Época vitoriana
período da historia do Reino Unido / From Wikipedia, the free encyclopedia
A época vitoriana da historia do Reino Unido marcou a cúspide da súa Revolución Industrial e do Imperio Británico. Aínda que esta expresión úsase comunmente para referirse ó extenso reinado de Vitoria I (20 de xuño de 1837 - 22 de xaneiro de 1901), algúns académicos anticipan o comezo do período, caracterizado polos profundos cambios ocorridos nas sensibilidades culturais e nas preocupacións políticas, á promulgación da Acta de Reforma de 1832. Historicamente, esta etapa foi precedida pola Rexencia e continuada polo período eduardiano.
A raíña Vitoria, con 64 anos no trono, tivo o reinado máis longo até entón na historia dos monarcas británicos (logo superado polo da súa tataraneta Isabel II coroada en 1953), e os cambios culturais, políticos, económicos, industriais e científicos que tiveron lugar durante o seu reinado foron extraordinarios. Cando Vitoria ascendeu ó trono, Inglaterra era esencialmente agraria e rural; á súa morte, o país atopábase altamente industrializado e a maioría do seu territorio xa estaba conectado por unha rede ferroviaria que seguía expandíndose. A transición non foi suave. As primeiras décadas do reinado de Vitoria foron testemuñas de varias epidemias (especial gravidade revestiron as de tifo e cólera), serios problemas na produción e distribución de alimentos básicos e os consecuentes colapsos económicos. Tamén se produciron disturbios sociais causados pola inequidade da configuración do dereito de sufraxio e en protesta pola derrogación das leis agrícolas (Corn Laws), aprobadas durante as guerras napoleónicas.[1]