Xeración de 1925
From Wikipedia, the free encyclopedia
A xeración de 1925[1] é a xeración de escritores galegos posterior ao grupo Nós. Son autores nacidos ao redor do ano 1900, de maneira que o seu período de formación e xuventude discorreu na época das vangardas. Aínda que integrantes do grupo Nós e outros dos seus coetáneos tamén se interesaron pola vangarda[2] (Vicente Risco[3] e Eugenio Montes realizaron algunha achega poética a determinados rexistros formais dos -ismos), acabaron renegando dela ou desconfiando da súa idoneidade[4] para as necesidades político-culturais da Galicia do momento.
- Non confundir coa Xeración do 25 de arquitectos vangardistas españois.
Foron polo tanto os autores máis novos, moi en especial Manuel Antonio (e posteriormente Álvaro Cunqueiro, xa considerado dunha xeración posterior) quen desenvolveron ata as últimas consecuencias[5] a proposta vangardista.[6][7]
A Xeración de 1925 protagonizou a renovación da poesía e do teatro galegos, continuando co labor modernizador e europeizante da literatura galega que antes iniciara, desde outros presupostos[8], o grupo Nós. Porén, hoxe cuestiónase[9][10][5] que tanto certos poetas (Amado Carballo, Luís Pimentel, Bouza-Brey) coma os movementos que determinadas correntes críticas recoñeceron ou lles atribuíron (tales coma o neotrobadorismo ou o hilozoísmo) poidan considerarse dentro dos parámetros da vangarda.