado do depósito de limo nas paredes, que enmascara a cor verde da clorofila. Os talos principais son delgados e ramifícanse ocasionalmente. Presentan ramiñas laterais en verticilos a intervalos regulares ao longo do talo, e están adheridas por medio de rizoides ao substrato.[17] Os órganos reprodutores constan de anteridios e oogonios, aínda que as estruturas destes órganos difiren considerablemente dos órganos correspondentes doutras algas. Como resultado da fertilización, fórmase un protonema, do cal se desenvolven as algas que se reproducen sexualmente.
Un novo xénero terrestre atopado en solos areosos na República Checa, Streptofilum, podería pertencer a unha clase propia de carófitas debido á súa posición filoxenética tan particular. Carecen de parede celular, e a súa membrana plasmática consta de moitas capas de escamas específicas. É unha alga curta, filamentosa e non ramificada rodeada dunha vaíña mucilaxinosa, que adoita desintegrarse en díades ou células únicas separadas.[18]
Reprodución
As células das algas Charophyta son todas haploides, agás durante a reprodución sexual, na que se forma un cigoto unicelular diploide. O cigoto convértese en catro novas células haploides por meiose, que se desenvolverán formando unha nova alga. Nas formas multicelulares estas células haploides crecen formando un gametófito. En embriófitas (plantas terrestres) o cigoto dá lugar a un esporófito multicelular.[19][20]