From Wikipedia, the free encyclopedia
A corta rubia (Myodes glareolus; antes Clethrionomys glareolus) é un pequeno roedor de pelame marrón avermellado e algunhas manchas grises, cun rabo a metade de longo que o seu corpo. É un roedor dos bosques duns 100 mm de lonxitude. Vive na maior parte de Europa, incluíndo o norte da Península Ibérica (tamén está incluído na lista dos mamíferos de Galicia), e en partes do norte de Asia. Nalgúns lugares foi introducido accidentalmente, como nas illas Británicas, nas cales colonizou gran parte do sur.
Myodes glareolus | |||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||||
Pouco preocupante[1] | |||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||
| |||||||||||||||||
Mapa de distribución da corta rubia | |||||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||||
|
Vive en zonas boscosas, setos e noutra vexetación densa como fentos e silveiras. A súa toqueira baixo terra está forrada con musgos, plumas e fibra vexetal e contén un almacén de comida. Pode vivir de dezaoito meses a dous anos na natureza e uns 42 meses en catividade e é principalmente herbívoro, comendo brotes, codias, sementes, noces, follas e froitos e ocasionalmente insectos e outros pequenos invertebrados. Gabea facilmente ás pólas baixas de árbores e arbustos aínda que non tan axilmente como un rato. Reprodúcese en toqueiras pouco profundas; a femia pare unhas catro deitadas de crías durante o verán.
A corta rubia é un pequeno roedor que lembra un rato cando é novo pero despois desenvolve un corpo máis robusto, unha cabeza lixeiramente arredondada cunhas orellas e ollos máis pequenos que os do rato (pero as orellas son máis grandes doutras especies similares) e un rabo peludo e máis curto. A superfice dorsal é marrón avermellada, cunha capa inferior agrisada e flancos grises con brillo marrón avermellado. As partes inferiores son agrisadas ás veces tinguidas de amarelo claro. A cabeza do adulto e a lonxitude corporal varía entre 83 e 121 mm e o rabo entre 38 e 76 mm. O peso está entre os 15,4 e 36 g. Os animais novos son máis escuros con partes inferiores máis grises. Pode emitir sons como gruñidos e chíos agudos.[2] En caso de estar intranquilo e illado emite un son parecido a un salouco humano.
A especie Myodes rutilus do norte de Escandinavia e Rusia, ten un rabo máis curto e é máis claro con menos gris na pelame. O Myodes rufocanus do norte de Eurasia, é máis grande e cun distintivo dorso avermellado.[2]
A corta rubia ten unha distribución paleártica. É nativo de Europa, e partes de Asia incluíndo partes de Siberia occidental. Non vive en Islandia nin no norte de Escandinavia (excepto en Finlandia) e está ausente da maior parte da Península Ibérica e parte de Italia.[2] En Galicia é a única especie do xénero Myodes. Foi introducida no sur de Irlanda na década de 1950, onde prosperou e témese que desprace o roedor autóctono Apodemus sylvaticus. Unha subespecie de maior tamaño atopouse na illa de Skomer no occidente de Gales (Myodes glareolus skomerensis).[3]
A corta rubia encóntrase en bosques, especialmente os de folla caduca e mixtos con arbustos, plantas baixas e follas caídas. Tamén en setos, marxes dos campos, entre fentos e silveiras, beiras de ríos, pantanos e parques. En rexións montañosas e na parte norte da súa área de distribución aparece en bosques de coníferas a altitudes de ata 1800 m. Non se encontra no solo espido e para el unha ampla cuberta vexetal parece ser unha necesidade.[2] Na rexión mediterránea, no sur da súa área, é un especialista de hábitat e encóntrase en bosques húmidos pero non en praderías e lugares arbustivos.[4] Nos límites das áreas boscosas é posible que haxa unha metapoboación que consta de varias poboacións separadas espacialmente que veñen e van segundo a estación e os eventos locais. Algunhas áreas poden estar desprovistas de cortas durante o inverno e ser repoboadas durante o verán e só quedan sen cortas de novo en outubro. Canto máis lonxe de áreas boscosas permanentemente habitadas está o lugar, menos femias hai e máis amplamente flutúa o número de individuos.[5]
