Eduardo Nogueira Pereira

mestre e toureiro galego From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

Eduardo Nogueira Pereira, nado en Santiago de Compostela (no antigo Concello de Conxo) o 3 de xuño de 1897[1][2], foi un mestre e pedagogo galego, que a comezos do século XX tamén exerceu de toureiro durante uns anos baixo o alcume artístico de «El Lavadito».

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Remove ads

Familia e formación académica

Eduardo Nogueira foi fillo de Constantino Nogueira Sardina e Carmen Pereira Suárez. Constantino e Carmen tiveron dez fillos entre 1890 e 1909: José, Carmen, Luis, Eduardo, Constantino, Constantina, Manuel, Rosario, María Concepción e Alfredo. O seu pai foi dono do Café Iberia (no número 12 da Rúa do Vilar, en Santiago) e Xefe de Consumos de Santiago, e ademais fundador do Partido Republicano Radical en Compostela. A súa infancia pasouna na casa familiar no número 31 da Rúa do Pombal.

Na súa xuventude estivo integrado nas seccións de exploradores composteláns[3][4] (equivalente galega dos Boy-Scouts), dirixidas polo profesor Adolfo Revuelta, introdutor do fútbol en Compostela. Tamén consta a súa participación nunha proba ciclista co gallo da Exposición Rexional de 1909 na que acadou o segundo premio[5][nota 1].

En 1914 deu comezo aos seus estudos na Escola Normal de Santiago de Compostela[nota 2], contando entre os seus compañeiros de estudos co futuro político Ramiro Sabell Mosquera. Ao ano seguinte formou parte como vogal dunha comisión de homenaxe ao profesor Vicente Fraiz Andón[6][7] o que dá conta dun incipiente interese en integrarse en organizacións e estruturas de diferente tipoloxía, actitude tan presente na súa familia (como pode verse co seu pai ou co seu tío Gabriel). Nestes anos deu comezo nel unha certa afección polo teatro, que logo desenvolvería no seu traballo nas escolas de nenos. Así, en 1916 formou parte do grupo de afeccionados Brisas Futuras, que participaron con éxito nunha representación benéfica no Teatro Principal o 28 de outubro[8][nota 3], entre outros moitos lugares. Eduardo Nogueira rematou os seus estudos para mestre en 1918, cun expediente irregular, aínda que sen ter que precisar máis dos catro anos nos que se artellaba daquela a carreira[9][nota 4].

Remove ads

Formación na tauromaquia: o ano 1916

Polo menos desde principios de 1916, Eduardo Nogueira e outros cinco rapaces formaron unha cuadrilla que practicaba coas vacas nun curral da Ponte de San Lázaro. A súa primeira vinculación pública á tauromaquia non é exactamente unha actuación relacionada con ela, senón máis ben unha manifestación xocosa que demostraba unha afección. Nos Entroidos composteláns de 1916 estes seis rapaces quixeron mostrar as súas ambicións montando unha comparsa á que chamaron Niños de Compostela, presentándose cos alcumes de «Larguito», «Filloítas», «Frutitos», «Paragüitas», «Varillas» e «Labadito» (con b neste primeiro experimento, sobrenome debido á brancura do seu cute)[10]. Deles só se coñecen as identidades de Nogueira Pereira e do alcumado «Varillas»: Jacobo Rey González (tamén coñecido como Jacobo Paredes Rey por ser fillo adoptivo e sucesor do impresor compostelán José María Paredes), que precisamente eran dentro da cuadrilla os seus "mestres toureiros".

