xornal católico español From Wikipedia, the free encyclopedia
El Debate foi un periódico español editado en Madrid entre 1910 e 1936. Pertencía á Editorial Católica, durante a súa existencia a publicación mantivo unha liña editorial de corte conservador e católico. O último número saíu despois do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936; durante a guerra civil as súas instalacións foron confiscadas polas autoridades republicanas. Co final da guerra chegouse a editar unha edición especial de El Debate, pero a ditadura franquista non autorizou a súa nova posta en marcha, o que significou a súa desaparición definitiva.
El Debate | |
---|---|
País | España |
Lugar | Madrid |
Lingua | lingua castelá |
Fundación | 1910 |
Editorial | Editorial Católica |
Circulación | |
ISSN | 2444-2658 |
OCLC | 629683686 |
Na rede | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Foi creado polo xornalista Guillermo de Rivas e dirixido nos seus comezos por Basilio Álvarez,[1] mais ao ano da súa aparición foi traspasado, despois dunha etapa intermedia durante a que foi propiedade de Santiago Mataix,[1] á Asociación Católica Nacional de Propagandistas (ACNdP),[2] facéndose coa dirección Ángel Herrera Oria, en novembro de 1911.[1][3] Posteriormente, pasou a ser propiedade da Editorial Católica, creada en 1912.
As crónicas bélicas da Primeira guerra mundial acompañadas con mapas de Armando Guerra multiplicaron a tirada do periódico.[4]
Durante estes anos El Debate foi subvencionado economicamente pola embaixada alemá e mantivo unha liña editorial abertamente xermanófila.[5] En 1929, impulsou a súa propia axencia de noticias, Logos,[6] que posteriormente foi a axencia do grupo Editorial Católica.
Durante a Segunda República o goberno suspendeu a súa actividade en varias ocasións. Pertencente ao mesmo grupo do que xurdiu o partido Acción Popular, era o medio de expresión oficioso do seu sucesor, a CEDA,[7] a coalición dereitista que gañou as eleccións en 1933. En 1935, a Editorial Católica adquiriu unha moderna rotativa, situada no número 4 da rúa de Afonso XI, na que se pasou a imprimir El Debate e un periódico de nova creación, o vespertino Ya.
Calcúlase que en 1931 tiña unha tirada diaria entre os 60 000 e 80 000 exemplares e en 1936, duns 80 000 exemplares.[8] O seu último director foi Francisco de Luis,[9] trala dimisión de Ángel Herrera Oria en febreiro de 1933.[10] Aliñado coas propostas da CEDA, o periódico defendeu unha liña editorial accidentalista, aínda que esta postura inicial co paso do tempo foi diluíndose para rematar desembocando nunha postura marcadamente anti-republicana. O último número de El Debate saíu á rúa o 19 de xullo de 1936. Ese mesmo día, o goberno acolléndose á Lei de Defensa da República divulgou a través de Unión Radio a incautación do periódico:[11]
Os xornais Ya, El Debate, Informaciones, El Siglo Futuro y ABC foron incautados polo Goberno, pasando a seren propiedade do Estado. Encargouse a dirección e redacción dos devanditos xornais a xornalistas de recoñecida filiación republicana. O pobo debe respectar dita propiedade, que deixou de ser particular. Os xornais serán publicados, en todo, conforme ao réxime republicano.
Deste xeito, as instalacións onde se imprimían os periódicos da Editorial Católica foron confiscadas por diversos integrantes do Frente Popular. Mundo Obrero, o voceiro do Partido Comunista de España (PCE), foi impreso utilizando o material de Ya, en tanto que Política, o órgano de comunicación de Izquierda Republicana (IR), quedou co de El Debate.[8]
Ao remate da guerra civil, un grupo dos seus antigos redactores e alumnos da Escola de Xornalismo dirixidos por Nicolás González Ruiz lanzaron un número especial de El Debate o 28 de marzo de 1939, inmediatamente despois da entrada das tropas franquistas na capital. Pero ante a prohibición da ditadura de restablecer El Debate, a empresa da Editorial Católica recuperou a súa herdanza no diario Ya, de menor significación política.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.