Paraneópteros

From Wikipedia, the free encyclopedia

Paraneópteros
Remove ads

Os paraneópteros (Paraneoptera) forman unha superorde monofilética de insectos, que inclúe catro ordes: os Psocoptera, Phthiraptera, Thysanoptera e Hemiptera.[1] As pezas bucais dos Paraneoptera reflicten diversos hábitos alimenticios. Os grupos basais son comedores de microbios en superficies, mentres que os grupos máis avanzados aliméntanse de plantas ou fluídos animais.[1] En xeral, caracterízanse polas seguintes características comúns:

  • ás xeralmente independentes ;
  • o campo xugal posúe unha soa nervadura ;
  • as pezas bucais máis habituais son de tipo picador, pero hai outras adaptacións ;
  • tarsos das patas con polo menos dous artellos ;
  • cercos rudimentarios ou inexistentes ;
  • desenvolvemento xeral de tipo paurometábolo, con algún holometábolo.
Máis información Clasificación científica, Ordes ...
Remove ads

Hemiptera

Os Hemiptera son unha orde de insectos na que están incluídos as chinchas, as cigarras e os pulgóns, con de 50 000 a 80 000 especies. Miden desde 1 mm a uns 15 cm, e teñen pezas bucais chuchadoras.

Psocoptera

Os Psocoptera é a orde dos piollos dos libros, que comprende unhas 4 400 especies descritas distribuídas en 3 subordes: Trogiomorpha, Troctomorpha e Psocomorpha. É o primeiro tipo de insectos no que se observa o inicio da transición a ter pezas bucais chuchadoras. É un grupo irmán dos Phthiraptera.

Na natureza encóntranse entre a follaxe, baixo codias ou entre follas caídas. A maioría das especies comen microbios de superficies, algunhas aliméntanse de insectos mortos e unhas poucas especies comen produtos de papel (de aí o seu nome de piollos dos libros). Moitas especies viven de forma gregaria.

Remove ads

Phthiraptera

Thumb
Pediculus humanus

Os Phthiraptera, inclúen os piollos, en total unhas 5 000 especies descritas divididas en 4 ordes. Os Amblycera son o grupo máis basal e parasitan aves e mamíferos. Os Ischnocera son a suborde máis numerosa e parasitan principalmente aves e algúns grupos de mamíferos. Os Rhynchophthirina, son os piollos do elefante, dos que hai 3 especies que parasitan elefantes e suidos en África. Os Anoplura (piollos chuchadores) parasitan só mamíferos.

O corpo dun piollo está aplanado dorsoventralmente e frecuentemente carece de ollos. As patas son fortes para agarrarse aos pelos e plumas do hóspede. Os Amblycera teñen pezas bucais mastigadoras, e os Anoplura téñenas chuchadoras e con estiletes. Os piollos mastigadores aliméntanse de plumas, pelo e detritos da superficie da pel, mentres que os piollos chuchadores se alimentan exclusivamente de sangue. A maioría das especies de piollos son específicos dun hóspede, e os chuchadores son máis específicos que os mastigadores. Hai fortes probas da coevolución hóspede-parasito nalgúns grupos. Como os piollos non teñen ás, a transferencia entre individuos hóspedes xeralmente implica o contacto directo entre eles, por exemplo no apareamento, reprodución e crianza dos fillos, xa que adoitan compartir sitios niño comunais ou mesmo durante as interaccións predador-presa. Os piollos teñen o menor número de estadios vitais de todos os insectos (ovo, 3 ínstares larvais e adulto).

Thysanoptera

Thumb
Ponticulothrips diospyrosi sobre un dedo

A orde dos Thysanoptera, na que están incluídos os trips, comprende unhas 5 500 especies clasificadas en dúas subordes distinguidas polo seu ovipositor. Os Terebrantia teñen un ovopositor cónico ben desenvolvido, mentres que os Tubulifera non. No seu lugar o seu abdome é alongado con forma de tubo.

A boca ten forma dun cono asimétrico, e consta de estiletes perforadores. Os trips teñen vexigas eversibles características nos seus tarsos que proporcionan adhesión ao substrato. Os trips encóntranse xeralmente nas flores. A maioría das especies son fitófagas, alimentándose de flores. Algunhas especies comen fungos e unhas poucas especies son predadoras. O desenvolvemento nos trips é moi exclusivo. Nos Terebrantia o estadio de ovo é seguido por 2 ínstares larvais, 1 ínstar “prepupal”, un ínstar “pupal” e o estadio adulto. Os estadios prepupal e o pupal son quiescentes e teñen ás rudimentarias. Nos Tubulifera hai 2 ínstares “prepupais” e un “pupal”. Os rudimentos das ás non están presentes no primeiro estadio “prepupal”. O comportamento social vai desde as especies solitarias ás eusociais con división reprodutiva do traballo.

Remove ads

Notas

Véxase tamén

Loading related searches...

Wikiwand - on

Seamless Wikipedia browsing. On steroids.

Remove ads