Demodex

From Wikipedia, the free encyclopedia

Demodex

Demodex é un xénero de pequenos ácaros parasitos que viven nos folículos pilosos ou glándulas sebáceas da pel de mamíferos, incluídos os humanos. Demodex é o único xénero da familia Demodicidae.[1] Coñécense unhas 65 species de Demodex.[2] Dúas destas especies viven no ser humano, que son: Demodex folliculorum e Demodex brevis, que se denominan ácaros das pestanas ou da cara. Distintas especies de animais son hóspedes de diferentes especies de Demodex; por exemplo, Demodex canis vive nos cans. A infestación por Demodex é común e xeralmente non causa síntomas, polo que se pode dicir que son normalmente inofensivos, pero ocasionalmente poden causar algunhas doenzas da pel. 'Demodex' deriva do grego 'dēmos', graxa, e 'dēx' verme da madeira.[3]

Máis información Clasificación científica, especies ...
Demodex
Thumb
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Arachnida
Subclase: Acari
Orde: Trombidiformes
Familia: Demodicidae
Nicolet, 1855
Xénero: Demodex
Owen, 1843
especies
  • Demodex aries
  • Demodex aurati
  • Demodex brevis
  • Demodex bovis
  • Demodex canis
  • Demodex caprae
  • Demodex caballi
  • Demodex cati
  • Demodex cornei
  • Demodex criceti
  • Demodex equi
  • Demodex folliculorum
  • Demodex gapperi
  • Demodex gatoi
  • Demodex injai
  • Demodex ovis
  • Demodex phyloides
  • Demodex zalophi
Pechar

D. folliculorum e D. brevis

As dúas especies de Demodex máis importantes medicamente son as que infestan aos humanos, que son D. folliculorum e D. brevis. D. folliculorum foi descrito en 1842 e del separouse formando unha especie propia D. brevis en 1963. D. folliculorum vive nos folículos pilosos, e D. brevis nas glándulas sebáceas conectadas cos folículos pilosos. Ambas as especies atópanse principalmente na cara, preto do nariz, nas pestanas e cellas, pero tamén noutras partes do corpo.

Os adultos miden só de 0,3 a 0,4 mm de longo e as larvas son menores. D. brevis é algo máis pequena que D. folliculorum.[4] Ambos teñen un corpo semitransparente alongado que consta dunha porción inicial coa cabeza e o tórax e un abdome; no tórax hai catro pares de patas articuladas con ganchos. O corpo está cuberto con escamas, que lles axudan a ancorarse aos folículos. Ten pezas bucais con forma de alfinete para alimentarse de células da pel e aceites (sebo), que se acumulan nos folículos pilosos. Os ácaros poden abandonar os folículos pilosos e camiñar lentamente pola pel, a unha velocidade de só de 8 a 16 mm por hora, especialmente de noite, xa que procuran evitar a luz.[4] Os ácaros transfírense dun hóspede a outro por contacto co pelo, cellas, pel da cara etc, e empeza a adquirirse pouco despois de nacer.

As femias de Demodex folliculorum son maiores e máis arredondadas que os machos. Tanto machos coma femias teñen unha abertura xenital, e a fertilización dos ovos é interna.[5] O apareamento ten lugar na abertura dos folículos, e os ovos deposítanse dentro dos folículos ou das glándulas sebáceas. As larvas teñen seis patas e eclosionan tres ou catro días despois da posta, e desenvólvense en adultos nuns sete días. A duración total da súa vida é dalgunhas semanas.

As persoas xeralmente teñen maior cantidade de ácaros canta máis idade teñan: un estudo atopou que aproximadamente un terzo dos nenos e adultos xoves, a metade dos adultos, e dous terzos dos vellos teñen estes ácaros.[6] As taxas baixas en nenos poden deberse a que producen menos sebo. Porén, estes estudos buscan visualmente con microscopio os ácaros e as cifras poden estar subestimadas. Recentemente, un estudo de 29 adultos (de 18 anos ou máis) en Carolina do Norte, EUA, atopou que o 70% dos de 18 anos tiñan os ácaros e que todos os adultos os tiñan.[7] Este estudo utilizou métodos de detección do ADN de Demodex, máis sensibles que os métodos microscópicos tradicionais, e, xunto con varios estudos en cadáveres, suxiren que a infestación é moi alta, talvez do 100% en adultos, aínda que o pequeno tamaño da mostra e a súa área xeográfica limitada non permiten sacar conclusións definitivas.

Poden observarse os Demodex propios arrincando unha pestana ou cella e observándoa nun microscopio composto normal. Tamén poden recollerse cun coitelo sen gume como os coitelos para manteiga, raspando a pel da fronte para recoller sebo e observalo ao microscopio.[8]

Demodicose

Na gran maioría dos casos os Demodex pasan desapercibidos, e non producen síntomas adversos, pero en certos casos (xeralmente relacionados con inmunosupresión, causada por estrés ou doenzas) as poboacións de ácaros poden incrementarse drasticamente, orixinando unha condición chamada demodicose, caracterizada por proído, inflamación e outros trastornos da pel. Tamén poden orixinar blefarite (inflamación das pálpebras).[9] Hai evidencias dunha correlación entre a infestación por Demodex e a acne vulgaris, o que suxire que pode xogar un papel en promover a acne.[10]

Están realizándose varias investigacións sobre as infestacións en humanos por Demodex,[10][11][12][13] e varios estudos preliminares suxiren unha asociación entre a infestación por estes ácaros e a rosácea.[14][15]

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.