Na veciña vila de Padrón, do mesmo xeito que pasou durante longo tempo en Santiago, houbo varios intentos de levantar unha praza de touros, elemento que prestixiaba as poboacións que contaban con el. Un grupo de investidores privados acadaron finalmente os permisos e os cartos necesarios para acometer a súa construción coa intención de inauguralo na Semana Santa de 1916. A estrea da arena íase producir o Domingo de Pascua, o 23 de abril, dando cabida no recinto a unhas catro mil persoas[11]. Para iso programáronse dúas novilladas con xovencos da gandería salmantina de Antonio L. Clairac para os días 23 e 24, no que cada día íanse dar conta de tres novelos. Para este acontecemento contouse coa actuación dunhas cuadrillas de afeccionados andaluces e estremeños, estudantes da Universidade de Santiago de Compostela ao igual que os seus subalternos, moitos galegos. As cuadrillas levaban os nomes de Cuadrilla de Pontevedra, Cuadrilla de Vilagarcía (liderada por Pascual Cervera, fillo do Comandante de Mariña de Vilagarcía) e Escolar Compostelana (liderada por Francisco Álvarez «Pachín», alumno de Medicina) e, polo tanto, programáronse trens extraordinarios para o público desde as tres cidades[12]. Neste momento, o xornal compostelán Gaceta de Galicia, lembrando a recente presentación en sociedade dos xoves aspirantes a toureiros, fíxolles un chamamento para que tratasen de conseguir unha contrata na tourada[nota 5][13]. Tres días despois publicouse a contratación do «Varillas» para a corrida[14], e aínda que nada se di de «Lavadito» posiblemente a súa inscrición tamén se produciu nese momento. Os afeccionados composteláns tíñanse que integrar nalgunha cuadrilla, pero durante o mes seguinte non houbo noticias do seu encadramento. É previsible, polo tanto, pensar que seguiron a súa preparación ao carón da denominada Escolar Compostelana, coa que deberon posar na fotografía de grupo tomada nunha arena de Padrón aínda en construción, que foi exposta no negocio dos López, El Sol (na compostelá Rúa das Orfas) poucos días antes do evento[15]. De súpeto a Cuadrilla de Pontevedra desapareceu do programa, sendo substituída por outra na que o matador previsto foi o alumno de Farmacia Ladislao Navarro «Potito» e na que se integraron os dous composteláns[16].

Chegado o día 23, deu comezo a corrida cunha expectación máxima, ata o punto de superarse a capacidade máxima prevista ao concentrarse unhas cinco mil persoas[nota 6], a metade compostelás, aínda que tamén veu xente desde Vigo, Pontevedra, Noia, Pontecesures, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa. Pese a algún altercado, debido á aglomeración e a escaseza de números da Garda Civil, e a ausencia de presidencia na praza por serlle imposible o acceso ata a lida do derradeiro touro, a corrida deu comezo. Porén, a ansiedade de boa parte do público e dos membros das cuadrillas fixeron do espectáculo unha pantomima, contabilizándose ata doce banderilleiros para o primeiro xovenco, entre os previstos e os espontáneos. A morte deste foi unha "desfeita"[nota 7]. Ao chegar o novelo da cuadrilla do «Lavadito», o público estaba máis contento co resultado da lida do segundo da tarde, que resultou moito mellor. Pero, o matador Navarro levou adiante unha actuación regular e, ao dicir da crónica, «Varillas» e «Lavadito» "non quedaron ben parados"[nota 8][17]. Desta corrida e da do día seguinte semella que o fotógrafo Ksado fixo un feixe de fotografías que puxo á venda no seu comercio da Rúa do Vilar[18]. Nos seguintes días, e co gallo da nova da Coruña sobre a constitución dunha cuadrilla local, a mesma Gaceta de Galicia animounos a facer o propio e crear outra compostelá, aínda que cunha certa retranca dado o pobre resultado da novillada[19].

Ao pouco Nogueira e Rey encadráronse na nova cuadrilla dun espada galego de alcume «Celita Chico»[nota 9][20]. Nesta compaña, e actuando como banderilleiro, Nogueira participou na estrea da praza de touros de Arzúa no día das Festas do Corpus, o 22 de xuño, con xovencos salmantinos da gandería de Buenabarba, de Andrés Sánchez[21][nota 10]. Desta novillada non chegaron novas ata os nosos días, pero non debeu de desgustar moito porque enseguida programouse outra para o 16 de xullo no mesmo lugar e cos mesmos protagonistas (cuadrillas e gandería). Non obstante, a lida non puido celebrarse no último momento por unha folga ferroviaria[22]. Como queira que os novelos non podían quedar sen lidar, empregáronse estes para a becerrada que se celebrou en Santiago o día 30 de xullo, no que, de novo, figurou o «Lavadito». Presidiron o festexo o concelleiro de Santiago Baldomero Concejo Punín e o membro da Liga de Amigos de Santiago Abelardo Nieto Núñez. Porén, tampouco nesta ocasión convenceu a súa actuación á crítica da época, que cualificou o espectáculo de "xolda"[23] recriminándolle pórlle a monteira na caluga a un boi manso que tivo que ser devolto aos currais[24][25].

