gravador inglés de moedas e medallas From Wikipedia, the free encyclopedia
George William de Saulles, nado en Birmingham o 4 de febreiro de 1862 e finado en Londres o 21 de xullo de 1903, foi un medallista e deseñador de moedas inglés.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de febreiro de 1862 Birmingham |
Morte | 21 de xullo de 1903 (41 anos) Londres |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda |
Actividade | |
Ocupación | escultor , medallista |
Período de actividade | (Con vida en: 1899 ) |
Membro de |
O máis sobranceiro da súa obra son os anversos das moedas do Reino Unido na derradeira etapa do reinado de Vitoria (1837-1901) e baixo Eduardo VII (1901-1910), así como diversas moedas para os territorios coloniais británicos dese período.[1][2][3]
De Saulles naceu o 4 de febreiro de 1862 en Villa Street, no distrito de Aston Manor, ao norte de Birmingham. O seu avó Samuel fora un cidadán suízo que traballara no servizo da casa de Xurxo IV (1820-1830), e o seu pai, William Henry de Saulles, era un comerciante do vidro en Birmingham.[2][3]
Sendo aínda un neno comezou a súa formación artística na Birmingham School of Art, onde tivo como mestre a Mr. Taylor, e alí acadou xa varios premios. Logo foi aprendiz do gravador de cuños Mr. Wilcox, tamén en Birmingham,[2] con quen aprendeu a gravar grandes etiquetas para produtos comercializados na cidade.[1][3][4]
En 1884, de Saulles trasladouse a Londres, onde traballou co gravador de cuños John H. Pinches, establecido en Oxenden Street, Haymarket. En 1888 regresou a Birmingham e traballou para o medallista Joseph Moore.[1][2][3][4]
En 1892 trasladouse novamente a Londres, para ocupar o posto de gravador xefe da Royal Mint, que quedara vacante logo do falecemento de Leonard Charles Wyon.[6] Desde ese momento e ata a súa morte encargouse da produción dos cuños para as moedas do Reino Unido e dos seus territorios coloniais, así como das medallas oficiais.[1][2][3]
Entre os anos 1898 e 1903 foi un dos expositores na Royal Academy.[6]
De Saulles casou en xuño de 1884 con Myra Hill, con quen non tivo descendencia.[2][3]
O día 21 de xullo de 1903,[1] faleceu no distrito londiniense de Chiswick, logo duns días de doenza, aos seus 41 anos.[2] Foi soterrado no cemiterio do adro da igrexa de Chiswick.[3]
Como artesán, de Saulles encargouse do proceso completo de deseño, modelaxe e gravado da maioría dos seus cuños. Nas súas creacións deixouse influír, en certa medida, polos gravadores da Escola Francesa Louis-Oscar Roty e Jules-Clément Chaplain.[2] No entanto, nas súas producións oficiais non deixou terreo para a a innovación.[3]
A súa obra medallística privada entre 1894 e 1903 abrangue polo menos tres placas e 30 medallas, entre as que están as seguintes:[1][3][8]
Ademais destas, tamén gravou outras con carácter oficial, producidas na Royal Mint, entre elas:[1][3][8]
Na súa condición de gravador xefe da Royal Mint, De Saulles encargouse en primeiro lugar de realizar os cuños para a nova emisión de moedas da raíña Vitoria, en 1893, que foran deseñados por Thomas Brock. A de Saulles débeselle tamén o deseño da Britannia característico dos reversos das moedas de bronce británicas de 1895, así como o deseño das moedas emitidas a partir de 1902, logo da entronización de Eduardo VII.[1][3][8][20]
Tamén foi responsabilidade de De Saulles o deseño e o gravado dos cuños para as emisións das moedas coloniais da súa época, como o dólar de comercio británico, as moedas de cobre da África Oriental Británica (1897), as moedas da Honduras Británica (1894), o dólar británico para os territorios da India (1895), moedas para Chipre (1890) e o dólar dos Establecementos do Estreito (1903),[1][3][8] ademais doutras emisións para Terra Nova, Jersey, Australia, a Guiana Británica, o Canadá, Ceilán, Hong Kong ou Xamaica, baixo soberanía británica.[2][20]
As súa marcas de gravador nestas moedas foron DES, DS e WS.[2][20]
De Saulles realizou tamén o derradeiro Gran Selo para a raíña Vitoria (1898), así como outros moitos selos oficiais para as colonias.[8] No momento do seu falecemento estaba a preparar os modelos para os grandes selos de Eduardo VII do Reino Unido e os de Irlanda e Escocia, executados posteriormente por Frank Bowcher.[1][3]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.