Os Diplomáticos de Monte-Alto

grupo musical galego From Wikipedia, the free encyclopedia

Remove ads

Os Diplomáticos de Monte-Alto é un grupo de música rock formado en 1990 no barrio coruñés de Monte-Alto, e encadrado como un dos máximos representantes do movemento bravú. Teñen un son de seu marcado polo uso do acordeón como instrumento principal, ademais de influencias ska, punk e folk.

Datos rápidos Orixe, Período ...
Remove ads

Membros

Formación orixinal

  • Xurxo Souto: voz (1990–2001)
  • Rómulo Sanjurjo: acordeón (1990–2005)
  • Juan Varela Guni: guitarra (1990–2005)
  • Toni Simões: baixo (1990, 2001–2005)
  • Berto Moram: batería (1990)
  • Mangüi Martín: baixo (1990–2001)
  • Marcos Viascón: batería (1990–1996)

Membros posteriores

  • Xavier Alonso: batería (1996–2005)
  • Lola de Ribeira: percusións, voz (1999–2005)
  • Manolo Maseda: voz, acordeón (2001–2005)
Remove ads

Historia

Inicios

En 1989 Rómulo Sanjurjo e Xurxo Souto, ata entón compoñentes do grupo folk Belida, foron chamados para compoñer unha sintonía para a radionovela Os frigoristas, emitida por Radio Galega. Xuntáronse co guitarrista Juan Varela "Guni", o baixista Afonso Moram e o batería Berto Moram, gravando unha maqueta de tres cancións baixo o nome de Rómulo Permui e os Diplomáticos de Monte-Alto. A gravación incluía a sintonía seleccionada para a novela, unha arriscada versión do tema popular "Non chas quero".

Durante o ano seguinte a banda consolida a súa primeira formación estable, con Souto, Sanjurjo, Guni, Berto Moram e o baixista Toni Simões. O 1 de xuño realizan o seu primeiro concerto no Porriño. Desde ese momento son chamados a colaborar en varios programas da TVG e gravan unha segunda maqueta con tres cancións. Moram e Simões abandonan o grupo, sendo substituídos por Mangüi Martín ao baixo e Pulpiño Viascón á batería.

Primeiros discos

En 1991 o grupo grava o seu primeiro LP, Arroutada Pangalaica, editado polo selo DRO e producido pola Fundación Resentidos (fundada por Antón Reixa, Alberto Torrado e Xavier Devesa). Neste disco, Os Diplomáticos xa mostran un característico son de rock alegre, con ritmo arroutado e constante presenza do acordeón. A folla interior do vinilo coas letras foi debuxada polo artista Antonio Galán Fuentes, Tono. Comezan a xira Cajo na gripe, cajo na tos, con máis de 40 concertos por España e Portugal. Inmediatamente despois de rematala, xa en 1992 o grupo inicia unha nova minixira, 14 pezas bravas, cun repertorio totalmente novo. Nos concertos da mesma, solicitábase aos seguidores que achegasen letras para o novo traballo discográfico da banda.

O segundo álbum do grupo, Parrús, ve a luz en 1993, a través do selo Fonomusic e baixo a produción de José Puga. Este disco presenta un son notablemente máis agresivo có predecesor. É o álbum do grupo con matices máis duros. Tralo seu lanzamento, iniciase a xira Kontra o mundo, que se prolonga ata o seguinte ano. Nese 1994, Os Diplomáticos levan a cabo diversos proxectos: gravan o documental musical Fillos de pita (dirixido por Fran Pego) e encárganse da produción executiva do recompilatorio Unión Bravú, soporte do movemento bravú. Ademais, gravan dous temas para o primeiro disco do Xabarín Club, A Cantar con Xabarín.

Consolidación

En 1995, de novo Fonomusic publica o terceiro disco do grupo, Avante toda, producido por Kaki Arkarazo e considerado por moitos como o mellor disco da banda. Mostra un son máis lixeiro có do anterior álbum. O grupo realiza unha xira co mesmo título, con especial éxito en Euskadi. No medio da xira, xa en 1996, o batería Marcos Viascón deixa o seu posto, e é substituído por Xavier Alonso. Durante eses anos, Os Diplomáticos comezan unha relación persoal e profesional co músico Manu Chao, do que xorden proxectos como Los Tres de Monforte (Chao, Sanjurjo e Josito Pereiro).

En 1997 o grupo realiza unha nova xira, Fumareu, de concertos acústicos en pequenos recintos. Remata coa edición do libro Fumareu, escrito por Xurxo Souto, que inclúe o CD Fumareu-Sesión de cámara, publicado por Xerais. Ese ano, a banda colabora de novo en diversos proxectos culturais, entre eles a revista Bravú, o festival A feira das mentiras en Santiago de Compostela e o recompilatorio pola oficialidade da lingua asturiana, L'asturianu muévese.

Durante 1998 céntranse na preparación do seu próximo disco. Tamén realizan a gravación O Pregón de Monte Alto, editada xunto ao libro Toxos e flores de Manuel Rivas, grande amigo e colaborador do grupo.

En 1999 aparece o cuarto disco de estudio, Capetón, nesta ocasión producido polos membros do grupo Rómulo e Guni. Este disco ten como tema central a vida e as historias do mar. De feito, "Capetón" é o nome que os mariñeiros galegos daban a Cidade do Cabo (Cape Town). Supón un xiro radical respecto ás letras humorísticas, irónicas ou surrealistas propias do grupo.

O cambio de orientación tamén é considerable no musical: as cancións festivas e alegres deixan paso a pezas de maior seriedade e madurez. Destaca o uso puntual de instrumentos como a gaita e o violín e a colaboración de músicos e amigos da banda. Á publicación do disco séguelle unha intensa xira co mesmo título. Durante o ano, incorpórase ao grupo a percusionista e vocalista Lola de Ribeira.

Separación

En 2000, varios membros do grupo inician proxectos paralelos. É o caso de Transportes Hernández y Sanjurjo (con Rómulo Sanjurjo e Julián Hernández de Siniestro Total) e Terra Terremota, formado por Xurxo e Guni.

En 2001 prodúcese un feito determinante para o futuro do grupo, a retirada do mesmo de Xurxo Souto. Canda el marcha o baixista Mangüi Martín. Os Diplomáticos seguen adiante coas incorporacións de Manolo Maseda como vocalista e Toni Simões, quen xa estivera nos inicios en 1990 como baixista.

Durante o seguinte ano prepárase e grávase o disco Kömunikandø, que publica o selo BOA Music a principios de 2003. Nel, por primeira vez, aparecen co nome acurtado, "Os Diplomáticos". Este disco ten moi pouco que ver coa traxectoria anterior do grupo, pois é moi notoria a baixa de Xurxo Souto como cantante e sobre todo como principal compositor das cancións. En Kömunikandø, estas toman novos ritmos (algúns deles de influencia tropical), o acordeón perde protagonismo en favor do vento metal e a temática de boa parte das letras é, por primeira vez, de crítica social directa.

En 2005, o grupo anuncia mediante un comunicado de prensa o final da súa traxectoria. Realizan unha minixira de despedida durante o verán, cun último concerto no barrio de Monte Alto, o que os viu formarse.

Actualidade

En 2007 editouse 120 capadores, un disco-tributo con versións de 21 bandas e catro temas inéditos dos Diplomáticos. No 2010, o 20 aniversario da formación da banda, deron concertos en Allariz e na Coruña coa formación orixinal, xunto co Jarbanzo Negro. En novembro de 2012, a formación volve xuntarse no festival musical de Chantada "Castañazo Rock".

Remove ads

Discografía

Álbums de estudio

* Arroutada Pangalaica (1991)
* Parrús (1992)
* ¡Avante toda! (1995)
* Capetón (1999)
* Kömunikandø (2003)

EP's

Fumareu - Sesión de Cámara (Edicións Xerais de Galicia, 1997)

  1. Marola-Berbés
  2. Antuerpe
  3. Mozambrú. De Galicia a Mozambique
  4. Fumareu
  5. Kazikes

Participacións en recompilatorios

Véxase tamén

Ligazóns externas

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads