Jules Desneux
entomólogo, médico, numismático e historiador da arte belga From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Jules Desneux, nado en Bruxelas o 20 de abril de 1885 e finado na mesma cidade o 4 de xaneiro de 1962, foi un entomólogo, dermatólogo, numismático e historiador da arte.
Desneux especializouse no estudo dos térmites e dos coleópteros e os mirmecofílidos. Foi un dos primeiros científicos en utilizar a radioloxía para estudar a estrutura dos niños de térmites.
Como numismático, presidiu a Sociedade Real de Numismática de Bélxica.
Remove ads
Traxectoria
Primeiros anos e formación
Desneux naceu en Bruxelas o 20 de abril de 1885 nunha familia de artesáns de orixe francesa; o seu pai era era ebanista e deseñador de interiores,[1] formado en Inglaterra e que establecera unha empresa de moblaxe artística en Bruxelas.[2]
A súa educación primaria estendeuse de 1891 a 1896, e en setembro dese ano ingresou no Athénée Royal d'Ixelles, en Bruxelas, para cursar o seu ensino secundario na rama de Humanidades, que concluíu en xullo de 1903.[2] Nesa época, en 1902, aos seus 17 anos, coñeceu o entomólogo belga Auguste Lameere, con quen se introduciu no estudo dos térmites e puido examinar algunhas coleccións que Lameere trouxera do Sáhara, o que culminou na publicación do primeiro artigo de Desneux, no mesmo 1902, nos Annales de la Société entomologique de Belgique,[3] unha entidade que o aceptou como membro tamén ese mesmo ano.[4][5]
En 1903 ingresou na Universidade Libre de Bruxelas, onde en 1910 acadou a súa licenciatura en Medicina, na especialidade de Dermatoloxía. Logo cursou estudos de posgrao nesta especialidade no hospital Saint-Louis de París, ao longo de 1911.[2][5]
Traxectoria científica
Logo da súa graduación como médico, entre 1911 a 1918 exerceu a docencia e foi xefe do departamento de Dermatoloxía e Sifiloloxía na Facultade de Medicina da Universidade Libre de Bruxelas. A partir de se ano exerceu como médico especialista desa especialidade no Hospital Xeral de Bruxelas, ata a súa xubilación en 1955.[2][5]
Durante ese tempo non abandonou os seus estudos e as súas publicacións no campo da entomoloxía, que comezara na súa xuventude, e ata 1959 continuou publicando artigos sobre os térmites. Na Sociedade Real Entomolóxica de Bélxica, que o acollera en 1902, pasou a ocupar un posto no consello de dirección entre 1919 e 1920, e finalmente exerceu a presidencia da entidade entre 1921 e 1922, sucedendo nese cargo a Auguste Lameere.[5]
Tamén foi un dos fundadores da Unión Internacional para o Estudo dos Insectos Sociais.[1]
Numismático e analista de arte
Paralelamente ao seu labor profesional, Desneux era un afeccionado a coleccionar moedas antigas. A principios da década de 1930 adquiriu unha colección de moedas da antiga Grecia,[6] que estudou e describiu coa mesma precisión que aplicaba adoito ás súas investigacións dermatolóxicas e entomolóxicas. A partir dos seus primeiros artigos, axiña foi recoñecido na comunidade numismática belga. Como especialista en insectos, sentía predilección polo estudo das moedas con símbolos entomolóxicos.[5][7]
En 1933 ingresou como membro correspondente na Sociedade Real de Numismática de Bélxica, e en 1948 pasou a ser membro de número. Posteriormente, foi elixido presidente desa entidade en 1955, e exerceu o cargo durante dous períodos, ata 1961, así como o de codirector do seu órgano de expresión, a Revue belge de numismatique et de sigillographie (RBN).[8][9] Algúns dos seus tratados sobre a moeda grega, como o seu estudo acerca dos tetradracmas de Acanto,[10] convertéronse en clásicos da numismática desa época.[5][6]
Jules Desneux interesouse tamén pola investigación artística e utilizou a fotografía infrarvermella para examinar os debuxos ocultos baixo as pinturas do pintor flamengo Jan van Eyck.[11] Ao examinar unha restauración da Virxe do cóengo Van der Paele, de Van Eyck, Desneux observou que se repintaran certas lesións cutáneas do beizo inferior. A partir dunha fotografía anterior á restauración, diagnosticara que se trataba dunha placa queratósica, un posible carcinoma maligno de células escamentas para o que un dermatólogo tería prescrito unha biopsia diagnóstica.[12][13][14]
Jules Desneux finou en Bruxelas o 4 de xaneiro de 1962, aos 76 anos.[2][9][14]
Remove ads
Publicacións
Jules Desneux publicou un bo número de artigos acerca dos seus ámbitos de interese en varias revistas especializadas, sinaladamente en Annales de la Société Entomologique de Belgique, en Annales de dermatologie et de syphiligraphie, en British Journal of Dermatology e en Revue belge de numismatique et de sigillographie.[1]
Esta é unha escolma dalgunhas publicacións representativas da traxectoria de Jules Desneux:
Entomoloxía
- (1902). "Termites du Sahara algérien recueillis par M. le professeur Lmeere". En Annales de la Société entomologique de Belgique. Tomo 46. 1902. Páxinas 436-440.
- (1904). "Isoptera. Fam. Termitidae". En Genera insectorum, Bruxelas. Vol. 25. Páxinas 1-52.
- (1904). "A new termite from India". En The journal of the Bombay Natural History Society. Vol. 15. Páxinas 445-446.
- (1904). "A propos de la phylogénie des Termitides". En Annales de la Société entomologique de Belgique. Vol. 48. Páxinas 278-286.
- (1904). "Rémarques critiques sur la phylogénie et la division systématique des Termitides (réponse à M. Wasmann)". En Annales de la Société entomologique de Belgique. Vol. 48. Páxinas 372-378.
- (1904). "Trois termites nouveaux". En Annales de la Société entomologique de Belgique. Vol, 48. Páxinas 286-289.
- (1906). "The Kashmir termite, Termopsis wroughtoni". En The journal of the Bombay Natural History Society. Vol. 17. Páxinas 293-297.
- (1953). "Les constuctions hypogées des Apicotermes, termites de l'Afrique tropicale". En Annales du Musée royal du Congo belge, Tervuren. Vol. 17.
Numismática e arte
- (1949). "Les tétradrachmes d'Akanthos". En Revue belge de numismatique et de sigillographie. Vol. 95. Páxinas 5-122.
- (1950). "Un diagnostic dermatologique sur un tableau de Jean Van Eyck (1436)". En Annales de dermatologie et de syphiligraphie. Vol. 10. Páxinas 153-156.
- (1951-a-). "Symboles entomologiques sur les tétradrachmes de Mendè". En Revue belge de numismatique et de sigillographie. Vol. 97. Páxinas 19-23.
- (1951-b-). Rigueur de Jean Van Eyck. A propos d'un diagnostic médical sur un tableau de 1436. Édition des Artistes, Bruxelas.
- (1952). "À propos de la chronologie du monnayage d’Akanthos". En Revue belge de numismatique et de sigillographie. Vol. 98. Páxinas 113-115.
- (1958). "Underdrawings and Pentimenti in the Pictures of Jan Van Eyck". En The Art Bulletin. Vol. 40. Nº 1. Páxinas 13-21.
- (1960). "Sur quelques représentations du «lion à la proie» en glyptique et en numismatique antiques". En Revue belge de numismatique et de sigillographie. Vol. 106. Páxinas 5-20.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads