Factor de necrose tumoral alfa
From Wikipedia, the free encyclopedia
O factor de necrose tumoral alfa (TNFα), tamén chamado caquexina ou caquectina ou, simplemente, factor de necrose tumoral (TNF) é unha proteína de sinalización celular reguladora (unha citocina) implicada na inflamación sistémica e é unha das citocinas que dan lugar á reacción de fase aguda. Debe o seu nome a que causa a morte por necrose de tecidos tumorais, ao ter neles efectos apoptóticos, aínda que esa non é a súa misión principal. Prodúcena principalmente os macrófagos activados, pero tamén a poden producir moitos outros tipos celulares, como linfocitos CD4+, células NK, neutrófilos, mastocitos, eosinófilos, e neuronas.
PDB 1TNF | |
Factor de necrose tumoral alfa | |
Identificadores | |
Símbolo | TNF |
Símbolos alt. | TNF-alfa; TNFA; TNFSF2 ; DIF |
Entrez | 7124 |
OMIM | |
RefSeq | NP_000585 |
UniProt | P01375 |
Outros datos | |
Locus | Cr. 6 :(31.54 – 31.55 Mb) |
A principal función do TNFα é a regulación das células inmunitarias. Como o TNFα é un piróxeno endóxeno, pode inducir a febre, a morte apoptótica das células, a caquexia, a inflamación e inhibir a xénese de tumores e a replicación viral e responder á sepse por medio de células produtoras de IL1 e IL6. A desregulación da produción do TNFα foi implicada en diversas doenzas humanas, como a enfermidade de Alzheimer,[1] cancro,[2] depresión profunda[3] e enfermidade intestinal inflamatoria.[4] Aínda que segue sendo algo discutido, estudos feitos sobre a depresión e a enfermidade inflamatoria intestinal están actualmente ligándoas aos niveis de TNFα.[5] O TNFα recombinante utilízase como inmunoestimulante coa Denominación Común Internacional (DCI) de tasonermin. O TNFα pode producirse ectopicamente no marco dun tumor maligno e ten efectos similares aos da hormona paratiroide tanto en causar hipercalcemia secundaria coma nos cancros cos cales está asociada unha produción excesiva.