From Wikipedia, the free encyclopedia
O lorcho transparente (Aphia minuta) é unha especie de peixe, a única do xénero Aphia, da familia dos Gobiidae da orde dos Perciformes.
Lorcho transparente | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||||||||
Aphia minuta Risso, 1810 |
Na Idade Media de Italia, en Xénova era un prato tradicional da súa cociña e chamaban a esta especie zanchette, e toda a costa mediterránea tiña naquela época intercambios comerciais con esta cidade mercantil.[1]
Os antigos gregos e latinos chamábanlle apua, distinguían ben esta especie dos individuos novos de sardiña e bocareu.[1] Pola súa transparencia e aspecto inmaturo dos adultos, tanto Aristóteles na antiga Grecia como Plinio o Vello na antiga Roma coincidían en que o lorcho transparente non se reproducía senón que nacían por xeración espontánea, como dicía Plinio "a partir da espuma de mar"
É un peixe de tamaño moi pequeno e de aspecto delicado, a lonxitude máxima descrita foi un macho que tiña 7,9 cm, pero alcanzan a madurez sexual con menos de 4 cm de lonxitude.[2][3] Non adoitan vivir máis dun ano.[4]
Ten de 4 a 6 espiñas na longa aleta dorsal xunto a máis de cen raios brandos, máis unha espiña na aleta anal. É moi característico que o seu pequeno corpo é case transparente, de tonalidade de cor máis ou menos avermellada, cunha fila de cromatóforos situados entre a base das aletas medianas e a cabeza.[3]
Posúen dimorfismo sexual, de maneira que os machos teñen as aletas tanto dorsal como anal moito máis longas que as femias.[5]
Vive en augas mariñas e salobres, nun ambiente peláxico-nerítico da plataforma costeira e en estuarios, onde é oceanódromo en bancos de moitos individuos, a profundidades comprendidas entre os 5 e os 80 metros.[6][7] Prefire as augas subtropicais, nun rango de temperatura óptimo entre 13 e 16 °C.
Distribúese por todo o mar Mediterráneo, incluído o mar Negro e o mar de Azov, e polo nordeste do océano Atlántico desde Noruega até Marrocos.[7]
Pasa o tempo cerca do fondo mariño, sobre a area, o barro ou a vexetación mergullada, onde se alimenta de zooplancto, especialmente de moluscos copépodos, larvas de cirrípedes e mícidos.[3]
Reprodúcese no verán, cando migra a augas máis profundas para desovar no interior de cunchas de bivalvos baleiras.[5] Unha vez postos uns ovos en forma de pera, os adultos morren inmediatamente despois.[8]
Tradicionalmente foi un peixe cunha grande importancia comercial, pois é considerado unha exquisitez e alcanza un prezo moi alto no mercado.[9] Isto levouno á práctica extinción no sur de España onde o seu consumo era máis tradicional e onde está prohibida a súa pesca e comercialización desde o ano 1988. Segue existindo noutras partes de Europa.
Están facendo estudos para o seu cultivo en piscifactorías, para ser viable tecnicamente e pechar o ciclo reprodutivo en catividade.[1]
Hai varias especies de peixes miúdos que se usan en España como peixe frito. As tres especies máis importantes son:
Mentres que noutros peixes se desbota a cabeza e vísceras, este cómese todo. Debido á súa escaseza ou prohibición de consumo en moitas zonas, ofrécese a especie Salanx acuticeps de orixe asiática como substituto. Nas Illas Baleares consómese un peixe de tamaño parecido pero doutra especie, o Gymnammodytes cicerelus.
A forma máis tradicional de cociñalos na costa mediterránea española é enfariñándoos en fariña e fritiíndoos a poucos, moi pouco tempo, en aceite moi quente. Esta fritura parece ser a forma na que tradicionalmente se consumía este peixe na antiga Roma.
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.