![cover image](https://wikiwandv2-19431.kxcdn.com/_next/image?url=https://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5a/Couder_Stati_generali.jpg/640px-Couder_Stati_generali.jpg&w=640&q=50)
Estados Xerais (Francia)
From Wikipedia, the free encyclopedia
Os Estados Xerais, na Francia do Antigo Réxime, eran unha asemblea convocada polo rei de maneira excepcional e á que acudían representantes de cada estamento:
- o clero (primeiro estado),
- a nobreza (segundo estado), e os
- representantes das cidades que dispoñían de consistorio (terceiro estado).
![Thumb image](http://upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/thumb/5/5a/Couder_Stati_generali.jpg/640px-Couder_Stati_generali.jpg)
Foron creados en 1302 por Filipe IV, o Fermoso, disolvidos por Lois XIII en 1614, e convocados de novo por Lois XVI en 1789.
Eran unha asemblea excepcional (reuníronse tan só un total de 21 veces en 487 anos).
A súa xuntanza adoitaba facerse en épocas de grande crise política ou financeira (particularmente en materia fiscal), para que o rei puidese coñecer a opinión dos representantes dos principais poderes do país para tomar unha decisión final.
Estaban compostos por deputados elixidos cun mandato dos seus electores, e a orde do día redactábase sobre a base dos "cadernos de queixas", (en francés, cahiers de doléances) establecidos polos notábeis provinciais dos tres estamentos.
Reuníanse por "brazos", é dicir, por separado, e cada estamento contaba cun número igual de representantes. Debatíase, por tanto, por separado e cada estado emitía un voto, co que o clero e a nobreza, tradicionalmente aliados, non deixaban opción ao terceiro estado para que se escoitase a súa voz.
Esta particularidade foi unha das que se discutiron na súa última reunión, en maio de 1789, no inicio da Revolución francesa.