Nogueira obtivo dous novos contratos para participar en sendas lidas os días 8 de outubro en Santiago e 15 de outubro en Padrón, malia que finalmente foron suspendidas por non contar coa autorización do gobernador civil[26][27]. Así rematou o ano, sen outras actuacións, resumindo este período formativo con tres becerradas de pouco lustre.

Remove ads

Un ano de tránsito: 1917

O ano 1917 transcorreu sen apenas noticias de Nogueira, no que semella ser un longo período de adestramento que lle dera a oportunidade de mellorar na profesión. Nin sequera participou na corrida mixta (é dicir, con touros e con xovencos) que se celebrou na súa propia cidade por mor das Festas da Ascensión, o 20 de maio[28].

No mes de xuño chegou a Galicia un novillero madrileño que tiña unha certa sona daquela. Chamábase Ángel Pérez e actuaba co alcume de «Boli»[nota 11]. Actuou nun festexo en Ourense coa aprobación do público[29], e a continuación veu para Santiago co gallo das Festas do Apóstolo. O seu primeiro encontro co público compostelán tivo lugar o 30 de xullo, unha data especial na que se inaugurou o Monumento a Rosalía de Castro, na Alameda[30]. A pesar de que a praza non acadou o cheo, a faena do madrileño resultou todo un éxito, no que acadou tres orellas e saíu a cachapernas[31][32][33][nota 12]. Axiña, Pérez obtivo unha nova lida na praza de touros compostelá, que quedou fixada para o día 14 de outubro, aínda que logo foi postergada para o 21 polos continuos problemas ferroviarios[34][35]. Entrementres, ao principio do outono, a Banda Municipal de Santiago estreou no Paseo da Alameda un pasodobre do novo pianista e estudante de Farmacia José Ferrero Castaño titulado "Lavadito", sen dúbida lembrando a unha personaxe compostelá que daquela estaba no candeeiro[nota 13]. Semella que alguén entendeu que sería unha boa oportunidade a novillada do día 21 para que «Lavadito» volvera a actuar perante o seu público, e para xuntarlle ademais outro toureiro novel compostelán chamado Manuel Moreira, de alcume «Moreirita»[35][36] o que podería reverter nunha boa entrada. Así que poucos días despois apareceron os carteis incluíndo aos destros composteláns, no que se anunciaba a lida de catro xovencos da gandería de Joaquín López de Letona, de Ciempozuelos (Madrid)[37][38][39]. Os despachos para mercar os billetes estaban no Toural e a praza estaba construída nos chamados Agros de Don Mendo, en terreos da antiga Exposición Rexional de 1909[40][41]. Houbo unha boa entrada, aínda que sen chegar nin moito menos ao sucedido en Padrón o ano anterior, cunha certa expectación polo que os santiagueses podían ofrecer[nota 14]. Porén, o resultado da corrida non foi todo o lustrosa que Nogueira quixera, que saíu á arena vestido cun terno de "rula e prata". Moreira estivo desaparecido durante o espectáculo (probablemente, paralizado polo seu debut). A Pérez as crónicas reprocháronlle unha certa indolencia. A «Canitos» (outro subalterno) saíulle mal o salto da garrocha que tentou. Aínda por riba, os xovencos pareceron morlacos, pero mansos a máis non poder, o que derivou na inevitable chacota do público. Nogueira non tivo máis sorte. Os inicios cos primeiros touros foron dubitativos e imprecisos, perdendo o capote xa nos primeiros lances. As banderillas foron aínda peor, téndoo que arranxar «Boli» coas súas intervencións. Talvez o mestre, anoxado coa situación, obrigou ao compostelán a manter co cuarto e último novelo un toureo ao alimón, o que fixo cunha certa dignidade (a pesar de que nun momento tropezou e acabou no chan) e con éxito cunhas banderillas que puxo[nota 15], mellorando a imaxe na fase final da lida[42][43][44][45][46][47].