Son activos de día e tamén de noite. Non hibernan en inverno. Escavan toqueiras longas e ramificadas pouco profundas e con varias saídas, ás veces facendo túneles baixo das capas de follas caídas. Apañan e almacenan comida baixo terra e forran o niño con musgos, herba seca e follas preto da superficie ou mesmo sobre o chan. É en xeral bastante destemido pero tamén está moi alerta dos chíos doutros animais como os paxaros páridos que avisan da presenza de predadores.[2]
Son principalmente herbívoros. A súa dieta varía coa estación pero xeralmente consta de follas, herbas, raíces, codia, brotes, froitas, noces, e sementes. Cando se alimentan de herba poden recortar os talos e deixar os cachos cortados en moreas. Parte da comida é transportado á toqueira onde a gardan en cámaras dedicadas ao almacenamento. Ás veces come alimentos animais como insectos, arañas e vermes e pode coller ovos dos niños de paxaros que aniñan no chan.[2][6]
Gabean ben e en inverno aliméntanse de codias de árbores como faias, pradairos e lárices a varios metros de altura. Tamén comen as árbores nacentes, polo que reducen a rexeneración natural dos bosques e cando están presente en grandes cantidades, considéranse unha praga. Porén, os danos que causan son relativamente escasos nun ecosistema san porque só se producen danos significativos cando aumenta moito o seu número, e porque teñen moitos inimigos naturais que normalmente manteñen a súa poboación baixo control.[7]
As femias manteñen territorios que se poden solapar en parte, e os machos ocupan territorios máis grandes que comprenden os de varias femias. O territorio das femias é xeralmente de entre 500 e 2000 m2.[8] A estación reprodutora dura desde finais de abril a setembro. As femias parecen preferir os machos dominantes e poden evitar activamente outros machos vagantes. O período de xestación medio é de 21 días, pero é máis longo se a femia está aínda aleitando unha camada anterior. As camadas poden ser de ata dez crías pero a media é de catro a oito. As femias ás veces matan as crías nas toqueiras de territorios adxacentes e os machos ás veces tamén as matan antes de aparearse coa súa nai, quizais como táctica para asegurarse que a súa descendencia terá vantaxe. As crías están espidas e indefensas e abren os ollos ao noveno día. Son destetados aos 20 a 25 días e a femia está sexualmente madura ás seis semanas, mentres que os machos ás oito semanas. Teñen ata catro camadas por ano e a medida que os novos empezan tamén a reproducirse, o seu número pode aumentar rapidamente nos meses do verán. A corta rubia vive uns dous anos na natureza.[6] En catividade isto pode aumentar ata os 42 meses, e as cortas máis vellas tenden a pasar máis tempo descansando, son menos áxiles fisicamente, pero aínda poden correr nunha roda de exercicio.
A corta rubia é moi abondosa durante gran parte do ano e desempeña un importante papel na dieta de varios predadores incluíndo o raposo (Vulpes vulpes), o armiño (Mustela erminea), a donicela (Mustela nivalis), o visón europeo (Mustela lutreola), o lagarteiro (Falco tinnunculus), o Buteo lagopus e a avelaiona (Strix aluco). As cortas tratan de evitar a súa captura non frecuentando áreas abertas, usando túneles baixo terra e camiños trillados baixo a vexetación.[6]
A corta rubia actúa como reservorio do virus Puumala, que pode infectar os humanos causando unha febre hemorráxica chamada nefropatía epidémica e, en casos extremos, mesmo é mortal.[9] Aínda que este hantavirus coevolucionou co seu hóspede, a súa presenza nas poboacións parece facer decrecer as súas taxas de supervivencia para superar o inverno.[10]
A corta rubia ten unha ampla área de distribución en Europa e oeste de Asia. A densidade de poboación depende do momento do ano e localización e varía entre seis e cen individuos por hectárea. O tamaño de poboación varía dun ano para outro, mais a longo prazo parece ser estable. Por estas razóns, a Unión Internacional para a Conservación da Natureza clasificou o estado da especie como "pouco preocupante" na súa Lista Vermella de Especies Ameazadas.[1] Cando vive nas beiras das estradas, a especie pode sufrir envelenamento por chumbo e preto das granxas pode ser afectada polos pesticidas, moluscocidas e rodenticidas.[11]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.