Caza de baleas en Galicia
From Wikipedia, the free encyclopedia
A caza de baleas en Galicia debeu comezar, como nas outras costas atlánticas europeas e do Pacífico, en tempos inmemoriais, na máis remota antigüidade. Os primeiros rexistros desta actividade remóntanse polo menos ao ano 3000 a.C.[1] Durante moito tempo xa se pensara que esta caza era de orixe prehistórica, aínda que sen ningunha proba real até que recentemente varias pinturas rupestres en Francia e España foron recoñecidas como representando escenas deste tipo de caza.
En Galicia non se conta con documentos históricos relacionados coa caza de cetáceos até o século XIII, pero é razoábel pensar que xa se practicaba varios séculos antes. A dicir de Valdés Hansen, as baleas, especialmente a balea franca, foi unha especie máis de pesca para os mariñeiros galegos. Durante sete séculos, Galicia foi un país de baleeiros, e dos que fan historia. A caza e comercialiación de cetáceos para o seu uso na fabricación de produtos importantes, desde o aceite que alimentaba a iluminación anterior á chegada da electricidade, até as barbas requiridas para pezas de vestir de luxo en Cataluña ou as baleas de paraugas e parasois, até a comercialización da carne e de produtos usados en farmacia e cosmética, tivo grande incidencia no desenvolvemento urbano de toda Galicia. Non só lle deu proxección exterior e renome mundial, senón que tamén contribuíu ao crecemento económico e de poboación de toda a súa franxa atlántica, e mesmo hai portos galegos que naceron da actividade baeeira, como o de Burela (Lugo) ou o de Suevos (Punta Langosteira).[2]
Inicialmente limitábase á captura de animais na costa, pero co paso dos séculos, a técnica de caza comezou a mellorar, usándose pequenas embarcacións en mar aberto para asustaren os cetáceos con ruído e levalos á costa. Esta forma de cacería usábase para capturar especies de cetáceos relativamente pequenas, como caldeiróns, belugas, narvais e toniñas.[3]