Aínda que o seu principal medio de expresión foi a pintura, tamén fixo incursións no cinema, a escultura, a xoiería e o teatro, e tamén traballou como deseñador de vestiario e escenógrafo, e escribiu algúns libros, entre os que destaca Diario de un genio (1965).
Dalí é coñecido polas súas impactantes e oníricas imaxes surrealistas. As súas habilidades pictóricas adóitanse atribuír á influencia e admiración pola arte renacentista. Dalí tivo a habilidade de forxar un estilo persoal e recoñecible. Unha das súas obras máis importantes é A persistencia da memoria, tamén chamada Reloxos brandos, que data do ano 1931. Tamén foi un experto debuxante.[2][3]
Como artista extremadamente imaxinativo, manifestou unha notable tendencia ao narcisismo e a megalomanía, cuxo obxecto era atraer a atención pública. Esta conduta irritaba a quen apreciaban a súa arte e xustificaba aos seus críticos, que rexeitaban as súas condutas excéntricas como un reclamo publicitario ocasionalmente máis rechamante que a súa produción artística.[4] Dalí atribuía o seu «amor por todo o que é dourado e resulta excesivo, a súa paixón polo luxo e o seu amor pola moda oriental» a un autoproclamado «liñaxe arábigo»,[5] que remontaba as súas raíces aos tempos da dominación árabe da Península Ibérica.
«...que non coñeza o significado da miña arte, non significa que non a teña...» «A única diferenza entre un tolo e eu, é que eu non estou tolo».[6]