Exploración espacial
esforzos en estudar o espazo e os seus astros / From Wikipedia, the free encyclopedia
A exploración espacial designa os esforzos do home en estudar o espazo e os seus astros desde o punto de vista científico e da súa explotación económica.
Estes esforzos poden involucrar tanto seres humanos viaxando en naves espaciais como satélites con recursos de telemetría ou sondas teleguiadas enviadas a outros planetas (orbitando ou aterrando na superficie destes corpos celestes).
A ciencia que estuda os voos espaciais e a tecnoloxía relacionada con eles denomínase astronáutica.
As persoas que pilotan naves espaciais, ou son pasaxeiros nelas, chámanse astronautas (en Rusia: cosmonautas; en China: taikonautas). Tecnicamente considérase astronauta a todo aquel que emprenda un voo suborbital (sen entrar en órbita) ou orbital a como mínimo 100 km de altitude (considerado o límite externo da atmosfera).
O ceo sempre atraeu a atención e os soños do home. Xa en 1634 publicouse a que se considera primeira novela de ciencia ficción, O soño, de Johannes Kepler, que narra unha hipotética viaxe á Lúa. Máis tarde, en 1865, nunha famosa obra de ficción titulada Da terra á lúa, Jules Verne escribe sobre un grupo de homes que viaxou ata a Lúa usando un xigantesco canón. En Francia, Georges Méliès, un dos pioneiros do cine, tomaba a novela de Verne para crear Le voyage dans la Lune (1902), unha das primeiras películas de ciencia ficción na que describía unha incrible viaxe á Lúa. En obras como A guerra dos mundos (The War of the Worlds) (1898) e The First Men in The Moon (1901) (Herbert George Wells), tamén se concibiron ideas de exploración do espazo e de contacto con civilizacións extraterrestres.
Aínda faltaba moito para que o ser humano puidese alcanzar o espazo exterior, pero este soño fíxose realidade, en parte, a través das ideas destes visionarios e do traballo de pioneiros. Entre estes pioneiros débese recordar aos enxeñeiros aeronáuticos Pedro Paulet (Perú),[1][2] Robert Hutchings Goddard (Estados Unidos), Konstantin Tsiolkovskii (Rusia), Hermann Oberth (Alemaña), e máis recentemente Wernher von Braun (Alemaña) e Serguei Koroliov (URSS).