Ismail Haniyeh

político palestino, líder de Hamas do 2017-2024 From Wikipedia, the free encyclopedia

Ismail Haniyeh
Remove ads

Ismail Haniyeh ou Ismail Haniya (en árabe: إسماعيل هنية, Ismāʿīl Haniyya ou إسماعيل عبد السلام أحمد هنية, Ismāʿīl ʿAbd as-Salām Aḥmad Haniyya), nado no campo de refuxiados de Al-Shati, Gaza, o 29 de xaneiro de 1962[1] ou 1963[2] e finado en Teherán (Irán) o 31 de xullo de 2024,[3][4] foi un político e activista palestino, líder do grupo Movemento de Resistencia Islámica (coñecido como Hamas) dende o 6 de maio de 2017[5] até o momento do seu asasinato.

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...
Remove ads

Dende o 21 de febreiro de 2006, ostentou o cargo de Primeiro Ministro da Goberno de Unidade Nacional Palestina, creado por Fatah logo do triunfo de Hamas nas eleccións de 2006, e o mantivo até o 14 de xuño de 2007, cando o seu goberno foi destituído polo presidente palestino Mahmoud Abbas.[6]

Haniyeh foi durante dúas décadas o maior líder político do grupo terrorista Hamas. Segundo Al-Jazeera, "Haniyeh, a diferenza dalgúns outros líderes de Hamas, evitou suxerir 'a destrución de Israel'." Haniyeh, polo tanto, era visto como un líder "pragmático" de Hamas. Tiña a súa residencia familiar no campo de refuxiados de Al Shati, preto da cidade de Gaza, mais dende 2019 vivía exiliado en Qatar.[3]

No momento do seu asasinato, Haniyeh, estaba á fronte da diplomacia e das negociacións indirectas para chegar a un alto o fogo en Gaza, por mor do ataque de Hamas a Israel, o 7 de outubro de 2023.[7]

Remove ads

Traxectoria

Primeiros anos e formación

Nado en Al-Shati, un campo de refuxiados palestinos no norte de Gaza, durante a ocupación exipcia da franxa. Aló chegaron seus pais, trala guerra árabe-israelí de 1948 e o posterior éxodo palestino, en que abandonaron a actual cidade de Ascalón e marcharon a Gaza como refuxiados.[8] Estudou nas escolas da Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (acrónimo inglés: UNRWA, United Nations Relief and Works Agency for Palestine Refugees in the Near East) e, despois, estudou e se graduou en literatura árabe na Universidade Islámica de Gaza.[9] Ali entrou en contacto con Hamas e, decontado, adheriuse á política e militou no grupo dende a súa creación[10] e foi xefe do consello estudantil que representaba a Hamas.[1]

En Hamas

Na década dos anos 80, fora detido en varias ocasións. En 1987, despois de se graduar, pola súa participación na Primeira Intifada.[8][11] De novo en 1988, xa con Hamas, e outra vez en 1989, cando foi encarcerado durante outros 3 anos.[8] En 1992, foi deportado con outros 451 membros de Hamas e da Yihad Islámica ao sur do Líbano, onde permaneceu até 1993, en que retornou a Gaza, e se converteu en decano da Universidade Islámica de Gaza.[8]

Cando en 1997, o xeque Ahmed Yassin, considerado o líder espiritual do Movemento de Resistencia Islámica, foi liberado da prisión israelí, Haniyeh foi nomeado xefe-secretario da súa oficina[12] tendo cada vez máis relevancia até ser o representante de Hamas perante a Autoridade Palestina.[8] A súa posición dentro de Hamas continuó fortalecéndose durante a Segunda Intifada debido á súa relación con Yassin e tamén por mor dos asasinatos de gran parte dos líderes de Hamas por parte das forzas de seguridade israelís.[13] Tamén el sufriu atentados por parte dos israelís como cando estaba con Yassin e escaparon por pouco dun atentado en 2003 no que un F-16 israelí lanzou varios mísiles contra unha casa en Gaza resultando feridos leves,[8][11][14] se ben Yassin foi asasinado seis meses máis tarde por helicópteros enviados por Israel.[8][11][14]

Primeiro Ministro de Palestina (2006-2007)

