Pascual Veiga
compositor galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Remove ads
Pascual Veiga Iglesias, nado en Mondoñedo o 9 de abril de 1842 e finado en Madrid o 12 de xullo de 1906, foi un compositor galego, autor da música do Himno galego e doutras composicións como Alborada Gallega, coñecida tamén como Alborada de Veiga. É considerado o pioneiro do rexurdimento musical galego.[1]
Compositor de talento precoz, comezou a compoñer sendo un neno, e ao longo da súa vida fundou numerosas agrupacións orquestrais e corais como o Orfeón Coruñés.[2]
Remove ads
Traxectoria

Pascual Veiga naceu en Mondoñedo o 9 de abril de 1842, comezando os seus estudos musicais a unha idade moi temperá como neno de coro da Catedral de Mondoñedo baixo a dirección de José Pacheco, daquela mestre de capela na catedral mindoniense.[3] Foi na súa vila natal onde comezou a súa formación como organista, que continuou despois en Covadonga e finalmente na Coruña.[4]1864 como organista da Colexiata de Santa María del Campo. Ao pouco, con 13 anos, comezou a impartir clases na capela catedralicia, primeiramente de solfexo e máis tarde de harmonía.[5] Foi nesta época cando realizou a súa primeira composición, o Septenario á Virxe das Dores.[3][5]
En 1864 Veiga marchou á Coruña a causa dunha relación que mantivo Eustorgia Acebo Parga, a filla dun avogado e promotor inmobiliario da súa cidade natal que á súa morte en 1855 encomendáralle ao seu irmán cura velar dela e os seus outros catro fillos. O cura, chamado Alejo, opúñase á relación, xa que o estudante de medicina Víctor Salvatierra Freire pretendía a Eustorgia,[a] e ameazou e infrinxiu castigos físicos á súa sobriña co obxectivo de poñer fin á relación. Non sendo capaz de acabar coa relación entre ambos encerrou a Eustorgia no mosteiro de Valdeflores, en Viveiro, e alentou unha campaña en contra de Veiga, que daquela era membro do coro da catedral. O compositor xurou que non regresaría á súa cidade natal.[6] No momento en que se estableceu na cidade herculina comezou a traballar como organista da Colexiata de Santa María do Campo.[4]
En 1865 casou na Coruña con Juana Valenzano.[7] Un dos fillos da parella, Julio Veiga Valenzano, foi concertino da Orquestra de afeccionados da 'Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos' da Coruña, a primeira orquestra sinfónica de Galicia.[8][9]
En 1880 estreou a súa obra máis coñecida, a Alborada Gallega (tamén coñecida como Alborada de Veiga) durante os Xogos Florais de Pontevedra dese ano.[b] A Alborada sería posteriormente presentada na Exposición Universal de París de 1889 co Orfeón Coruñés dirixido polo propio Veiga, onde gañou o primeiro premio e a Gran Medalla de Ouro.[4]
O 19 de decembro de 1881 fundou na Coruña a Coral Polifónica El Eco.[10]
En 1892 estableceu a súa residencia en Madrid logo de conseguir unha praza como mestre no Conservatorio de Música da capital española.[4]
Fundou e dirixiu varios orfeóns, cos que recibiu numerosos premios. Foi organista da Igrexa de San Domingos de Betanzos.
Morte

Pascual Veiga morreu na probrez en Madrid o 12 de xullo de 1906 e foi enterrado no cemiterio da Almudena. Á súa morte, o semanario mindoniense La Voz de Mondoñedo e Antonio Noriega Varela solicitaron colaboración para o enterro do compositor e dous meses despois as comunidades galegas da Arxentina e Cuba comezaron a recadar cartas para o traslado dos seus restos e erixir un mausoleo na súa memoria na súa cidade natal. Esta iniciativa perdeu forza ata que en 1911 o xornalista e político compostelán Alfredo Vicenti sinalou que os restos de Veiga poderían ir parar a unha fosa común, o que supuxo un novo pulo á iniciativa.[11]
O 16 de setembro de 1912 os seus restos eran exhumados en Madrid, e logo de depositalos nunha caixa de madeira de carballo, e o día seguinte partiron en tren cara a Mondoñedo. As persoas designadas polo Concello e familiares de Veiga recibiron os restos en Baamonde, dende onde partiron cara á cidade episcopal, onde esa mesma tarde depositaron os seus restos na catedral, onde a xente lle rendeu homenaxe. O 18 de setembro celebráronse os funerais, nos que o deán da catedral de Santander pronunciou unha galeguista oración fúnebre, logo da cal membros de orfeóns galegos trasladaron o féretro ao cemiterio, no que o impulsor do traslado dos restos de Veiga, Alfredo Vicenti, pronunciou un discurso en nome das comunidades galegas na Arxentina e Cuba, que achegaran unha considerable dotación ecoonómica para homenaxear ao músico. Finalmente a comitiva trasladouse á súa casa natal, onde se colocou unha placa no seu honor entre discursos coa intervención dun orfeón e a "Banda de Música do Rexemento de Isabel a Católica" interpretou o himno galego.[6]
Está enterrado no cemiterio de Mondoñedo, nun mausoleo adicado polos seus admiradores e paisanos.
Remove ads
Obra
Pascual Veiga é considerado unha das personalidades máis representativas do nacionalismo musical galego, e o iniciador en Galicia do xénero do poema sinfónico. Se ben compuxo en moitos xéneros, as dúas obras máis coñecidas do compositor son a Alborada Gallega e o Himno galego, este último sobre un texto de Eduardo Pondal.[4] A Alborada considerouse dende o momento da súa composición como a máxima representación dos sentimentos galegos e converteuse nunha das pezas musicais galegas máis populares. Existen dúas versións da obra: unha coral e outra instrumental.[4]
Remove ads
Galería de imaxes
- Retrato.
- Sepultura, no cemiterio vello de Mondoñedo.
- Partitura oficial do himno de Galicia, composta por Pascual Veiga.[12]
Notas
Véxase tamén
Wikiwand - on
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Remove ads