Arte da antigüidade
From Wikipedia, the free encyclopedia
A arte antiga ou arte da antigüidade é a arte da Idade Antiga. A historia da arte antiga é a división da historia da arte que se centra no seu estudo e interpretación formal, técnica, estrutural, e ideolóxica (iconográfica, iconolóxica) e na súa explicación histórica; aínda que a arqueoloxía é a ciencia histórica cuxo obxecto é a cultura material da que as obras de arte son a manifestación máis valiosa, e é a encargada do seu descubrimento e análise contextual.
A súa delimitación cronolóxica vai dende o comezo da Historia (aproximadamente o IV milenio no Próximo Oriente e Exipto) ata a caída do Imperio Romano de Occidente (século V). A extensión xeográfica do desenvolvemento das primeiras civilizacións —definidas pola aparición da escritura e o poder político e relixioso— impón onde poden localizarse (civilizacións mediterráneas, da India, do Extremo Oriente, da América precolombiana e do resto de Europa e de África) e cando pode falarse en cada unha dun período histórico (Historia) ou dun período prehistórico (Prehistoria), que determinaría que a súa produción artística fose obxecto da historia da arte prehistórica; aínda que realmente a metodoloxía para o seu estudo é en gran parte común, hai unha diferenza fundamental, e é a posibilidade de empregar as fontes escritas para os períodos históricos. Este recurso é insubstituíble, posto que non só permite a identificación no seu caso dos autores ou patrocinadores da obra artística e reconstruír o contexto no que se produciu, senón que posibilita a interpretación da Arte na súa relación coa produción intelectual noutros ámbitos do pensamento, sobre todo a relixión e a filosofía. Deste xeito pódese efectuar unha lectura da arte que a entenda a través da visión do mundo (Weltanschauung) ou ideoloxía dominante en épocas e lugares tan afastados a nós como as civilizacións da Idade Antiga, e do que a Arte é a plasmación material e visual.
Ao contrario que a civilización occidental, as civilizacións africanas, extremo-orientais e americanas non experimentaron a marcada descontinuidade que a arte occidental presenta entre a arte antiga e a arte medieval; co que este último concepto non adoita aplicarse a estas civilizacións.
Tamén existe un concepto comercial e coleccionista da arte antiga, entendido como antigüidades; é dicir, como o termo empregado para englobar todo tipo de obxectos artísticos que non se consideran Arte moderna, pertenzan á Idade Antiga ou a períodos posteriores (arte medieval, arte da Idade Moderna e ata boa parte da arte contemporánea se esta non se entende só como o máis actual senón como todo a arte da Idade Contemporánea —dende mediados do século XVIII).
(Á dereita, Torso do Belvedere, obra de Apolonio de Atenas do século I).