Dende tempo atrás, a década dos anos 90, era partidario de que Hamas se convertese en partido político e disputar o liderado palestino a Fatah nas eleccións. Malia ter un certo apoio, esta postura sempre foi minoritaria porque implicaría apoiar os Acordos de Oslo.[14]

Porén, todo cambiou en a finais de 2005 e, en decembro, Haniyeh foi elixido para encabezar a lista de Hamas, que se presentou ás eleccións lexislativas palestinas do 25 de xaneiro de 2006 e, que ninguén en Hamas esperaba gañar,[14] como sucedeu. Foi proposto o 16 de febreiro de 2006 como o novo primeiro ministro da Autoridade Nacional Palestina;[1] o 20 de febreiro, foi presentado oficialmente ao Presidente Mahmoud Abbas, e o 29 de marzo de 2006, prestou xuramento.

Reaccións

Tralas eleccións, Israel aplicou unha serie de medidas punitivas, incluídas sancións económicas, contra a Autoridade Nacional Palestina. O primeiro ministro en funcións, Ehud Olmert, anunciou que Israel non ía trasnferir á Autoridade Palestina uns 50 millóns de dólares ao mes de impostos que foron cobrados por Israel en nome da Autoridade Palestina. Haniyeh rexeitou as sancións, afirmando que Hamas non se desarmaría nin recoñecería a Israel. Haniyeh lamentou que Hamas fose sometido a medidas punitivas, e engadiu que "[Israel] debería ter respondido de forma diferente á democracia expresada polo pobo palestino".[15] Estados Unidos esixiu que os 50 millóns de dólares en fondos de axuda exterior non gastados pola Autoridade Palestina fosen devoltos aos Estados Unidos, cousa que o ministro de Economía palestino, Mazen Sonokrot, acordou facer.[16] Sobre a perda de axuda estranxeira dos Estados Unidos e da Unión Europea, Haniyeh comentou que: "Occidente sempre está usando as súas doazóns para presionar ao pobo palestino".[15]

Varios meses despois da vitoria electoral de Hamás en 2006, Haniyeh enviou unha carta ao presidente dos Estados Unidos, George W. Bush, na que pedía ao "goberno estadounidense que tivese negociacións directas co goberno electo", ofreceu unha tregua a longo prazo con Israel, mentres que aceptando un estado palestino dentro das fronteiras de 1967 e instou a fin do boicot internacional, alegando que "fomentaría a violencia e o caos" mais o goberno dos Estados Unidos non respondeu e mantivo o seu boicot.[17]

Conflito con Abbas

Mahmoud Abbas pretendía celebrar novas eleccións ou destituír ao goberno para limitar o poder de Hamas en Gaza e a tensión ía a máis até o punto de producirse combates entre milicianos de Fatah e de Hamas. Haniyeh, amosou o seu desacordo coas novas eleccións e pretendeu chegar a un acordo con Abbas. Porén, o 20 de outubro de 2006, na véspera deste acordo o convoi de Haniyeh, que volvía do campo de refugiados de Nusseirat, foi tiroteado e un dos coches foi incendiado.[18] Haniyeh non resultou ferido no ataque e tanto fontes de Hamas, que dixeron que non se trataba dun intento de asasinato, como fontes de seguridade da Autoridade Palestina trataron de limitar o seu alcance ao informar que os atacantes eran familiares dun home de Fatah morto en enfrontamentos con Hamas e que se mantiñan os acordos e a aposta polo diálogo entre as faccións palestinas.[19]

Prohibición de regreso a Gaza

O 14 de decembro de 2006, cando Haniyeh regresaba a Gaza da súa primeira viaxe oficial ao estranxeiro como primeiro ministro, e levaba uns 30 millóns de dólares en efectivo destinados aos pagos da Autoridade Palestina, se lle prohibiu a entrada a Gaza desde Exipto no paso fronteirizo de Rafah. O paso fronteirizo foi pechado por orde do ministro de Defensa israelí, Amir Peretz e, posteriormente, as autoridades israelís declararon que permitirían que Haniyeh cruzase a fronteira sempre que deixase o diñeiro en Exipto e que sería transferido a unha conta bancaria da Liga Árabe. En resposta ao incidente, os militantes de Hamas pretenderon forzar o paso o que implicou un intercambio de disparos coa Garda Presidencial Palestina, responsables da seguridade, no paso fronteirizo. Segundo os informes, os monitores da UE que operaban o paso foron evacuados con seguridade.[20]

