Egitania
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Egitania foi unha cidade fundada polos romanos no actual territorio de Portugal e que corresponde á actual Idanha-a-Velha;[1] era a cidade dos Igaeditanos (Civitas Igaeditanorum).[2] Baixo o dominio dos Flavios recibiu o título de cidade.


Egitania, chamada así polos suevos e visigodos, foi a sé dunha vasta diocese -a diocese de Egitania- e actualmente é unha aldea da parroquia de Monsanto e Idanha-a-Velha no concello de Idanha-a-Nova, no distrito de Castelo Branco
A cidade de Idanha-a-Velha está clasificada como monumento nacional desde 1997.
Remove ads
Historia
Dominio romano
A cidade de Egitania foi fundada polos romanos a finais do século I a. C., na vía entre Augusta Emerita e Bracara Augusta,[3] durante a última visita de Xulio César á Lusitania. Era unha cidade rica e próspera, con moitos templos, como o exemplifica o podio dun templo. Tamén se discute se puido ser o lugar de asentamento, mesmo temporal, da Ala I Singularium Civium Romanorum[4], pola existencia de varias inscricións.
Segundo José Hermano Saraiva, a cidade estaba cruzada por unha calzada romana; e tamén por un camiño fluvial (río Pónsul). A cidade tamén era un centro mineiro, dada a gran presenza de minas naturais na comarca. No concello de Idanha-a-Nova, aínda hoxe, están rexistradas 22 minas, 11 das cales son de estaño (indispensable para a produción de bronce), 6 de chumbo, tamén un mineral moi importante para a construción civil, catro de cinc e chumbo.
Na rexión, había un xeito de fundir minerais e exportalos, xa que o río Ponsul desemboca no río Texo; e isto facilitaba o transporte do mineral até as grandes cidades mediante un percorrido fluvial en balsas. Porén, con posterioridade, o río Ponsul puido chegar a ser innavegable, xa que o uso agrícola do solo reduciu moito o curso do río, e xunto coa diminución do nivel de precipitación provocou a colmatación do río e, a posterior, decadencia da cidade. Tamén, a chegada das invasións bárbaras ocasionaron a extinción das explotacións mineiras e a desaparición dunha gran fonte de ingresos para a cidade,
Dominio suevo-visigótico
Egitania, integrouse no reino suevo na primeira metade so século V, converténdose no principal asentamento urbano do suroeste e como un punto relevante da fronteira sueva cos visigodos.[5] A primeira mención indicando ao seu status episcopal e tamán á denomincación de Egitania se produce nas actas do Concilio de Lugo (polo 569) en que se crea o bispado por parte de Teodomiro tralas súas conquistas na Lusitania,[6] quedando baixo a dependencia do bispo de Braga.[7] Tanto neste concilio como no Segundo Concilio de Braga (572), aparece mencionado un tal Adoricus ou Adorico como bispo de Egitania.[5][7]
Trala conquista do reino suevo polos visigodos, a diocese de Egitania, xunto coas de Viseum, Conimbriga e Lamecum, foron integradas na igrexa lusitana e postas baixo o control do metropolitano de Mérida.[8] Os visigodos, mesmo, intentaron facer de Egitania a sede dunha diocese e, arredor do 585, construíron unha catedral. Dita sede da diocese aínda existe na actualidade, nestá situada na actual cidade da Guarda o que explica que, aínda hoxe, o bispo da Guarda segue a chamarse bispo de Egitania. Dende esa época (séculos VI-VIII), foi notable o número de moedas de ouro (tremissis) cuñadas na ceca de Egitania.[9]
Lista dos bispos de Egitania
A lista baséase nos datos ofrecido polo padre Flórez, na súa España Sagrada, onde no tomo XIV dá información sobre a diocese. Porén os seus datos son parciais.
- Adorico: consagrado polo 569, até despois de 572.[7]
- Commundo: antes do 589.[10]
- Licerio: antes do 597 até despois do 610.[10]
- Montensis: antes do 633 até despous do 638.[11]
- Armenio: polo 646 (Sétimo Concilio de Toledo).[11]
- Selva: antes do 653 até despois do665.[12]
- Monefonso: antes do 680 até despois do 688.[13]
- Argesindo: antes do 693 en adiante.[13]
Dominio musulmán
No ano de 715 os musulmáns tomaron a cidade[14] e destruírona, rematando co culto cristián en Egitania. Nesta época emiral, Egitania foi coñecida como Antaniya.[15]
Época medieval
Con Sancho I de Portugal, restablécese a sede en 1199, pero é trasladada á cidade da Guarda.[16] Queda baixo o control da sede compostelá até 1490 en que pasou a depender de Lisboa.
No centro de Egitania, estaba o foro romano; e no medio do foro erguíase un templo, sobre o que os templarios, en 1245, acabaron por erguer unha gran torre. Os reis aínda intentaron repoboar a cidade, pero a presenza dos templarios non atraeu á poboación pois o pobo fuxiu dos seus amos querendo ter unha vida libre, municipal. Hoxe a cidade é un museo ao aire libre.
Remove ads
Restos arqueolóxicos
O que queda da cidade ocupa unha gran superficie. Desde o Paleolítico, os ocupantes situáronse nunha terraza na marxe esquerda do río Ponsul, que bordea a cidade. No alto dalgúns montes próximos descubríronse castros (Cabeço dos mouros, Serra de Monsanto).
Na protohistoria, a poboación da rexión era celta, indicada por inscricións con nomes característicos. Unha inscrición datada no 4 a. C. pertencía a un monumento erixido pola cidade de Igeditanos a César. Outras refírense a persoal militar; a gran maioría deles son funerarias.
As murallas, de época romana, cun perímetro duns 750 m, aínda conservan parte de seis torres semicilíndricas, unha rectangular e dúas portas.
Da época suevo-visigoda, ademais de moitas pezas de escultura decorativa, permanecen os cimentos e soportais da catedral.
As escavacións metódicas foron iniciadas en 1955 polos arqueólogos portugueses Fernando de Almeida e Veiga Ferreira, que escavaron, fóra das murallas, parte dun edificio que din podería ser unhas termas romanas. Da época romana tamén se atopou a ponte romana sobre o río Ponsul, con cinco arcos, algúns dos seus piares afundiron; e a bóveda con arcos de medio punto estaba rachada; tramos de beirarrúas romanas e portas romanas. Os achados arqueolóxicos atopados durante os traballos consérvanse no Museu Lapidar Igeditano António Marrocos e no Museo de São Dâmaso. Os devanditos arqueólogos atoparon fóra das murallas unha basílica visigoda e un baptisterio paleocristián.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads