Coma acontece noutras cores, a cor negra representa na cultura popular galega a morte e, moitas veces, asóciase co mal e co demo. Aínda así, non son raras as crenzas que atribúen determinadas propiedades curativas ós animais de cor negra.
Así, as galiñas negras, e noutros lugares os pombiños negros, son os preferidos para certos ensalmos cos que curar enfermidades e mal de ollo. Igualmente, crese que os ovos dunha galiña negra son máis nutritivos cós das doutra cor, e pola mesma razón son os que se utilizan en determinados remedios para que estes sexan máis eficaces: como tal, os ovos de galiña negra curan as dores dos cólicos. Para cura-la dor de costado, aplícase sobre a parte dorida unha galiña negra aberta en canal. En Ponte Sampaio (Pontevedra) utilizan cascas de ovos de galiña negra, mesturadas cunhas herbas, para diagnostica-lo mal de aire: faise unha pasta que se coloca nunha cataplasma sobre o ventre do meniño enfermo e, segundo a cor coa que apareza ó cabo das 24 horas, poderá identificarse o causante do mal.
Risco recolleu que se pode conseguir unha sonada beberaxe para namorar seguindo o seguinte ritual: cóllese unha pita negra ás doce da noite e acódese xunta un cemiterio, córtaselle a cabeza e guíndase dentro, sen dar volta á cabeza. A seguir, éntrase no camposanto e apáñase terra de sete sepulturas, cóllese a galiña e mestúrase esa terra coa cabeza e co sangue da pita, bótase todo nun lenzo e cóase auga por el, dando a beber desta auga á persoa a quen se quere namorar (Risco:472).
En xeral, o caldo de galiña que se dá ás mulleres paridas, para que recuperen axiña as forzas, é mellor se se fai cunha galiña negra.
O unto de porco negro úsase para cura-lo herpes (en Padrenda, Ourense), partido en nove anacos que se mesturan con nove areas de sal e nove follas de loureiro.
Dá boa sorte criar un gato negro regalado, así como é de mala sorte cruzarse no camiño cun gato negro. Para Rodríguez López, ter un gato negro na casa trae boa sorte. Lis Quibén recolleu a crenza de que para cura-lo tirizó había que pasa-lo rabo dun gato negro polo ollo enfermo.
Crese que as ánimas veñen en figura de animais, especialmente en forma de avelaíñas, pero se son de cor negra considéranse agoiros dunha desgraza próxima, mesmo dunha morte; se foren brancas, dise que veñen anunciar boas novas de familiares ausentes [1].
negro (Labrus tinca), peixe da familia dos lábridos, como a maragota, de cor escura. O nome de negro pode ter presente tamén os labios avultados deste peixe.
negro (Melanogrammus aeglefinus), peixe coñecido como fogueiro ou burro, pola cor escura do dorso.
Risco engade que No caso das avelaíñas ou volvoretas tense lembrado, con razón, a psíquis grega, coa súa significación orixinal de volvoreta, forma en que as almas saían dos corpos, asegún os antigos gregos (Risco: 419).
Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 41. Tradicionalmente, a pel de cor escura nas mulleres, queimada por estar traballando ó sol, era peor considerada que a pel branca, das señoritas criadas á sombra ("Aparta de ehí morena,/ que eu quero a unha blanca...", ou "Vivan as nenas blanquiñas/ i ás morenas parta un raio...".
Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 61. No orixinal: Farcadas. As Forcadas, lugar da parroquia de San Trocado de Santa Comba, concello de Bande.
LEIRO LOIS, Adela (dir.): Cambados: a tradición oral. Colexio Público Castrelo, Cambados 1986.
LIS QUIBÉN, Víctor: La Medicina Popular en Galicia. Madrid 1949 (reed. Akal, Madrid 1980).
LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa. Penzol-Galaxia, Vigo 1973.
RISCO, Vicente: “Cultura espritual”, en Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.). vol. I. Ed. Nós, Buenos Aires 1962. * Reedición Akal, Madrid 1979.