Cando Haniyeh máis tarde intentou cruzar a fronteira, un intercambio de disparos deixou un gardacostas morto e o fillo maior de Haniyeh ferido. Hamás denunciou o incidente como un atentado do rival Fatah contra a vida de Haniyeh, que provocou tiroteos en Cisxordania e na Franxa de Gaza entre as forzas de Hamás e Fatah. Haniyeh foi citado dicindo que sabía quen eran os presuntos autores, pero non quixo identificalos e apelou á unidade palestina. Exipto ofreceuse a mediar na situación.[21]

Goberno de Unidade Nacional Palestina de marzo de 2007

Haniyeh dimitiu o 15 de febreiro de 2007 como parte do proceso para formar un goberno de unidade nacional entre Hamas e Fatah[22] que se formou o 18 de marzo de 2007. Mais, pouco despois, o 14 de xuño de 2007, no medio da batalla de Gaza, o presidente Mahmoud Abbas anunciou a disolución do goberno de unidade de marzo de 2007 e a declaración do estado de emerxencia. Haniyeh foi destituído e Abbas gobernou Gaza e Cisxordania mediante decretos presidenciais.[23] Porén o enfrontamento armado entre Hamas e Fatah, concluíu coa expulsión deste grupo de Gaza[1] que pasou a estar totalmente controlado por Hamas.

Despois da batalla de Gaza

Thumb
Haniyeh, en 2012, presidindo a cerimonia de graduación da policía de Gaza.
Thumb
Haniyeh reunido co ministro turco de cultura en novembro de 2012.

A partir de 2016, Haniyeh trasladouse de Gaza a Qatar e mantivo a oficina política en Doha.[24]

O 13 de outubro de 2016, o Comité Xurídico do Consello Lexislativo Palestino (PLC) aprobou unha solicitude para o retorno do goberno de Haniyeh á Franxa de Gaza, despois da súa dimisión o 2 de xuño de 2014, para formar un goberno de concentración nacional encabezado por Rami Hamdallah, despois de conseguir un acordo sobre o campo de refuxiados de Beach. O respaldo realizouse en resposta á revisión por parte do PLC dun estudo, enviado por membros do parlamento de Hamas, enfadados polos fallos gobernamentais percibidos tras a dimisión de Haniyeh. Nas propias palabras de Hamas, denunciando que o goberno de consenso "incumpre o acordo interno entre Hamas e as faccións da Organización de Liberación de Palestina para formar o goberno de consenso de 2014, e substituíu a varios ministros por líderes de Fatah, converténdoo nun goberno de Fatah". A pesar da recomendación do PLC e da petición de Hamas, tanto o goberno de consenso como Fatah rexeitaron a solicitude, citando nun comunicado de prensa a súa ilegalidade e o risco de novas divisións entre Gaza, controlada por Hamas, e Cisxordania.[25]

Xefe da Oficina Política de Hamas (2017-2024)

Dende setembro de 2016, circularon informacións sobre a sucesión de Khaled Mashaal por Haniyeh como líder de Hamás.[26] Mashaal, Haniyeh e o presidente palestino Mahmoud Abbas reuníronse en Qatar, para discutir a reconciliación nacional e as próximas eleccións nacionais. Nesta reunión decidiuse que Haniyeh sucedería a Mashaal nas eleccións de 2016,[27] fronte aos outros dous candidatos probables o membro de alto rango de Hamas, Moussa Mohammed Abu Marzook e, o líder de Hamas, Mahmoud Zahhar. Este feito supuxo que se convertese no líder político de Hamas a partir de 2017[7][10] e, que pouco despois, en 2018, fose incluído na lista dos Estados Unidos de terroristas globais.[28]

Thumb
Celebración en Gaza, do 25 aniversario da creación de Hamas (2012).