Pasou o inverno sen outra noticia de Nogueira, quizais algo máis animado co resultado persoal da última corrida, aínda que consciente do traballo que lle esperaba por diante.

Remove ads

Derradeiros meses na tauromaquia: 1918

Neste o que sería o derradeiro ano coma toureiro, Nogueira participou polo menos de tres corridas: en maio, agosto e outubro. Supuxeron un salto cualitativo na súa carreira posto que puido, por fin, converterse en espada e non só ser o subalterno doutro. Tamén hai que salientar que a gripe de 1918 tivo, sobre todo desde o verán, unha forte influencia na sociedade compostelá do momento, afectando indubidablemente aos festexos taurinos.

A primeira corrida programouse para o día 30 de maio, polo Corpus Christi, con catro xovencos da gandería salmantina de "Hijos de Angoso", sendo os mestres os novilleros Antonio González («Faroles») e Lorenzo Cejo («Ocejito Chico»)[48][49][50], actuando «Lavadito» de subalterno. Unha vez chegadas as reses aos currais decatáronse de que os novelos eran impoñentes (algún semellaba maior de catro anos[51]), polo que a expectación creceu e deu lugar a unha moi boa entrada. En xeral, as crónicas da época resaltaron a valentía dos destros ante semellantes bichos, con lances de mérito, vorcalladas, feridas nos toureiros de pouca consideración e algún altercado nas bancadas, dándolle unha nota máis que aceptable ao resultado final[52][53][54][55][nota 16].

Por fin, Nogueira tomou a alternativa como matador o 4 de agosto, noutra becerrada, tamén na súa cidade natal. As noticias non son tan amplas como noutras corridas, talvez por ser unha das menos interesantes das programadas para as Festas do Apóstolo dese ano. De feito, a entrada xulgamos que foi escasísima[nota 17]. Lidáronse tres novelos da gandería de Antonio López Andrade (chamada a Vacada do Barbanza[56]), todos eles moi chicos e de pouco trapío, e a intendencia disposta foi impropia dunha corrida pública (faltaba ata a puntilla do descabello). As faenas deron escaso lucimento, con poucos claros e moitos escuros, pudendo matar só aos dous primeiros porque o terceiro tivo que ser devolto aos currais. Como curiosidade, asistiu como espectador o escritor Alejandro Pérez Lugín[57][58][59][60].

A derradeira actuación de «Lavadito» ía ser nunha becerrada que se programou para o día 29 de setembro, sendo organizada pola Sociedade de Dependentes de Comercio de Santiago e na que se aseguraba que a dirixiría o célebre toureiro lancarao Alfonso Cela VieitoCelita»)[61]. Os espadas previstos eran Rafael Núñez («Machaquitín») e Fernando de la Hena («Pacomio III»)[62][63], non figurando Nogueira nesta ocasión no cartel. Os organizadores viaxaron a Salamanca para traer os 4 xovencos, pero, unha vez máis, o día anterior houbo de atrasarse o espectáculo polas consabidas dificultades no transporte. A nova data fixouse para o 6 de outubro[64][65]. Alí presentouse a presidencia[nota 18], o público, os touros, pero non os toureiros. Nin os espadas nin «Celita» puxeron un pé na praza santiaguesa, semella que afectados pola "enfermidade de moda" (a terrible gripe). As circunstancias levaron tourear a algúns comerciantes que participaban na organización, pero a desfeita mostrada co primeiro touro fixo saltar á arena a varios espontáneos, dispostos a arranxalo. Un deles, «Lavadito»[nota 19]; outro, un pallaso que ía actuar esa mesma noite no Teatro Principal alcumado «Tedy»; tamén saltaron o coruñés Alfredo Esparza «Lizarito», un estudante de Farmacia (Gregorio Santaolalla Unceta), outro de Veterinaria (o andaluz José Espinosa de los Monteros) e un palentino. O resultado non puido ser máis positivo, acadando Eduardo Nogueira as mellores críticas da súa carreira, na única corrida para a que non estaba invitado. Matou a dous dos novelos, e algún crítico falou del en termos de que vía un toureiro de posibilidades[66][67][68][69][70].

