Convertase de C3
From Wikipedia, the free encyclopedia
A convertase de C3 ou C3 convertase (EC 3.4.21.43), tamén chamada convertase C3/C5 da vía do complemento clásica, C overbar 42 , C4b,2a, C overbar 423, C4b,2a,3b, C42, C423, C4b,2a,3b, complemento C.hivin.4.hivin2, convertase C3 do complemento, é un encima que pertence a unha familia de serina proteases e forma parte do sistema do complemento da inmunidade innata, que orixina a opsonización de partículas, liberación de péptidos inflamatorios, formación da convertase de C5 e lise celular. Esta convertase cliva a proteína C3, que é a molécula central do sistema do complemento. Pode presentarse en dúas formas (C3bBb e C4bC2a) pero ambas as dúas clivan a proteína C3.
Convertase C3/C5 da vía do complemento clásica | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Identificadores | |||||||||
Número EC | 3.4.21.43 | ||||||||
Número CAS | 56626-15-4 | ||||||||
Bases de datos | |||||||||
IntEnz | vista de IntEnz | ||||||||
BRENDA | entrada de BRENDA | ||||||||
ExPASy | vista de NiceZyme | ||||||||
KEGG | entrada de KEGG | ||||||||
MetaCyc | vía metabólica | ||||||||
PRIAM | perfil | ||||||||
Estruturas PDB | RCSB PDB PDBe PDBj PDBsum | ||||||||
|
O sistema do complemento pode activarse por tres vías, chamadas clásica, alternativa e da lectina. Todas estas vías de activación levan á clivaxe encimática de C3. Os fragmentos que se orixinan na clivaxe, o C3a e C3b son importantes nos seguintes pasos da fervenza do complemento. O fragmento menor chamado C3a libérase e estimula a inflamación por medio dunha actividade quimioatractora. O fragmento máis grande, C3b, queda unido covalentemente á superficie do microbio ou ás moléculas de anticorpo unidas ao microbio por medio do seu dominio tioéster no sitio de activación do complemento. Despois da clivaxe e a unión á superficie celular, o fragmento C3b está listo para unirse a unha proteína do plasma chamada Factor B. O Factor B (un cimóxeno) é clivado por unha serina protease plasmática chamada Factor D, liberándose un pequeno fragmento chamado Ba e xerando un fragmento máis grande chamado Bb, que permanece unido a C3b. Para formar unha convertase de C3 funcional tamén cómpren ións Mg2+. Así, a convertase de C3 da vía alternativa queda formada e con capacidade de clivar a C3.[1]
Outra forma desta convertase, a convertase de C3 da vía clásica contén diferentes proteínas do sistema do complemento, que son C4b e C2a. Estes fragmentos fórmanse nas vías clásica ou da lectina do complemento. A clivaxe de C4 e C2 está mediada por serina proteases denominadas complexo C1 (C1q, C1r, C1s) da vía clásica, e "serina proteases asociadas a lectina que se liga á manosa" (MASPs: MASP1, MASP2, MASP3) da vía da lectina. C4 é homólogo de C3, e C4b contén un enlace tioéster interno, similar ao de C3b, que forma un enlace amida covalente ou éster co complexo antíxeno-anticorpo ou coa superficie adxacente da célula á cal está unido o anticorpo. C2 é clivado por C1s dando un fragmento máis pequeno chamado C2b e outro máis grande chamado C2a, que se une a C4b. Os fragmentos C4a e C2b son liberados.[1]
Unha vez formadas, ambas as convertases de C3 catalizan a clivaxe proteolítica de C3 orixinando C3a e C3b (de aí o seu nome de "convertase de C3"). C3b pode despois actuar como unha opsonina ou unirse ao complexo C4b2a bimolecular activado para formar un complexo trimolecular, a convertase de C5, que é un encima específico para clivar o C5.