En setembro, Haniyeh abandonou Gaza en setembro para visitar unha serie de estados árabes e musulmáns en preparación para o seu novo papel e trasladouse oficialmente á capital de Qatar, Doha, onde residía Mashaal, pois era tradición que o xefe da oficina política de Hamas residise fóra de Gaza, onde foi substituído por Imad al Alami.[29]

En febreiro de 2020, Haniyeh reuniuse co presidente turco, Recep Tayyip Erdoğan; a reunión foi criticada polo Departamento de Estado dos Estados Unidos.[30] En agosto de 2020, Haniyeh chamou a Mahmoud Abbas para comunicarlle que el tamén rexeitaba o acordo de normalización entre Israel e os Emiratos Árabes Unidos, que Abbas denominou como traizón, algo que Reuters cualificou de "rara mostra de unidade".[31] Este achegamento entre Haniyeh e Abbas, propiciou tamén, o acordo entre Hamas e Fatah de 2021.[1] En agosto de 2021, Haniyeh, foi reelixido para o cargo. [32]

O 26 de xullo de 2023, Haniyeh reuniuse con Erdogan e o presidente da Autoridade Palestina, Mahmoud Abbas no que se quixo ver un intento por parte de Turquía para reconciliar a Fatah con Hamás.[33]

Guerra Israel-Hamas

Thumb
O líder de Hamás Ismail Haniyeh e o líder supremo iraniano Ali Khamenei saúdanse (2012).

O 7 de outubro de 2023, se produciu un ataque, reivindicado posteriormente por Hamas, no que unha incursión en territorio israelí levou ao asasinato de máis de 1.400 israelís, a gran maioría civís, e secuestraron a máis de 220 persoas. Houbo unha certa controversia sobre o paradoiro de Haniyeh pois, mentres o diario Al-Monitor, aseguraba que o día do ataque de Hamas contra Israel, Haniyeh estaba en Istambul, Turquía;[34] outros medios publicaron unhas imaxes da súa oficina na capital de Qatar, Doha, que mostraban a Haniyeh celebrando o ataque xunto a outros funcionarios de Hamas, antes de que comezar a rezar. que Al-Monitor.

Segundo o Telegraph, Haniyeh converteuse na "cara pública" do ataque, describíndoo publicamente como o inicio dunha nova era no conflito israelo-palestino.[24][35] Haniyeh pronunciou un discurso televisado no que denunciou as ameazas á mesquita de Al-Aqsa, o bloqueo israelí de Gaza e a difícil situación dos refuxiados palestinos: "Cantas veces advertimos de que o pobo palestino leva vivindo en campos de refuxiados durante 75 anos, e vós rexeitastes recoñecer os dereitos do noso pobo?".[36] Continuou dicindo que Israel, "que non pode protexerse fronte aos resistentes", non podería proporcionar protección a outros países árabes, e que "todos os acordos de normalización que asinastes non poden resolver este conflito [palestino]".[37][38]

O 10 de outubro, Haniyeh dixo que Hamas non consideraría a liberación de ningún cativo israelí ata que rematase a guerra. Afirmou que o alcance das represalias de Israel foi un reflexo do "impacto rotundo" que tivo no país o ataque do 7 de outubro e reiterou que o pobo palestino en Gaza tiña "a vontade de sacrificar todo o que é precioso en aras da súa liberdade e dignidade". Engadiu que Israel "pagará un alto prezo polos seus crimes e terrorismo [contra o pobo de Palestina]".[39]

Thumb
Haniyeh, no funeral de Qasem Soleimani, en Teherán (no centro, terceira fila).

O 15 de outubro de 2023, o Times of Israel informou de que Haniyeh "foi despedido educadamente" de Turquía. Esta información proviña do xornal Al-Monitor, que afirmaba que Haniyeh estaba de visita en Turquía dende o día 7 e que ao producirse o ataque fora expulsado.[34][40] Porén, Turquía negou oficialmente estas informacións.[40] Con posterioridade, Haniyeh reuniuse co ministro de Asuntos Exteriores iraniano Hossein Amir-Abdollahian en Doha.[41]

O 16 de outubro de 2023, Haniyeh e o ministro de Asuntos Exteriores de Turquía, Hakan Fidan, discutiron a posibilidade de liberar os reféns tomados durante o ataque de Hamás contra Israel.[42]

O 21 de outubro de 2023, Haniyeh falou co presidente turco Recep Tayyip Erdogan sobre os últimos acontecementos na guerra entre Israel e Hamás e a situación actual en Gaza.[43]

O 1 de novembro de 2023, Haniyeh acusou a Israel de cometer "masacres bárbaros contra civís desarmados" despois de que Israel realizase un ataque contra o campo de refuxiados de Jabalia nunha operación dirixida contra Ibrahim Biari, un alto dirixente de Hamas, e resolveu que a loita continuaría ata que "os palestinos obtivesen os seus "lexítimos" dereitos á liberdade, á independencia e ao retorno".[44]

Thumb
Reunión entre Hamas (representada por Haniyeh) e Rusia, en Moscova (2022).