Non obstante, a carreira taurina de Nogueira non deu para máis. En febreiro deste ano entrara no sorteo dos quintos, acadando o número 186[71][72][73][74], o que lle obrigou a partir para cumprir co servizo militar en abril de 1919[75].

Remove ads

Matrimonio e anos de interinidades

Ao pouco de volver do servizo militar, Eduardo Nogueira casou con Rosa Iglesias, nacendo primeiro os seus fillos Manuel e Carmen. En 1922 naceu a súa filla María (Maruxa) e en xullo de 1931, en Santiago, o seu fillo Eduardo[76] (Cholo).

Por fin, en decembro de 1922 obtivo unha interinidade na escola de nenos de Carral[77][78]. En febreiro de 1924 participou nunhas oposicións para ingresar no Corpo de Vixianza[79] (equivalente do actual Corpo Nacional de Policía), pero non as superou. Neste mesmo ano atopámolo xa con outra substitución na escola de nenos de Muros[80], na que permaneceu ata febreiro de 1925, cando reincorporouse o titular[81][82][83]. Como xa sucedéralle coa de Carral, tamén na de Muros tivo que reclamar a indemnización correspondente pola vivenda que tivo que alugar no respectivo destino[84][85]. A principios de 1926 a substitución desfrutouna en Arzúa[86], para pasar a continuación antes de abril á escola de Calvos-Circes (no concello de Touro)[87][nota 20]. É probable que nesta escola se mantivera ata outubro deste ano, logo que a finais de mes volveu á lista de aspirantes a interinidades[88]. Pouco menos dun mes despois obtivo outra mestría interina na escola de Merexo, na parroquia de Ozón, en Muxía[89][nota 21], onde deixaría unha fonda pegada. Os seus métodos de traballo en Ozón acadaron moi bos resultados entre os rapaces, cunha boa asistencia diaria. Algúns principais do pobo decidiron construír unha nova escola, incluíndo "abundante material pedagóxico", coa intención de inaugurala a finais de 1927. Pediron, ademais, ás autoridades educativas, mantelo posto de Nogueira facéndoo permanente apelando aos magníficos resultados[90][91]. Descoñecemos se Nogueira conseguiu ficar en Muxía.

Remove ads

Os anos na Casa Hospicio

O 27 de xuño de 1930 faleceu o mestre da Casa Hospicio da Beneficencia compostelá[92], que dependía do Concello de Santiago. Como queira que nese momento comezaban as vacacións escolares, semella que ao Concello non lle entraron presas por atopar un substituto. Non obstante, chegado o mes de setembro, a escola seguía sen mestre para os nenos. O 8 de outubro a Comisión Municipal Permanente do Concello de Santiago, á proposta da Comisión Municipal de Beneficencia, nomeou novo mestre a Eduardo Nogueira[93][94]. O seu soldo debía ser dunhas 2.000 pesetas[nota 22], porén ao pouco a Comisión Municipal de Facenda, ao fin de equiparar os soldos de tódolos mestres, propuxo elevalo ata as 3.000 pesetas apenas un mes despois da súa toma de posesión[95].

