Mimidae
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Os mimídeos (Mimidae) son unha familia de aves paseriformes do Novo Mundo que inclúe os debulladores, os mimos, os tremedores e os miadores do Novo Mundo. O seu nome, derivado do latín mimus 'mimo', 'mímica', 'farsa', débese á súa notábel habilidade de vocalización, sobre todo a dalgunhas especies, que son capaces de imitar unha gran variedade de paxaros e outros sons que escoitan no seu hábitat. É moi común identificalos como tordos imitadores, mais non pertencen a esta categoría, pois non son membros da familia Turdidae.[1]
Remove ads
Descrición
Existen máis de 30 especies de mimídeos divididas en dous xéneros principais e outros dez menores ou monotípicos. A súa plumaxe adoita ser de cores grises e castañas apagadas, aínda que algúns deles son negros ou grises con tons azulados e outros teñen iris vermellos, amarelos ou brancos. A súa lonxitude varía entre os 20 e os 33 centímetros e pesan entre 36 e 56 gramos.[2] Moitos mimídeos gardan semellanzas cos tordos: parte superior castaña e parte inferior pálida con faixas ou manchas escuras. Adoitan ter unha cauda máis longa ca os tordos ou as carrizas, ás cales tamén se parecen, e bicos tamén máis longos e que se curvan cara abaixo en moitas especies.[3]
Posúen patas longas e fortes (para seren paseriformes), as cales moitas especies empregan para saltar por riba do mato en busca de artrópodos e froitas para se alimentaren. O seu hábitat varía desde a matorreira e as breñas forestais ata os prados de alta montaña e mesmo os desertos. Os dous tremedores viven nas selvas das Antillas Menores, un hábitat atípico, e o tremedor castaño ten unha costume moi inusual: aliméntase mentres se mantén aferrado ao tronco das árbores.[3]
Todas as especies coñecidas constrúen con gallos os seus densos niños, dun xeito un tanto caótico e voluminoso; estes atópanse no chan na maioría das especies ou a non máis de 2 metros de altura. Normalmente poñen de 2 a 5 ovos que tardan 12 ou 13 días en eclosionar, o mesmo tempo que as crías pasan no niño. O período de reprodución comeza na primavera ou a comezos da tempada de chuvias e moitas especies poden ter dúas ou incluso tres niñadas ao ano. A maior parte das crías que non chegan á idade adulta é por causa da depredación. As parellas a miúdo fican xuntas durante máis de un período de reprodución.[3]
Remove ads
Na historia da ciencia
Contrario á crenza popular habitual, os mimos do xénero Nesomimus poderían ter xogado un papel tan importante como os pimpíns das Galápagos á hora de inspirar a Darwin nos seus traballos sobre a teoría da evolución.[4]
Sistemática
Fóra da familia
Análises filoxenéticas teñen mostrado que os mimídeos están estreitamente emparentados cos estorniños.[5][6] Tanto estes como os picabois (así como os estriados das Filipinas no caso de non seren estorniños completamente apomorfos) forman un grupo de muscicapoideos que se orixinou probabelmente no Mioceno Inferior —hai uns 25-20 millóns de anos[7] —nalgún lugar da Asia Oriental[6]. Isto queda evidenciado na distribución en Asia e no suroeste do Pacífico dos estorniños máis basais (e dos estriados das Filipinas) e dos mimídeos basais en América do Norte.
Ás veces únense aos estorniños na familia Sturnidae dentro da tribo Mimini, segundo a proposta de Sibley e Monroe (1990)[5]. Esta expansión de Sturnidae convérteo nun grupo bastante pouco esclarecedor, probabelmente debido aos inconvenientes metodolóxicos ao levar a cabo a súa técnica de hibridación ADN-ADN.
O seguinte cladograma mostra as relacións entre as familias na superfamilia Muscicapoidea. Está baseado nun amplo estudo sobre filoxenética molecular dos paseriformes de Carl Oliveros e colaboradores publicado en 2019.[8]
| ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Dentro da familia
Os mimos e algúns debulladores parecen formar un clado principal, mentres que os outros dous grupos e o resto de debulladores semellan formar outro, embora o padrón da rama basal aínda non estea de todo resolta. Os tremedores son, de novo, unha liñaxe monofilética. Porén, estes últimos están contidos nun grupo parafilético de miadores e debulladores do Caribe formado por moitas liñaxes basais.[9][10]
Para ver información máis detallada sobre as relacións evolutivas das diferentes liñaxes mimídeas, consultar os artigos correspondentes.
Mimos:
- Xénero Mimus: mimos típicos (unhas 10 especies, incluída Mimodes)
- O xénero obsoleto Nesomimus, agora parte de Mimus: mimos das illas Galápagos (4 especies)
- Xénero Melanotis: mimos azuis (2 especies)
Miadores do Novo Mundo:
- Xénero Dumetella: miador cinsento
- Xénero Melanoptila: miador negro
Debulladores:
- Xénero Oreoscoptes: debullador das artemisias
- Xénero Toxostoma: debulladores típicos (10 especies)
- Xénero Ramphocinclus: debullador de peito branco
- Xénero Allenia: debullador escuro (anteriormente en Margarops)
- Xénero Margarops: debullador de bico claro
Tremedores:
- Xénero Cinclocerthia (2 especies)
O seguinte cladograma xenérico está baseado nun estudo de filoxenética molecular de Irby Lovette e colaboradores publicado en 2012.[11]
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Remove ads
Referencias
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads