Pancatalanismo

From Wikipedia, the free encyclopedia

Pancatalanismo
Remove ads

O pancatalanismo é unha ideoloxía política que defende o carácter de nación do conxunto dos territorios onde se fala catalán: Cataluña; a Comunidade Valenciana; as Illas Baleares; a denominada Franxa de Aragón de Aragón; o Rosselló, o Conflent, a Cerdaña francesa, o Vallespir e o Capcir (territorios coñecidos como Cataluña do Norte; o principado de Andorra; a cidade de L'Alguer, na illa italiana de Sardeña; e tamén un pequeno territorio na Rexión de Murcia, chamado El Carche.[1] Esta ideoloxía ten como obxectivo principal a constitución dun Estado independente formado por estes territorios, co nome de Países Cataláns. Con todo, fóra do territorio de administración autonómica da Generalitat de Cataluña, esta ideoloxía ten un arraigamento moi desigual: escaso no País Valencià, un pouco maior nas Baleares, e testemuñal no Rosselló e mais en Andorra.[2]

Datos rápidos
Thumb
Graffiti de ideoloxía pancatalanista realizado pola organización xuvenil Maulets, na actualidade integrada en Arran.
Thumb
En gris escuro, áreas onde se fala catalán.
Remove ads

Orixe

A concepción máis ou menos unitaria do dominio lingüístico catalán, polo menos no eido lingüístico e cultural, xa viña sendo común cando menos a partir da coñecida como Renaixença. Canto ao termo pancatalanismo, este foi cuñado en 1899 por Josep Pijoan. Tivo un primeiro desenvolvemento co escritor Alfons Maseras en 1915 e paulatinamente foi adquirindo contido político.[3] A creación da sociedade cultural Nostra Parla en 1916, xunto cunha sección mallorquina desta en 1918 e unha sección valenciana en maio dese ano, impulsaría os postulados pancatalanistas a todos os chamados Países Cataláns. A influencia deste ideario, proposto por unha banda do nacionalismo catalán, tamén ten acollida no discurso do valencianismo de principios do século XX.[4] Aínda que a catalanofilia era habitual, atópanse os casos de Miguel Duran de València e Eduard Martínez Ferrando, autor do texto Síntesi del criteri valencianista, que propuxeron ir alén da concepción dun espazo común cos pobos catalán e balear, e chegaron a falar da «Nación Catalá» en textos referidos aos territorios forais de maioría catalanfalante da antiga Coroa de Aragón.[5][6]

O valencianismo da década de 1930 defendía irmandarse co resto de territorios de fala catalá, en liña co catalanismo de Antoni Rovira i Virgili.[7] Así, por exemplo, no semanario Acció, editado polo partido Acció Nacionalista Valenciana, podían atoparse afirmacións como "Queremos a reconstrución da nosa nacionalidade catalá formada como sempre polos Estados federados de Valencia, Mallorca e Cataluña".

Máis adiante, Joan Fuster, coa publicación de Nós, os valencianos na década de 1960 afirmaría que os territorios de "fala catalá" da Comunidade Valenciana terían como único "futuro normal" incorporarse a unha entidade "suprarrexional", os Países Cataláns. A partir desta publicación, o concepto nacional dos PP.CC. estenderíase por todo o territorio cunhas bases teóricas máis claras, e remataría por ser asumido por algunhas formacións políticas. Deste xeito, substituíu outras denominacións anteriores, como "terra de lingua catalá", "terras catalás", "patria catalá" ou "Gran Cataluña", aínda que posteriormente tamén se propuxo o termo Catalunya.[8][9]

Remove ads

O pancatalanismo na política

O principal partido dos que defenden esta idea de xeito explícito é Esquerra Republicana de Catalunya (ERC). Porén, existen outras forzas que tamén a defenden, como Estat Català, a Candidatura d'Unitat Popular (CUP), e o Partit Socialista d'Alliberament Nacional, este último disolto en 2015.[10][11][12]

Así mesmo, o apoio a esta corrente é moi variábel en función do territorio. Mentres ERC chegou a conseguir o 16,44% do voto en Cataluña nas eleccións de 2003, este mesmo partido nas Illas Baleares e mais na Comunidade Valenciana non chegou ao 2% dos sufraxios nas eleccións autonómicas de 2011.[13][14]

No País Valencià, os partidos que defenden as teses pancatalanistas están situados no espectro político da esquerda nacionalista.[15] Os máis representativos son: Esquerra Republicana del País Valencià, Solidaritat per la Independència, Partit Socialista d’Alliberament Nacional, Esquerra Nacionalista Valenciana ou Alternativa per València-CUP. Pola súa parte, o Bloc Nacionalista Valencià, integrado na coalición Compromís, sostén a posibilidade dunha unión política entre o País Valenciano e unha posíbel Cataluña independente.[15] Amais, apoian estas teses certos sindicatos, como o SEPC ou o BEA, determinados sectores universitarios, ou algunhas entidades culturais, como Acció Cultural del País Valencià ou a Fundació Ausias March, subvencionadas pola Generalitat de Cataluña a xeito de apoio do pancatalanismo.[15]

O termo pancatalanismo, na actualidade, semella ser rexeitado polos grupos que profesan esta ideoloxía. Trátase dun vocábulo utilizado principalmente por grupos e persoas alleas a este ideario, e mesmo abertamente contrarias a el. É o caso do blaverismo no País Valencià, mais tamén de partidos políticos con representación nas Cortes de Aragón, por exemplo.[16] Porén, foi empregado no pasado por quen profesaban esta ideoloxía.[17] Na actualidade, as e os seus partidarios prefiren considerarse simplemente nacionalistas, catalanistas ou mesmo valencianistas.

Dende a concepción deste ideario, varias organizacións terroristas catalás viñeron reivindicando a creación dos Países Cataláns, entre elas o Exèrcit Popular Català (EPOCA) e Terra Lliure, xa disoltas. Esta última definíase no seu documento de constitución como "organización revolucionaria que loita pola independencia total dos Países Cataláns".[18]

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads