Remove ads

Chlamydophila pneumoniae é unha especie de bacterias da familia das clamidiáceas, que é un parasito intracelular obrigado[2] que infecta a humanos e é unha causa importante de pneumonías. Coñecíase ao principio como o "axente respiratorio agudo Taiwán" (TWAR) polos nomes dos dous illamentos orixinais, o illamento Taiwán (TW-183) e o illamento respiratorio agudo denominado AR-39.[3] Ata hai poucos anos, o nome da especie era Chlamydia pneumoniae, e ese nome segue usándose como un nome alternativo nalgunhas fontes.[4] Nalgúns casos, para evitar a confusión, danse os dous nomes (téñase en conta que a creación do xénero Chlamydophila, ao separar algunhas especies de Chlamydia, foi e é controvertido, e hai unha corrente, con crecente aceptación, que avoga por recuperar o xénero Chlamydia como xénero único[5] ).[6]

Máis información Clasificación científica ...
Thumb
Micrografía de C. pneumoniae nunha célula epitelial nun caso de bronquite aguda: 1 - epiteliocito infectado, 2 - epiteliocito non infectado, 3 - corpos de inclusión clamidiais na célula, 4 - núcleo celular.

C. pneumoniae ten un ciclo de vida complexo e debe infectar a outra célula para reproducirse, polo que é un parasito intracelular obrigado. A secuencia completa do xenoma de C. pneumoniae publicouse en 1999. Tamén pode infectar e causar enfermidades nos coalas, en certas boas (Corallus caninus), iguanas, camaleóns, ras, e tartarugas.

O primeiro caso coñecido de infección por C. pneumoniae foi un caso de sinusite en Taiwán. Esta bacteria xeralmente causa farinxite, bronquite e pneumonía atípica,[7] principalmente en xente vella e pacientes debilitados, pero tamén en adultos saudables.[8]

Remove ads

Ciclo de vida e método de infección

Thumb
Ciclo de vida de Ch. pneumoniae.

C. pneumoniae é unha pequena bacteria gramnegativa de 0,2 a 1 μm, que sofre varias transformacións durante o seu ciclo vital. Existe en forma de corpo elemental para pasar dun hóspede a outro. O corpo elemental non é bioloxicamente activo, pero é resistente aos estreses ambientais e pode sobrevivir fóra do hóspede durante un tempo limitado. O corpo elemental pasa dunha persoa infectada aos pulmóns dunha persoa non infectada por medio de pequenas pingas que flotan no aire (soltadas ou tusir ou espirrar), e orixina a infección. Unha vez nos pulmóns, os corpos elementais son captados polas células por fagocitose e quedan no interior de vesículas chamadas endosomas. Porén, o corpo elemental non é destruído pola fusión dos lisosomas co endosoma, como é habitual na fagocitose. En lugar diso, o corpo elemental transfórmase nun corpo reticulado e empeza a se replicar dentro do endosoma. Os corpos reticulados deben aproveitarse de parte do metabolismo celular do hóspede para completaren a súa replicación. Os corpos reticulados convértense despois de novo en corpos elementais e son liberados outra vez nos pulmóns, moitas veces causando a morte da célula hóspede. Os corpos elementais poden así infectar novas células do mesmo individuo ou dun novo individuo. Por tanto, o ciclo de vida de C. pneumoniae divídese nunha fase de corpos elementais, que poden infectar a novos hóspedes pero non se poden reproducir, e outra de corpos reticulados, que se replican pero non son infectivos.

Remove ads

Enfermidades

C. pneumoniae é un causante común de pulmonía en todo o mundo, e é un tipo de pneumonía adquirida na comunidade. Como o seu tratamento e diagnose son diferentes das causas da pulmonía recoñecidas historicamente, como as infeccións por Streptococcus pneumoniae, esta pulmonía por C. pneumoniae denominouse como "pneumonía atípica" .[9]

Avaliouse en moitos estudos a posible conexión entre casos previos de infección por C. pneumoniae e o cancro de pulmón. Unha metaanálise de datos serolóxicos que comparaba casos previos de infeccións por C. pneumoniae en pacientes que posterioremte desenvolveron cancro pulmonar e outro que non o desenvolveron deu resultados que suxiren que ditas infeccións previas estaban asociadas cun lixeiro incremento do risco de desenvolver cancro de pulmón.[10]

Tamén se investigou a asociación entre a infección por C. pneumoniae e a aterosclerose e obstrucións coronarias, e as probas serolóxicas, análises patolóxicas directas de placas e probas in vitro suxiren que a infección crónica por esta bacteria pode ser un factor de risco para o desenvolvemento de placas ateroscleróticas. A infección por C. pneumoniae incrementa a adherencia de macrófagos ás células endoteliais in vitro e en aortas ex vivo.[11] Porén, os datos actuais non definen a frecuencia con que se atopa C. pneumoniae nos tecidos vasculares ateroscleróticos e nos normais, nin permiten determinar se a infección por C. pneumoniae ten un efecto causal na formación de ateromas ou se simplemente é un "pasaxeiro inocente" nesas placas. Os ensaios de maior tamaño que estudaron o uso de antibióticos como prevención de enfermidades asociadas con aterosclerose, como os ataques ao corazón e ataques cerebrovasculares, non mostran ningunha diferenza significativa entre os antibióticos e o placebo.[12]

Atopouse C. pneumoniae no líquido cefalorraquídeo dalgúns pacientes diagnosticados de esclerose múltiple.[13]

As evidencias serolóxicas de posibles infeccións crónicas por C. pneumoniae asociáronse primeiro con respiración asubiante, bronquite asmática e asma orixinada na idade adulta en 1991.[14] Posteriores estudos de fluídos de lavados broncoalveolares de pacientes pediátricos con enfermidades respiratorias graves como a asma demostraron que aproximadamente na metade dos casos había evidencias da presenza de C. pneumoniae por identificación directa do microorganismo.[15][16] O único estudo prospectivo de asma comezada a idade adulta levada a cabo en clínicas de atención primaria diagnosticou seroloxicamente unha infección aguda por C. pneumoniae en 5/5 pacientes cunha respiración asubiante aguda que se fixeron crónicos e que despois foron diagnosticados como asmáticos, e noutro paciente que desenvolveu bronquite crónica de inicio recente do que se cultivou o microorganismo a partir dos seus esputos 6 meses despois do comezo da doenza.[17] Estas observacións indican que a infección aguda por C. pneumoniae pode causar manifestacións de enfermidades respiratorias crónicas, algunhas das cales son diagnosticadas como asma.

Os resultados de dous ensaios observacionais suxiren que estas asociacións son relevantes nas clínicas de atención primaria[18][19] como tamén os resultados de dous ensaios controlados aleatoriamente[20][21] de tratamento con azitromicina para a asma. Un deste ensaios controlados aleatoriamente[21] e outro ensaio con macrólidos[22] suxire que o efecto do tratamento pode máximo en pacientes con asma refractoria grave. Estes resultados clínicos en correlación coas evidencias epidemiolóxicas indican que C. pneumoniae está asociado positivamente coa gravidade da asma,[23] e evidencias de laboratorio indican que as infeccións por C. pneumoniae crean resistencia aos esteroides.[24] Porén, as guías sobre a asma actualmente dispoñibles non abordan estas evidencias.

Remove ads

Investigación sobre vacinas

Non hai polo momento unha vacina que protexa contra C. pneumoniae, pero estase a investigar nelo. A identificación de antíxenos moi inmunoxénicos é fundamental para a construción dunha vacina de subunidades eficaz contra esta bacteria.

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads