Maurice Blanchot

escritor e filósofo francés From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

Maurice Blanchot, nado en Quain, preto de Devrouze (Saona e Loira) o 22 de setembro de 1907 e finado en Le Mesnil-Saint-Denis (Yvelines) o 20 de febreiro de 2003, foi un escritor, crítico literario e intelectual francés. O seu pensamento e a súa literatura deixaron unha fonda pegada na cultura francesa das décadas de 1950 e 1960, especialmente nos círculos da chamada "teoría francesa".

Datos rápidos Biografía, Nacemento ...

"A súa vida estivo dedicada por enteiro á literatura e ao silencio que lle é propio", segundo unha nota impresa nas súas obras da editorial Gallimard.

Remove ads

Traxectoria

Maurice Blanchot naceu o 22 de setembro de 1907 na vila de Quain, preto de Devrouze (Saona e Loira), no seo dunha familia acomodada. Estudou filosofía e alemán na Universidade de Estrasburgo entre 1926 e 1929, onde estivo en contacto co colectivo de ultradereita Acción Francesa. Durante a súa etapa universitaria, coñeceu a Emmanuel Levinas, con quen estableceu unha fonda amizade, cualificada por Jacques Derrida como unha "beizón do noso tempo".[1] En 1928, leu Sein und Zeit ("Ser e tempo", 1927), de Martin Heidegger, por recomendación de Levinas.[2] Esta obra tivo unha grande influencia no seu pensamento.

En 1929, obtivo o seu certificado de estudos superiores en París. Ao ano seguinte, logrou o seu diploma na Sorbona cun traballo sobre a concepción do dogmatismo no pensamento escéptico. A continuación, cursou estudos de medicina no hospital Sainte-Anne, cunha especialización en neuroloxía e psiquiatría.

En 1931, Blanchot comezou a colaborar con revistas e xornais asociados á Jeune Droite ("Dereita Nova"), publicando o seu primeiro texto en febreiro dese mesmo ano na Revue universelle, dirixida por Jacques Bainville e Henri Massis.[3] Publicou tamén na Revue française, nos Cahiers mensuels e no Journal des Débats; nesta última, foi crítico literario, cronista e redactor en xefe até a súa disolución en 1944.[4] En 1932, principiou a redacción de Thomas l'Obscur ("Tomé o Escuro"). Ao ano seguinte, entrou a traballar en Rempart, dirixida por Paul Lévy.[5] Entre 1935 e 1936, escribiu Le dernier ("O derradeiro") e L'idylle ("O idilio"), que foron reeditadas en 1951.

Foi amigo de Bataille, e máis tarde de Michel Foucault e Derrida (que lle dedicou un gran libro e varios textos famosos). Escribiron, tamén, sobre el, Jean-Paul Sartre e Roland Barthes.

Mantivo na súa xuventude posicións conservadoras, quizais pola súa orixe familiar, mais Blanchot cambiou radicalmente de posición xa antes da segunda guerra mundial.

Colaborou en moitas revistas como crítico agudo e de enorme claridade, xa dende 1941; un terzo das recensións que escribiu ata 1944 foron recolleitas en Falsos pasos. Logo da súa morte, cerca dos cen anos, as restantes foron recuperadas en Chroniques littéraires (2007), groso volume do cal só media ducia de mostras viran a luz en congresos, entre 1999 e 2003. A súa lectura supón un modo inmediato de entrar no seu mundo expresivo.

Os seus relatos literarios son abstractos e evasivos: Thomas l'Obscur (1941), L'Arrêt de mort (1948), Aminadab, (1942) e Le Très-Haut (1949); nalgún deles, como no terceiro, transparentase o eco de Kafka. Tardiamente, en 1981, reuniu todos os escritos dispersos sobre o escritor checo: De Kafka a Kafka, pois, como dixo, "o que Kafka nos da, don que non recibimos, é unha sorte de combate da literatura pola literatura, combate cuxa finalidade se nos escapa e que ao mesmo tempo é tan familiar coma estraño".

Blanchot recluíuse radicalmente ata a súa morte, pero escribiu sobre maio do 68 e sobre os acontecementos da Francia contemporánea con paixón e equilibrio, logrando a admiración e a amizade dos mellores escritores e ensaístas da segunda metade do século XX. En Les Intellectuels en question, ao final da súa vida, fixo un balance de moitos acontecementos da súa centuria, e destacou a ambigua e difícil posición dos intelectuais.

Os libros de Blanchot divídense en tres xéneros: obra crítica, obra de ficción e escritura fragmentaria, esta última formada só por dúas obras maiores: Le pas au-delà, aparecido en 1973, e L'ecriture du désastre, en 1980.

A obra crítica comprende Faux pas, La part du feu, L'espace littéraire, Le livre à venir, L'entretien infini, L'amitié.

Na obra de ficción cabe distinguir dúas épocas, a das grandes novelas e, a continuación, a dos 'relatos'. Esta última distinción, entre novelas e relatos, non é soamente retórica, pois para Blanchot é fundamental, polo seu propio achegamento ao material literario; de feito, o segundo toca máis a súa experiencia vital no pasado remoto como escritor.

Remove ads

Obras

Narrativa

  • Thomas l'Obscur, 1941.
  • L'Arrêt de mort, 1948.
  • Aminadab, 1942.
  • Le Très-Haut, 1949.
  • La folie du jour, 1973.
  • Le Pas au-delà, 1973.
  • L'Instant de ma mort, 1994.

Crítica e teoría

  • Faux pas, 1943.
  • La Part du feu, 1949.
  • Lautréamont et Sade, 1949.
  • L'Espace littéraire, 1955.
  • Le Livre à venir, 1959.
  • Le dernier homme.
  • L'Amitié.
  • L'Entretien infini, 1969.
  • L'Écriture du désastre, 1980.
  • De Kafka a Kafka, 1981.
  • La Communauté inavouable, 1983.
  • Michel Foucault tel que je l'imagine, 1986.
  • Les Intellectuels en question, 1996.
  • Une voix venue d'ailleurs, 2002
  • Chroniques littéraires, du 'Journal des Débats', 1941-1944, Gallimard, 2007.
Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads