filósofo, psicólogo e pedagogo galego From Wikipedia, the free encyclopedia
Xoán Vicente Viqueira Cortón,[1] nado en Madrid o 22 de outubro de 1886 e finado na Lagoa (Ouces, Bergondo) o 29 de agosto de 1924,[9] foi un filósofo, psicólogo e pedagogo galego, conferenciante con sona de excelente orador, alumno da Institución Libre de Enseñanza, tradutor de autores europeos ao castelán, membro das Irmandades da Fala e participante nas asembleas nacionalistas. O nacionalismo galego de Viqueira era democrático, republicano, federal, socialista e laico, en contraposición co galeguismo conservador e católico de Vicente Risco.[14] No ano 1974 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Nome orixinal | Xoán Vicente Viqueira Cortón [1] Xoán Vicente Viqueira López-Cortón [4] Johán Vicente Viqueira [5][3][6] Xoán [Johan] Vicente Viqueira López-Cortón[7] Xoán Johan Viqueira López-Cortón [8] Xohán Vicente Viqueira [9][10][11][12] Joam Vicente Viqueira [13] Vicente Viqueira [3] |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 22 de outubro de 1886 Madrid, España |
Morte | 29 de agosto de 1924 (37 anos) A Lagoa, España |
Causa da morte | osteomielite |
Lugar de sepultura | San Xoán de Ouces [12] |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Educación | Institución Libre de Enseñanza |
Actividade | |
Ocupación | Catedrático de ensino secundario |
Empregador | Irmandades da Fala |
Xénero artístico | Poesía, ensaio |
Lingua | Lingua castelá e lingua galega |
Familia | |
Cónxuxe | Jacinta Landa Vaz [9] |
Fillos | 3 (Luísa, Jacinto e Carmen) [14] |
Premios
| |
De familia galega, neto de José Pascual López Cortón e sobriño político de Manuel Bartolomé Cossío,[12] foi fillo do matrimonio entre Vicente Viqueira, militar destinado en Madrid, e Luisa López-Cortón Viqueira, tío materno e sobriña o un da outra, respectivamente, que se separarían ao pouco.[15] Cuns meses de idade trasladárono a Galicia, primeiro á Coruña e despois a Vixoi, Bergondo, onde viviu ata os doce anos.[16] Fixo os estudos primarios e os secundarios na vila de Betanzos. En 1898, volveu a Madrid para estudar na Institución Libre de Enseñanza, o que o puxo en contacto co pensamento científico moderno.
Dende os 15 anos sufriu unha doenza crónica nos cadrís, unha tuberculose ósea[15] que lle provocou unha dolorosa osteomielite,[8] polo que pasou épocas inmobilizado. O 26 de xuño de 1905 acadou o grao de bacharel como alumno libre do Instituto Eusebio da Guarda, daquela Instituto da Coruña.[8]
Por causa da enfermidade, dende 1902 pasou estancias en París,[16] onde foi operado por dúas veces. Na Universidade da Sorbona escoitou a Henri Bergson e asistiu ás clases de Célestin Bouglé, Émile Durkheim, Ranh, Georges Rodier e Ernest Martinenche.[8] O 13 de xuño de 1911 obtivo o grao de licenciado en Filosofía pola Universidade de Madrid onde tamén fixo o doutoramento.[16]
Foi bolseiro da Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas, e ampliou estudos en Alemaña, nas universidades de Berlín e Leipzig, asistindo ás clases de Georg Simmel, Alois Riehl, Ernst Cassirer e Wilhelm Wundt, e na Universidade de Gotinga, onde asistiu aos cursos de Edmund Husserl e outros, ata 1914.
Ese verán, ao estalar a Primeira guerra mundial, volveu a España. Logo de dar clase na Institución Libre de Enseñanza con Francisco Giner de los Ríos, Luis Simarro e José de Caso y Blanco, en abril de 1917 obtivo por oposición a cátedra de psicoloxía do Instituto de Santiago de Compostela, e ese mesmo ano conseguiuna tamén no Instituto da Coruña onde a mantivo até a morte, en 1924.[16] A fin de ano trasladouse ao Instituto da Coruña, alí ingresou nas Irmandades da Fala, chegando mesmo a ser elixido conselleiro primeiro o 2 de abril de 1922 [17] das Irmandades logo da súa ruptura e a aparición da Irmandade Nazonalista Galega de Risco, e colaborou con A Nosa Terra.
Casou o 6 de maio de 1917 coa profesora estremeña e tamén institucionista, de orixe portuguesa, Jacinta Landa Vaz (Badaxoz 1894 - México 1993) e foron de viaxe de noivos a Portugal. Tiveron tres fillos, que trala Guerra Civil acabaron coa súa nai no exilio en México: Luísa[18] (A Coruña 1918 - México 2014, bióloga), Jacinto (Badaxoz 1921 - México 2014, enxeñeiro) e Carmen[18] (Badaxoz 1923 - México 2010, antropóloga).
Viqueira escribiu en castelán obras sobre filosofía, psicoloxía e pedagoxía como Introducción a la Psicología pedagógica, Elementos de Ética, Lecciones elementales de historia de la Filosofía, Ética y Metafísica, La Psicología contemporánea e traducións de Teócrito, Immanuel Kant ou David Hume. A maioría da produción en galego de Viqueira editárona os seus amigos no volume Ensayos y Poesías en 1930 (Editorial Nós), reeditado por Galaxia en 1975. Como poeta escribe sempre en galego excepto uns versos titulados "Badajoz" nos que canta á terra da súa muller.
A obra galega de Viqueira centrouse sobre todo no sistema educativo, na súa galeguización e na súa reforma, así como na ortografía do galego que Viqueira quería que se achegase á portuguesa, o artigo publicado en A Nosa Terra en 1918 Pol-a reforma da ortografía, considérano algúns o nacemento do reintegracionismo.[14]
|
|
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.