Unha das aplicacións máis salientables dos seus métodos de ensinanza foi a posta en funcionamento nos estudos da materia teatral e declamatoria. Temos varios exemplos ao longo dos anos que ficou na Beneficencia compostelá. Desde o principio obtivo notable éxito, como as actuacións do 2 de febreiro[96], do 2 de abril[97] (nas que participaron varios nenos, entre eles o futuro maxistrado José Posse Carballido[nota 23]) e do 30 de decembro[98][nota 24] de 1931, e do 27 de decembro de 1932[99]. Tamén adoitaba facer excursións cos nenos[100] con fins igualmente formativos. As felicitacións polo seu traballo desde o Concello e os medios de comunicación foron varias[101][102]. Probablemente Nogueira debeu continuar na Casa Hospicio ata 1934.

O 22 de xullo de 1928, unha Real Orde fixo unha convocatoria para oposicións a prazas de mestres nacionais no territorio español, como era habitual. As oposicións celebráronse ao longo do ano seguinte. Eran un feixe as prazas que se ofrecían, pero nesta ocasión a forma de avaliar era notoriamente diferente. Establecíanse dúas comisións de avaliación: unha era Provincial (antes era a única), que corrixía 3 exercicios; outra, Central, coa sede en Madrid, que facía o mesmo con outros 3 exercicios. O problema era a forma de avaliar. En Galicia semella que as cualificacións eran moi altas (eran moitos os que acadaban a puntuación mínima requirida para aprobar), pero cando chegaban a Madrid a desfeita era maiúscula e case todos eran suspensos e, polo tanto, eliminados das listaxes de aprobados[nota 25], cousa que con outras comunidades non sucedía. Visto o visto, os criterios de avaliación eran sensiblemente diferentes, senón pola laxitude si polos modelos avaliatorios empregados. O resultado foi que dos 117 opositores para mestres aprobados polo Tribunal de Santiago só aprobaron en Madrid 23, sendo o resto eliminados. Foi peor para as opositoras a mestras, posto que ningunha logrou aprobar coa Comisión Cualificadora da Corte[103]. As protestas foron moi estendidas e enérxicas. Debido á escaseza de aprobados, a meirande parte das prazas sacadas a concurso quedaron sen cubrir, perpetuándose a asignación destas a interinos. Un dos opositores afectados foi Eduardo Nogueira.

En maio de 1930 a Gaceta de Madrid quixo dar unha solución de compromiso creando listas suplementarias, o que non contentou a ninguén[104], e continuaron as protestas. Formáronse comités locais para a defensa e información dos "opositores eliminados", destacándose Nogueira na de Santiago (tivo a súa sede na Rúa Nova, fronte ao Centro Republicano)[105]. A nova solución veu por recoñecer aos opositores aprobados en provincias, e que non figuraban nas "listas supletorias" posteriores, o dereito a solicitar á repetición deses exercicios mediante unha instancia ao Ministerio de Instrución Pública[106]. Aínda así, os eliminados composteláns encontraron a solución inxusta[107] e elevaron a súa nova protesta xunto a outros grupos locais. Finalmente, a Gaceta de Madrid publicou un decreto de 3 de xullo de 1931 (desenvolvido o 27 de agosto por unha orde da Dirección Xeral de Primeira Ensinanza) dando coma última solución a "organización de cursos de selección profesional" que darían comezo entre o 15 de setembro e o 26 de outubro. Eran, ao fin, uns cursos de capacitación que substituirían á necesidade de pasar unhas novas oposicións, aínda que foran exclusivamente para eles[108][109][nota 26]. Naceu para a sociedade da época a figura do "cursillista", que estivo no candeeiro informativo durante moito tempo[nota 27]. Nogueira dirixiu unha instancia o 21 de setembro ao Reitor Xefe do Distrito Universitario de Santiago solicitando o ingreso nestes cursos[110][nota 28], tendo que resolver en outubro algunha falla de documentación[111].

Entrementres, Nogueira continuaba na lista de interinaxes e ata foille dado un novo destino en xaneiro do 1931 para unha aldea das Grañas do Sor (Mañón)[112]. Non obstante, rexeitouno para poder continuar o seu labor á fronte da escola da Casa Hospicio, na que continuaba cando se proclamou a II República Española, en abril de 1931. Un dos momentos que máis polémica levantou nese tempo foi a retirada do crucifixo da escola[113], que Nogueira viviu e descoñécese como puido afectarlle. Compatibilizou o traballo cos cursos, que foi superando a pesar de sufrir en xuño unha enfermidade que fixo temer pola súa vida[114][115]. Precisamente, foi aceptado para realizar o terceiro e derradeiro curso, a finais deste mes[116], que superou con dereito a praza en decembro de 1933[117][118].

