A seguir recóllese a pegada da man na cultura popular galega, na etnografía e na literatura de transmisión oral.
Cando se enfornaba na casa adoitábase bendeci-lo pan para asegurar que levedase ben. A tal fin riscábase unha cruz sobre a masa antes de metela no forno e rezábanse diversas oracións. A cruz facíase cun coitelo ou co dedo, pero sempre coa man dereita.
Crese que quen é quen de matar unha toupa coa man alcanza poderes para curar certas enfermidades. A persoa que tal fixo poderá cura-la dor de moas con só tocar -con esa man- a cara do doente. En Castroverde (Lugo) cren que poderá cura-los cólicos fregando no ventre coa man. En Cualedro (Ourense) houbo unha curandeira que curaba o coxo (o herpes) porque matou tres toupas, cada unha de tres puñadas [1].
Os distintos etnógrafos que recollen estas crenzas difiren no método. Lis Quibén di que, para ben ser, hai que aperta-la toupa coa man ata que afogue; Rodríguez López matiza que ha facelo coa man dereita, única que pode conseguir eses poderes.
Chámase man aberta (ou, simplemente, aberta) a que sofre unha distensión muscular por cousa dun esforzo. Segundo Rodríguez González, para curala hai que ata-las dúas mans cuns xuncos, e unha muller que tivese xemelgos corta-la atadura cunha machada.
Chámase zurdo, manicho ou esquerdeiro á persoa que usa preferentemente a man esquerda, en contraposición ós destros. Manco, coto ou toco é aquel a quen lle falta unha man (ou un brazo).
A man de todo ten man.
A man estea queda, anque a lingua vaia e veña.
A man, no peito; a perna, no leito.
A man pra todos ten man.
Ás mans lavadas, Dios dálle que coman.
As mans na roca, e os ollos na porta.
Da man á boca pérdese a sopa.
Da man pra boca, a culler se envorca.
De boa man, ben está o que dan.
De tal man, tal é o que se dá.
Dinche que eres bo, mete as mans no seo.
Man por man, como o pailán.
Man sobre man como a muller do escribán.
Mans brancas non ofenden pero mancan.
Mans e vida compoñen a vila.
Mans frías e corazón quente, namoro de repente.
Mans que non dades ¿qué esperades?
Mans que tomades e non dades ¿qué esperades?
Mans que tomades, ¿porqué non dades?
Mans quentes e corazón frío amor perdido.
Mau por mau coma o pardau.
Mete a man no seo, non dirás do fado alleo.
Mete a man no seo, verás o teu mal e mais o alleo.
Meter as mans nas fogueiras é criar frieiras.
Moitas mans nun prato, logo tocan a rebato.
Non metas as maus no prato antes que as meta o teu amo.
Non pidas a man allea, se a túa non vai chea.
Quen espera a man allea, mal xanta e pior cena.
Que non seipa a man dereita o que fai a esquerda.
Ruín man, ruín é o que non dá.
Se che din ben da túa leira, mete a man na faltriqueira.
Tal é a man, e tal é o que dá.
Unha man á outra lava, e as dúas lavan a cara.
Val máis levar as mans limpas, que levalas cheas.
A dúas mans: traballar duro, sen descanso.
A man: feito de forma manual, sen maquinaria.
Á man: que está cerca, ó alcance de calquera.
A man armada: violentamente.
A mans cheas: abundantemente, con largueza.
Abri-la man: se xeneroso nos regalos ou pouco esixente nas normas.
Alza-la man: levanta-la man nun xesto de ameaza.
Andar de man en man: dise dunha cousa ou asunto que pasa dunha persoa a outra.
Apreta-la man: reprender ou esixir con rigor; aforrar nos gastos.
Asenta-la man: castigar a alguén.
Ata-las mans: impedir que alguén faga unha cousa.
Baixo man: dito ou feito de forma oculta.
Man de azoutas, de labazadas etc.
Man de obra: labores de traballo manual, así como os operarios que o realizan.
Man de santo: remedio que resolve eficazmente unha enfermidade ou problema calquera.
Man de vento: golpe de vento forte, na linguaxe dos mariñeiros.
Man oculta: a persoa que intervén nalgún asunto sen da-la cara.
Mans de araña: débiles, incapaces de calquera esforzo.
Man travesa: medida que equivale ó ancho dos catro dedos da man.
Ter boa man: ter habilidade, saber manexa-las cousas.