O 2 de novembro de 2023, Haniyeh afirmou que se Israel aceptaba un alto o fogo e a apertura de corredores humanitarios para traer máis axuda a Gaza, Hamas está "preparado para as negociacións políticas para unha solución dos dous estados con Xerusalén como capital de Palestina" e engadiu que "os cativos israelís están sometidos á mesma destrución e morte que o noso pobo".[45]

O 13 de decembro, unha enquisa de opinión mostrou que Haniyeh derrotaría ao actual Mahmoud Abbas por un esborralle de terra para o cargo de presidente do Estado de Palestina (78% para Haniyeh e 16% para Abbas). Non obstante, nunha carreira a tres bandas entre Haniyeh, Abbas e Marwan Barhgouti, Barghouti gañaría o 47%, Haniyeh gañaría o 43% e Abbas gañaría o 7%.[46] Barghouti está en confinamento illado na Ramon Prison por Israel.[47]

En abril de 2024, Haniyeh reuniuse co xefe adxunto de Fatah, Mahmoud Aloul, reuniuse na China para discutir a reconciliación. O 23 de xullo, unha nova rolda de conversacións entre Hamas e Fatah deu lugar a un acordo para formar un "goberno interino de reconciliación nacional" para manter o control palestino na Franxa de Gaza despois da guerra. No momento da súa morte lideraba as negociacións de alto o fogo para Hamas.[48]

En maio de 2024, a fiscalía da Corte Penal Internacional solicitou ordes de arresto contra tres líderes de Hamas, entre ellos Haniyeh, mais tamén contra o primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, por presuntos crimes de guerra.[49][50]

Remove ads

Visións

Haniyeh foi visto como unha das figuras máis pragmáticas e moderadas de Hamás.[14][49][32]

Relacións con Israel

As opinións respecto da loita armada e Israel foron modulándose a partir da realidade política do momento, variando dende o recoñecemento da realidade política até as presións militares. Así, en marzo de 2002, durante a Segunda Intifada, Haniyeh foi citado dicindo: "Os xudeus aman a vida máis que a calquera outro pobo, e prefiren non morrer", reflectindo a opinión de que os atentados suicidas palestinos provocaran a maior vulnerabilidade de Israel despois de anos de conflito.[51]

En agosto de 2006, na súa primeira visita ao estranxeiro como primeiro ministro con destino a Irán, Haniyeh dixo: "Nunca recoñeceremos o goberno sionista usurpador e continuaremos o noso movemento como xihad até a liberación de Xerusalén".[52] En decembro de 2010, Haniyeh afirmou nunha rolda de prensa en Gaza: "Aceptamos un estado palestino nas fronteiras de 1967, con Xerusalén como capital, a liberación de prisioneiros palestinos e a resolución do problema dos refuxiados". Ademais, dixo que se o electorado palestino aproba ese acordo de paz con Israel, o seu goberno cumpriríao a pesar das anteriores posicións de Hamás sobre o tema.[53]

O 23 de marzo de 2014, durante un festival que conmemoraba o décimo aniversario do asasinato do xeque Ahmad Yassin, Haniyeh pronunciou un discurso ante unha multitude de partidarios de Hamas, dicindo "Desde dentro de Gaza, repito unha e outra vez: non recoñeceremos a Israel. Desafortunadamente, o bloqueo de Gaza é cada vez máis forte". Durante este discurso, a multitude coreou "¡Avanza Hamas, avanza! Nós somos o canón e vós sodes as balas... Oh Qassam, o noso amado, bombardea Tel Aviv".[54]