Remove ads

Asociacionismo e depuración política

O 6 de febreiro de 1933 fundouse unha nova asociación nos salóns da "Academia Gelmírez" chamada Defensores de Santiago. Presidida polo avogado e xornalista José Portal Fradejas, Nogueira resultou elixido vogal[119][nota 29]. A sociedade converxía nos seus intereses coa Liga de Amigos de Santiago, fundamentalmente na busca de orzamentos e a organización das festas compostelás, e ao longo da súa existencia (ata o principio da Guerra Civil Española) as dúas sociedades colaboraron activamente. Na acta fundacional os Defensores de Santiago fixeron unha declaración de adhesión á campaña pro-Estatuto, o que con seguridade contribuíu á súa desaparición co franquismo. Persoalmente, Nogueira tamén deu o seu apoio á causa do Estatuto, ao participar na Homenaxe Rexional ao secretario do Comité de Autonomía, naquel tempo Enrique Rajoy Leloup[120][121].

Nogueira tamén foi elixido vogal 4º da Asociación de Empregados e Obreiros Municipais de Santiago o 26 de agosto do mesmo ano[122][123], baixo a presidencia de Fernando Domínguez Caamaño, posteriormente represaliado e fusilado polas tropas franquistas ao comezo da guerra como membro do Comité de Defensa da República de Santiago e de Izquierda Republicana[124].

En febreiro de 1934 foi convocada unha vacante de mestre para Quión (Touro)[125]. Inicialmente, a praza foi asignada a un candidato, que a tivo que rexeitar, polo que no mes de xuño pasou a outro mestre, que tamén a debeu rexeitar[126][127][128]. Entre xullo deste ano e a primavera do seguinte, Eduardo Nogueira consegue por fin praza definitiva nesta escola de Quión[nota 30], onde con seguridade continuou empregando os seus métodos educativos, como demostra o feito de que o 22 de maio pasou con máis dun cento de alumnos toureses por Santiago, visitando os monumentos e a imprenta do xornal El Compostelano[129]. Nesta escola seguiu traballando ata que chegou a Guerra Civil.

A súa significación no asociacionismo santiagués debeu sinalarlle para as autoridades do novo Réxime, polo que deu comezo a súa depuración. Unha orde ministerial de xullo de 1940, á proposta da Comisión Superior Ditaminadora de Expedientes de Depuración e por informe da Dirección Xeral de Primeira Ensinanza, condenouno a ser "separado definitivamente do servizo e baixa na escala correspondente"[130], polo que tivo que deixar a escola de Quión.

Remove ads

Regreso ao seu traballo de mestre e derradeiros anos

Deu comezo para Nogueira unha peregrinación polas institucións educativas, tentando recuperar o seu traballo. En maio de 1941 viaxou a Madrid[131] e as súas xestións deberon dar resultados posto que, finalmente, o Ministerio de Educación revisou o seu expediente e resolveu en agosto reducir a sanción á "suspensión de emprego e soldo por dous anos co pago do tempo que estivera, traslado fóra da provincia, non podendo solicitar vacantes en cinco anos e inhabilitación para cargos directivos en institucións culturais e de ensinanza"[132].

Unha vez transcorrido o primeiro período da última sanción, e polo visto con bastante atraso, adxudicóuselle en agosto de 1944 unha nova praza fóra da provincia, máis concretamente na escola da luguesa Guilfrei (Becerreá)[133]. Segundo isto, polo menos ata 1949 non debeu poder optar ao que sería o seu derradeiro destino no barrio da Ferrería, en Boiro[134][135]. O seu paso por esta escola boirense debeu deixar unha fonda impresión porque se lle lembra nunha placa, agradecéndolle o seu traballo con persoas sen recursos.

Remove ads

Notas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads