Desenvolvemento sustentábel
From Wikipedia, the free encyclopedia
Denomínase desenvolvemento sostible[1][2] ou desenvolvemento sustentábel a un concepto económico, ecolóxico e social aparecido no final do século xx coa constatación de que o desenvolvemento económico precisa ponderar o impacto humano por explotación dos ecosistemas e na biodiversidade coa preservación da calidade de vida das poboacións humanas a nivel global. Iso implica, por exemplo, a xestión racional e equilibrada dos recursos minerais e o uso racional dos recursos dos ecosistemas do planeta.
A idea de desenvolvemento sustentábel ten por base o principio de que o ser humano debería gastar os recursos naturais de acordo coa capacidade de renovación dos mesmos, de modo a evitar o seu esgotamento.
A súa definición é "o desenvolvemento que atende ás necesidades do presente sen prexudicar a capacidade das futuras xeracións de atender as súas propias necesidades" que se formalizou por primeira vez en 1987 no documento das Nacións Unidas coñecido como o Informe Brundtland.[3] Denominado así pola primeira ministra norueguesa Gro Harlem Brundtland, froito da Comisión Mundial de Ambiente e Desenvolvemento de Nacións Unidas, creada durante a Asemblea das Nacións Unidas en 1983. Dita definición asumiuse no Principio 3º da Declaración de Río (1992) aprobada na "Conferencia das Nacións Unidas sobre o ambiente e o desenvolvemento". É a partir deste informe cando se acatou o termo inglés sustainable development.