Cando se lle preguntou sobre a destrución de Israel, respondeu: "Alguén cre que podemos usar armas para destruír un estado que ten F-16 e 200 cabezas nucleares?"[14]

Controversia do islam do Papa Bieito XVI

Durante a polémica do papa Bieito XVI sobre o islam en 2006, Haniyeh opúxose enerxicamente ás declaracións do Papa: "En nome do pobo palestino, condenamos as declaracións do Papa sobre o Islam. Estas observacións van en contra da verdade e tocan o corazón da nosa fe". Haniyeh tamén denunciou os ataques musulmáns contra igrexas en Cisxordania e Gaza que se produciron como reacción á polémica.[55]

Osama bin Laden

Cando o 2 de maio de 2011, Osama bin Laden foi asasinado polas forzas estadounidenses en Paquistán, e o asasinato foi eloxiado polo rival de Hamas, Fatah.[56] En troques, Haniyeh referiuse a Bin Laden como un "guerreiro santo árabe"[57] e condenou o seu asasinato como "a continuación da opresión estadounidense e o derramamento de sangue de musulmáns e árabes".[56] Os analistas políticos dixeron que os comentarios eran un intento de arrefriar as diferenzas na Franxa de Gaza cos grupos salafistas inspirados en Al-Qaeda, que condenan a Hamas por ser demasiado moderado. Outro analista escribiu que a declaración de Haniyeh estaba dirixida a un público árabe, e viu unha oportunidade para distinguir a Hamas de Fatah e explotar o sentimento anti-estadounidense.[58] O goberno dos Estados Unidos condenou as súas declaracións como "indignantes".[59]

Remove ads

Morte

Thumb
Funeral de Haniyeh en Teherán. En primeira fila, o líder iraniano, Ali Khamenei (agosto de 2024).

Foi asasinado en Teherán o 31 de xullo de 2024,[3] cando contaba con 62 anos, logo de 10 meses de violencia constante na rexión: Hamás cometera en outubro de 2023 uns asasinatos e secuestros masivos no sur de Israel, aos que seguiu a invasión israelí dos territorios palestinos en Gaza e o bombardeo indiscriminado da poboación. Haniyeh estaba a asistir en Teherán á proclamación de Masud Pezexkian como novo primeiro ministro iraniano.[10][60]

Hamas declarou que foi asasinado, xunto cun dos seus gardacostas, por un ataque aéreo "sionista" contra unha residencia.[61][62] Outras fontes dixeron a al-Arabiya que a causa fora unha bomba oculta que puido estar oculta dous meses antes da explosión. [63]

Segundo The New York Times, Haniyeh fora asasinado usando un artefacto explosivo detonado remotamente escondido, dous meses antes, no cuarto da súa casa de hóspedes, e que foi activado unha vez que se confirmou que estaba dentro.[64] O Corpo da Garda Revolucionaria Islámica (CGRI) de Irán dixo que Haniyeh fora asasinado por "un proxectil de curto alcance que transportaba uns 7 kg de materiais explosivos" que foi lanzado dende fóra do edificio no que estaba aloxado.[65]

O 1 de agosto celebrouse un funeral por Haniyeh en Teherán, co líder supremo de Irán, Ali Khamenei, que dirixiu as oracións. Os restos de Haniyeh foron levados a Qatar e enterrados en Lusail ao día seguinte[66][67] e Hamas convocou un "dia de cólera".[68]

Vida persoal

Haniyeh estaba casado e tivo 13 fillos, dos cales tres foron asasinados en 2024.[69]

En 2009, a familia vivía no campo de refuxiados de Al-Shati, no norte da Franxa de Gaza.[14] En 2010, Haniyeh comprou unha parcela de 2.500 metros cadrados en Rimal, un barrio fronte á praia da cidade de Gaza.[69] Haniyeh rexistrou a terra en nome do seu xenro. Posteriormente, Haniyeh comprou vivendas adicionais e rexistrounas baixo os nomes dos seus fillos. Segundo un artigo de Ynet de 2014, Haniyeh era millonario, por mor do imposto do 20% que se cobraba sobre todos os artigos que entraban polos túneles dende Exipto até a Franxa de Gaza.[1] O fillo maior de Haniyeh foi arrestado polas autoridades exipcias no paso fronteirizo de Rafah con varios millóns de dólares, que pretendía levar a Gaza.

