Giovanni Trapattoni
futbolista italiano / From Wikipedia, the free encyclopedia
Giovanni Trapattoni, nado en Cusano Milanino, Milán, o 17 de marzo de 1939, é un exfutbolista e exadestrador italiano.
Coñecido tamén polo diminutivo de Trap, está amplamente considerado como un dos mellores adestradores italianos de tódolos tempos.[1] É o técnico italiano con máis títulos a nivel de clubs e un dos adestradores con máis títulos en todo o mundo.[2] Gañou sete veces a Serie A italiana (máis que ningún outro adestrador), e conquistou ademais as primeiras divisións de Alemaña, Portugal e Austria, sumando un total de dez ligas nacionais. É un dos únicos seis adestradores que conseguiron gañar polo menos unha liga de primeira división en catro países diferentes, xunto co iugoslavo Tomislav Ivić, o austríaco Ernst Happel, o portugués José Mourinho, o belga Eric Gerets e o seu compatriota Carlo Ancelotti.[3] A estes súmanse sete títulos oficiais a nivel internacional, o que o converte no sexto técnico mundial e cuarto en Europa por número de trofeos conseguidos nesta categoría.
Os seus anos como futbolista transcorreron principalmente no Milan, onde integrou o eixo do equipo durante case quince anos e, baixo as ordes de Nereo Rocco, gañou dous títulos de liga, unha Copa Italia, dúas Copas de Europa, unha Recopa de Europa e unha Copa Intercontinental.[4] Pechou a súa carreira como futbolista no Varese.[4] Vestiu ademais en 17 ocasións a camiseta da selección italiana, coa que participou nos Xogos Olímpicos de 1960 e no Mundial de 1962.
Trala súa retirada fíxose inmediatamente adestrador, triunfando de xeito precoz. Conseguiu a maioría dos seus éxitos no banco da Juventus, equipo que dirixiu de xeito ininterrompido desde 1976 ata 1986 -o ciclo máis longo da historia do fútbol profesional italiano-[5] e de novo dende 1991 ata 1994. Co club do Piemonte logrou seis títulos da Serie A e dúas Copas de Italia, ao tempo que se converteu no único adestrador da historia en gañar todas as competicións de clubs organizadas pola UEFA.[6] Xunto co seu coetáneo Luigi Radice, foi introdutor do innovador sistema de xogo chamado zona mista.[7] É un dos poucos homes que gañou a Copa de Europa, a Recopa de Europa e a Copa Intercontinental tanto de xogador como de adestrador. É o segundo adestrador con máis títulos da Copa da UEFA, con 3, só superado polos 4 do vasco Unai Emery.
Dirixiu tamén a selección italiana de 2000 a 2004, e ocupou o mesmo posto na selección irlandesa de 2008 a 2013. Cos italianos participou no Mundial de 2002 e na Eurocopa de 2004 e cos irlandeses estivo a piques de lograr a clasificación para o Mundial de 2010, despois de perder un polémico partido contra Francia. Si conseguiu a clasificación de Irlanda para a Eurocopa de 2012, 24 anos despois da súa anterior participación.