Arte paleolítica
From Wikipedia, the free encyclopedia
O Paleolítico é a etapa máis longa na historia do ser humano. Durante este período, os nosos devanceiros vivían da caza e da recolección de vexetais, asociábanse en tribos e as súas ferramentas eran de pedra tallada, madeira e óso.[1]
A arte nace no Paleolítico superior, pouco despois do ano 35 000 a. de C., cando os seres humanos modernos poboaban practicamente todo o globo terráqueo. Con todo, as súas manifestacións fundamentais, por non dicir case as únicas, parecen reducirse a Europa, ao sur do límite que marcarían os xeos durante a Glaciación de Würm.
A arte mural das covas (chamada arte parietal) concéntrase moi intensamente en certas rexións francesas (Dordoña, Pireneos franceses, Corrèze, Charente, Loira, Hérault, Lot e Garona) e españolas (cornixa cantábrica, Pireneos, costa mediterránea e algúns puntos da Meseta Central), aínda que ocasionalmente pode aparecer en Portugal, Italia, Europa Oriental e pouco máis. Non se pescudou o motivo que explique por que non se acharon restos de arte paleolítica parietal no resto do mundo.
A Arte Mobiliar (definida como obxectos decorados que poden ser transportados) é máis abundante, estendéndose non só por Francia e España, senón tamén polos vales do Danubio, do Don e a cunca do Baikal, xa en Asia. Hai restos esporádicos no resto do mundo, como se indica ao final.
Desde os primeiros descubrimentos de obxectos artísticos paleolíticos, no século XIX,[2] sempre se suscitou o enigma da motivación e o significado desta arte, aínda que parece haber consenso en que se cumpre unha función relixiosa e que a súa temática está intimamente relacionada co medio natural. Queda pendente o feito innegable do seu alto valor estético e artístico: os homes prehistóricos demostraron, nalgúns casos, unha ansia de perfección e un sentido da beleza totalmente comparable á dos artistas doutras épocas históricas.
No entanto, o lector debe estar avisado que este artigo só toca, forzosamente, aqueles elementos artísticos que se conservaron ao longo dos séculos, o que constitúe, sen dúbida, unha parte ínfima de todo o corpus artístico paleolítico. Perdemos, como mínimo, aspectos tan fundamentais como a tradición oral, a danza, a música, o adorno corporal etc.
(Á dereita, debuxo dun Bos taurus primigenius achado na cova de Lascaux, Francia.)