As irmás de Haniyeh, Kholidia, Laila e Sabah, son cidadás israelís e viven na cidade beduína de Tel as-Sabi, no sur de Israel.[70] Kholidia foi a primeira en chegar a Tel as-Sabi por casamento, e despois chegaron as outras dúas irmás e pretenden vivir discretamente até o punto de que o marido de Kholidia declarou: "A nosa vida é normal aquí e queremos que continúe".[70] Laila e Sabah están ambas viúvas pero permanecen en Tel as-Sabi, presumiblemente para conservar a súa cidadanía israelí.[70] Así, algúns dos fillos das tres irmás serviron nas Forzas de Defensa de Israel (IDF).[70]

Asasinato de familiares por parte de Israel

Uns de sesenta membros, aproximadamente, da súa familia extensa foron asasinados por Israel,[71][50] incluíndo a súa irmá Zaher Haniyeh.[72] En outubro de 2023, catorce membros da súa familia morreran nun ataque aéreo israelí contra a súa casa familiar na cidade de Gaza, entre eles un irmán e un sobriño.[73] En novembro de 2023, a súa neta Roaa Haniyeh foi asasinada nun ataque aéreo israelí na cidade de Gaza.[74] Máis tarde ese mes o seu neto maior morreu nun ataque israelí.[74][75][76] O 10 de abril de 2024, tres dos seus fillos —Hazem, Amir e Muhammad— e catro dos seus netos (Mona, Amal, Khaled e Razan) morreran o mesmo día durante un ataque aéreo israelí contra o seu coche familiar na Franxa de Gaza.[77][78] Segundo fontes do exército israelí, os tres fillos formaban parte dunha célula armada de Hamas.[71] Posteriormente, o xornal The New Arab informou de que outra neta, chamada Malak, que tamén estivera no coche, morrera a causa das súas feridas unha semana despois.[79]

Israel afirmou que os fillos de Haniyeh eran "operativos de Hamas" e estaban "en camiño de levar a cabo actividades terroristas".[79] Segundo os familiares de Haniyeh, os membros da familia estiveran viaxando xuntos ás celebracións de Eid al-Fitr.[80] Middle East Eye publicou un vídeo filmado nun teléfono móbil que, supostamente, mostra a unha das netas de Haniyeh "momentos antes do fatal ataque israelí", emocionada polas festas e gritando: "Chegou o Eid".[81] O 25 de xuño de 2024, dez membros da súa familia, incluída a súa irmá de 80 anos, morreron nun ataque aéreo israelí no campo de refuxiados de al-Shati.[82][83]

Finalmente, Zaher Haniyeh, morreu en xuño de 2024 como consecuencia dun bombardeo, xunto co seu marido e oito fillos.[72][83][84]

Atención médica en Israel

A principios de 2012, as autoridades israelís aceptaron unha solicitude de viaxe da irmá de Haniyeh, Suhila Abd el-Salam Ahmed Haniyeh, e do seu marido gravemente enfermo para recibir un tratamento cardíaco de urxencia que non podía ser tratado nos hospitais de Gaza.[85] Despois dun tratamento exitoso no Centro Médico Rabin en Petah Tikva, Israel, a parella regresou a Gaza.[85] Unha neta de Haniyeh foi atendida nun hospital israelí en novembro de 2013, e a súa sogra foi atendida nun hospital israelí en xuño de 2014.[86] En outubro de 2014, poucos meses despois da guerra entre Israel e Gaza de 2014, a filla de Haniyeh pasou unha semana nun hospital israelí de Tel Aviv para recibir tratamento de emerxencia despois de sufrir complicacións a partir dun procedemento común.[86]

Viaxes

En setembro de 2016, Haniyeh deixou Gaza coa súa muller e dous dos seus fillos para a peregrinación anual á Meca, coñecida como o Hajj. Esta viaxe, interpretada como un inicio de campaña, reforzou os informes de que Haniyeh substituiría a Mashaal.[87] Foi ao funeral de Qassim Suleimani, en Teherán, en 2020.[88]

Durante os últimos anos da súa vida, Haniyeh viviu en Qatar.[1][89][90][91]

Remove ads

Notas

Loading content...

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads