From Wikipedia, the free encyclopedia
O Globo de Betanzos é un aeróstato de papel non tripulado que se solta tódolos anos na vila de Betanzos a noite do 16 de agosto na honra de San Roque.
Globo de Betanzos | |
---|---|
Tipo | Globo de papel |
Fabricante | Descendentes de Claudino Pita |
Deseñado por | Claudino Pita Pandelo |
Introducido | 1875 (actual deseño) |
Principais usuarios | Festas de San Roque de Betanzos |
Atribúese a invención dos globos de papel aos chineses e a súa chegada a Europa a Marco Polo, sería supostamente un dos axudantes do explorador veneciano quen introducira esa tradición en Betanzos.[1]
A tradición de lanzar globos de papel en Betanzos ten máis de douscentos anos. O primeiro aeróstato do que se hai constancia elevouse o 29 de maio de 1814 para celebra-la onomástica do rei Fernando VII, que retornara a España poucos días antes. Non se coñece exactamente como era este primeiro globo, tan só que era un "voluminoso globo" de papel causou admiración entre as persoas que presenciaron o acontecemento.[2] Dende entón hai constancia da solta de globos en acontecementos sinalados: o segundo aeróstato documentado data de 1837 como conmemoración da promulgación da Constitución española dese mesmo ano, facendo voar dous globos para a ocasión; outro evento conmemorativo foi o matrimonio de Isabel II con Francisco de Asís, sendo celebrado co voo dun novo globo; en 1858 a monarca pasou pola cidade de regreso a Madrid dende A Coruña, sendo celebrado elevando un novo globo.[3]
Paralelamente, aínda que se descoñecen os anos e a súa continuidade, o concello comezou a incluír a elevación dun ou máis globos durante as festas patronais na honra de San Roque. Consta a construción de aeróstatos con tal fin nos anos de 1834, 1840, 1863 ou 1865, realizados por artesáns como Manuel Ramos Casal ou Juan Contas. Entre os anos 1868 e 1871 o globo foi confeccionado por Luis Abella, a quen tamén se lle encargou facer o do ano 1876, mentres que no 1872 foi feito por Antonio Pedreira. Emporiso, Claudino Pita Pandelo é o persoeiro relacionado inseparablemente ó Globo de Betanzos, quen o fixo no ano 1875 e de 1877 en diante. Vales Villamarín citaba que no primeiro terzo do século XX voábanse dous grandes globos durante as festas padroeiras: un o día 15 de agosto coincidindo coa Asunción de María, e outro o día 16, o día de San Roque, sendo o segundo de dimensións máis reducidas.[4]
En 1868 voáronse tres globos polos que pagaron a Luis Abella a suma de 96 escudos. No ano seguinte foron de novo tres, mais desta volta o encargado da construción dos globos foi Manuel Ramos Casal, que ademais subministrou os materias necesarios para a súa construción.[5] A partir do ano 1935 suprimiuse o globo do día 15, elevándose un único globo de grandes dimensións o día 16.[6] Claudino Pita é o responsable do actual deseño, que cada ano continúan recreando os seus descendentes ata os nosos días, interrompéndose o evento unicamente durante a Guerra Civil[7][3] e durante a pandemia por coronavirus en 2020.[8]
En 2018 o globo de Betanzos non voou por primeira vez na súa historia a causa dunha rotura motivada presuntamente por engancharse a algún elemento, presumiblemente unha farola da torre da igrexa de Santo Domingo, se ben descoñécese cal puido ser o lugar exacto onde rompeu un dos cuarteróns. Ante a imposibilidade de que o aeróstato voase valorouse queimalo no chan, do mesmo xeito como "se queimaría" no ceo, aínda que finalmente optouse por repartir o papel entre o público asistente.[9]
O Globo de Betanzos faise de xeito artesanal e cos materiais empregados tradicionalmente. As dezaseis porcións que o conforman están feitas con papel pardo, pegado con engrudo de fariña de centeo e reforzado con cinta de algodón. Está ilustrado con viñetas humorísticas. Acada unha altura máxima de 25 metros, un diámetro máximo de 16 metros e unha circunferencia máxima de pouco máis de 50 metros. Pesa baleiro arredor de 150 quilogramos, alberga ata 2 300 m³ de aire, que se quenta mediante a queima de "pachuzos" (fachos de palla) e "chourizos" (paquetes de papel apertado) impregnados en aceite. Considérase o globo de papel máis grande do mundo[10].
O globo lánzase a noite do 16 ó 17 de agosto dende a praza Irmáns García Naveira de Betanzos e sóltase dende campanario da igrexa de Santo Domingo. Ó evento, que dura algo máis de media hora, asisten cada ano decenas de miles de espectadores[11].
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.