Alimento funcional
alimento elaborado non só polas súas características nutricionais senón tamén para cumprir unha función específica / From Wikipedia, the free encyclopedia
Alimentos funcionais[1][2] (na literatura especializada adóitase abreviar como AF) son aqueles alimentos que son elaborados non só polas súas características nutricionais senón tamén para cumprir unha función específica como pode ser o mellorar a saúde e reducir o risco de contraer doenzas. Para isto engádenselles compoñentes bioloxicamente activas, como minerais, vitaminas, ácidos graxos, fibra alimentaria ou antioxidantes etc. A esta operación de engadir nutrientes esóxenos denomínaselle fortificación. Este tipo de alimentos é un eido emerxente da ciencia dos alimentos que ve unha posibilidade moi ampla de pescuda alimentaria. Entre os logros máis mencionados na literatura científica e na mercadotecnia dos produtos alimenticios atópase a mellora das funcións gastrointestinais, a achega de sistemas redox e antioxidante, así como a modificación do metabolismo de macronutrientes.[3]
Existe, porén, unha preocupación crecente desde finais do século XX por parte das autoridades sanitarias no que respecta á educación do consumidor sobre o consumo e as propiedades atribuídas a este tipo de alimentos.[4] As autoridades alimentarias e sanitarias de todo o mundo reclaman aos consumidores que o consumo destes alimentos sexa parte dunha dieta equilibrada e en caso ningún coma un substituto da mesma. Malia o crecemento ba demanda, a comunidade científica mundial está aínda a avaliar a idoneidade para a saúde humana do consumo deste tipo de alimentos, especialmente se se consideran consumos a longo prazo. Este tipo de alimentos cobre un amplo espectro de posibilidades que poden ir desde simples cereais e os seus produtos, lácteos diversos até pasar por alimentos de deseño.