Maria Prymachenko
artista ucraína From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Maria Oksentiyivna Prymachenko (ucraíno: Марія Оксентіївна Примаченко) nada en Bolotnia o 12 de xaneiro de 1909 (30 de decembro de 1908, segundo o calendario xuliano vixente entón) e finada no mesmo lugar o 18 agosto de 1997 foi unha pintora de arte folk, que cultivou o estilo de naíf. Artista autodidacta, adicouse á pintura, bordado e cerámica.
En 1966, Prymachenko foi galardoada co Premio Nacional de Ucraína Taras Shevchenko e a UNESCO declarou o 2009 como o ano de Prymachenko. Unha rúa en Kíiv e un planetoide foron bautizados co seu nome. Tamén foi recoñecida por autores como Marc Chagall ou Pablo Picasso, quen, logo de visitar unha exposición dela en París, dixo "inclínome diante do milagre artístico desta ucraína brillante."[1]
Remove ads
Traxectoria
Vida
Naceu nunha familia labrega e morou a meirande parte da súa vida na súa aldea natal, Bolotnia, distrito de Vyshhorod, rexión de Kíiv Oblast, a unha trintena de quilómetros de Chernóbil.[2] O pai era carpinteiro e a nai traballaba de bordadora, asistiu á escola catro anos ata que enfermou de poliomielite, unha doenza cuxas consecuencias marcaron tanto a súa vida, pois quedou tolleita, como a súa arte, pois segundo ela fíxose especialmente observadora.[3][4] Nas súas lembranzas comentaba así as súas primeiras experiencias artísticas: "naquel tempo, sendo nova, coidaba dun fato gansos. Fun canda eles a unha praia na beira dun río e, logo de cruzar un campo cheo de flores silvestres, comecei a debuxar flores, imaxinarias e reais, cun pau na area... Máis tarde, decidín para pintar as paredes da miña casa empregando pigmentos naturais. Despois daquilo non deixei de debuxar e pintar."[5]

Durante a infancia, a nai de Prymachenko aprendeulle a bordar e a finais da década de 1920 ou a principios da de 1930 traballou na cooperativa téxtil de Ivankiv.[6] O seu talento foi recoñecido pola artista Tetiana Floru, quen a convidou a traballar no Obradoiro Experimental Central do Museo de Arte Ucraína de Kíiv en 1935.[6]
En Kíiv, Prymachenko someteuse a dúas operacións cirúrxicas, grazas ás cales puido manterse en pé.[7] Alí tamén coñeceu á súa parella, Vasyl Marynchuk. A convivencia entre eles rematou pronto, antes de casaren: co estalido da segunda guerra mundial, Vasyl Marynchuk foi mobilizado polo Exército Vermello e caeu en Finlandia.[6] En marzo de 1941, o seu fillo, Fedir Prymachenko, naceu en Kíiv.[8] No conflito tamén morreu un irmán de Prymachenko, vítima dos nazis. Neste contexto, Maria Prymachenko regresou a Ivankiv conseguindo traballo nunha granxa colectiva.[6] O seu fillo, falecido en 2008, tamén foi artista folk igual que os seus netos Petro e Ivan.[8]
Carreira
Prymachenko presentou as súas obras na Primeira Exposición Republicana de Arte Folk de 1936. Esta mostra visitou Moscova, Leningrado e Varsovia e Maria Prymachenko foi laureada co primeiro diploma da exposición. En 1937, os traballos da artista foron exhibidos en París.[9]

A fonte de inspiración de Maria Prymachenko son as tradicións populares ucraínas (como as referencias culturais sobre os animais e os contos de fadas), especialmente as da Polesia.[10][11] Durante a década de 1930, fixo unha transición dende bordado cara a pintura e os seus traballos deste período son pintados sobre fondos brancos. Tamén explorou a combinación de motivos tradicionais con novas formas.[12]
Entre a década de 1960 e 1980, o seu estilo comezou a empregar unha paleta de cores máis vibrantes e preferiu usar fondos brillantes nas súas obras. Tamén nesta altura, gustou máis do gouache que da acuarela, máis empregada ata entón. Ademais, nos anos setenta, Prymachenko comezou a incluír proverbios ou frases curtas, relacionadas co tema da obra, no envés das súas teas.[13]
Premios e recoñecementos
En 1966, o Premio Nacional de Ucraína Taras Shevchenko foille concedido en recoñecemento da súa traxectoria. Ademais, a UNESCO declarou o ano 2009 como ano de Prymachenko en lembranza do centenario do seu nacemento.[14][15] O mesmo ano, o bulevar Likhachev de Kíiv foi rebautizado na súa honra.[6]
Legado

Obras de Prymachenko foron exhibidas por toda a Unión Soviética, Ucraína e outros países, incluíndo Polonia, Bulgaria, Francia e o Canadá.[16] Os seus álbums foron publicados tamén internacionalmente. A súa pintura "Rato de viaxe" foi plaxiado pola deseñadora finesa Mija Isola nun tecido empregado por Finnair para a decoración da súa frota.[17] Ademais, o seu traballo foi reproducido en selos e moedas de Ucraína.[18]
No 1998, o planetoide (142624) foi denominado Prymachenko por Klim Churyumov en lembranza da pintora.[19]
Unhas 650 obras de Prymachenko consérvanse na colección do Museo Nacional de Arte Decorativa Popular de Kíiv.[20]
No ano 2019, o artista Stepan Ryabchenko de Odesa dedicou o seu traballo a Maria Prymachenko nu mural urbano localizado en Kíiv noi número da rúa Georgii Kirpa.
Destrución de obras
O Museo Local de Historia de Ivankiv conservaba varios traballos de Prymachenko pero foi vítima dun ataque durante a invasión rusa de Ucraína de 2022, estando documentada a destrución de 25 das súas obras.[21][15][22] Con todo, segundo informou a xornalista Tanya Goncharova nas súas redes sociais, a mobilización popular permitiu salcar algunhas das obras do lume.[23][1] Nunha entrevista a súa bisneta, Anastasiia Prymachenko, informou de que un home local puido rescatar dez obras por si mesmo.[24]
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads

