Nereo
From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Na mitoloxía grega, Nereo era fillo de Ponto (a personificación masculina do mar) e Xea (a Terra), polo que se considera unha das forzas elementais do mundo e anterior ós deuses olímpicos [1]. Casou con Dóride (ou Doris), filla de Océano, coa que tivo cincuenta fillas [2], coñecidas como as Nereidas [3]. Tamén tiveron un fillo varón especialmente fermoso, Nerites, unha divindade menor.

As Nereidas non adoitan singularizarse nas lendas aínda que si se pode individualizar algunha sobre as demais: Tetis, nai de Aquiles; Galatea, da que se namorou o ciclope Polifemo [4]; Anfitrite, esposa de Poseidón; ou Psámate, esposa de Éaco.
Nereo é coñecido como o "Vello do Mar" [5], e forma parte con moita frecuencia do folclore mariño grego, anterior a Poseidón, que terminaría desprazándoo como deidade mariña. Tiña a capacidade de poder metamorfosearse en calquera outro ser ou obxecto, propiedade común a outros deuses mariños. Trátase dun deus protector e benevolente cos mariñeiros, ós que gustaba aconsellar, como, por exemplo, ós Argonautas.
"Deste xeito, creáronse dúas familias paralelas: polo exterior do mundo xiraban Océano, Tetis e as súas fillas, as numerosas oceánidas; nos mares interiores movíanse Nereo, Dóride e as súas cincuenta fillas".(Elvira Barba, px. 127)
Destacaba pola súa sabedoría e bo xuízo, tras ter percorrido tódolos mares e tódalas costas.
"O Ponto procreou ó veraz Nereo, o maior dos seus fillos, ó que chaman o Ancián porque, infalible e bondadoso, non lle pasan inadvertidas as leis divinas, senón que coñece os xustos e benévolos designios".(Hesíodo: Teogonía 234-237)
Remove ads
Mitoloxía
Cando Heracles recibiu o encargo de roubar as mazás de ouro do xardín das Hespérides, o último dos seus doce traballos, tivo que preguntar polo camiño para chegar alá. As ninfas do río Erídano dixéronlle que o único que podía explicarllo era o deus Nereo, e levárono onda el cando durmía. Nereo intentou zafarse adoptando diversas formas pero Heracles conseguiu atalo e díxolle que non o soltaría ata que non lle indicara o itinerario, ó que Nereo non lle quedou outra que acceder, aconsellándolle tamén que pedise a Atlas que fose el quen entrase no xardín e collese as mazás, no canto de facelo Heracles directamente [6].

Remove ads
Iconografía
Represéntase como un ancián, de longa barba canosa, cabalgando sobre un Tritón e por veces armado cun tridente ou un cetro. Adoita estar acompañado polas fillas e outros seres mariños.
A súa capacidade de metamorfosearse pode explicar que fose confundido con Tritón (fillo de Poseidón e da nereida Anfitrite) en vasos do Período Arcaico [7], representándose habitualmente co medio corpo inferior en forma de cola de peixe ou de anguía. Posteriormente perdeu a cola e tomou a forma clásica de vello bondadoso.
Remove ads
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads