escultora, medallista e deseñadotra de moedas estadounidense From Wikipedia, the free encyclopedia
Laura Gardin Fraser, nada en Chicago o 14 de setembro de 1889 e finada en Norwalk, Connecticut, o 13 de agosto de 1966, foi unha escultora, medallista e deseñadora de moedas estadounidense.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de setembro de 1889 Chicago, Estados Unidos de América |
Morte | 13 de agosto de 1966 (76 anos) Norwalk, Estados Unidos de América (pt) |
Lugar de sepultura | Willowbrook Cemetery (en) |
Datos persoais | |
Outros nomes | Gardin-Fraser, Laura |
País de nacionalidade | Estados Unidos de América |
Educación | Horace Mann School (en) Art Students League of New York (pt) |
Actividade | |
Ocupación | escultora , artista |
Membro de | |
Participou en | |
1932 | art competitions at the 1932 Summer Olympics (en) |
1928 | art competitions at the 1928 Summer Olympics (en) |
Familia | |
Cónxuxe | James Earle Fraser (1913–) |
Premios | |
Laura Gardin naceu en setembro de 1889,[1] filla do executivo bancario John Emil e de Alice Tilton Gardin,[2] unha coñecida artista, en Morton Park, un suburbio de Chicago e recibiu a súa educación primaria nas escolas locais. Logo do traslado do seu pai a Nova York en 1904, Laura asitiu á escola na vila de Rye e logo aos institutos Wadleigh e Horace Mann School, na cidade de Nova York; nesta última graduouse en educación secundaria en 1907. Desde a súa infancia amosou aptitudes para modelar figuras e traballar coa arxila, talento que desenvolveu baixo a tutela da súa nai.[3]
Logo do ensino secundario, Fraser estudou durante un curto período na Universidade Columbia e logo ingresou na Art Students League de Nova York (1910-1912).[1][2] Durante os seus anos nesta institución académica coñeceu e tivo como profesor o escultor James Earle Fraser, con quen casou o 27 de novembro de 1913.[4][5][6] A parella adquiriu unha casa en Westport, Connecticut, na que construíu un estudio que foi o centro da súa vida profesional durante toda a súa vida.[2][3]
Durante a primeira guerra mundial Laura Gardin Fraser foi capitá do Corpo Motorizado do Servizo de Ambulancias.[5]
Soa ou facendo equipo co seu esposo, encargouse do deseño de varias moedas estadounidenses conmemorativas, entre elas o medio dólar do Centenario de Alabama (1921),[7] as moedas conmemorativas de Ulysses S. Grant (1922),[8] o medio dólar do Centenario de Fort Vancouver (1925),[9] e o reverso do medio dólar conmemorativo do Oregon Trail (1926).[3][5][10]
En 1931 gañou tamén o concurso para deseñar unha moeda circulante, o novo cuarto de dólar Washington, mais o seu deseño gañador non foi finalmente seleccionado polo daquela secretario do Tesouro, Andrew Mellon, que preferiu no canto del un deseño de John F. Flanagan.[11] No entanto, o deseño do anverso de Fraser co busto de Washington foi aproveitado décadas despois para unha moeda conmemorativa de ouro de cinco dólares en 1999,[12] tamén a partir de 2022 para a serie circulante de cuartos de dólar Mulleres Americanas.[13][14][15]
Entre as súas medallas máis salientables están as medallas Lindbergh,[16] Benjamin Franklin e George C. Marshall do Congreso; a do bicentenario de Washington e a do centenario da American Numismatic Society en 1958.[3][5][6]
Malia ser recoñecida principalmente polas súas contribucións á numismática e á medallística, Laura G. Fraser recibiu tamén encargas importantes de escultura de tamaño heroico. A máis salientable neste capítulo foi a acadada logo da súa vitoria no concurso para unha estatua ecuestre dobre dedicada aos xenerais Robert E. Lee e Stonewall Jackson.[2] O concurso tivo lugar en 1936 e nel foron invitados a participar seis eminentes escultores, doa que só ela era unha muller —os outros cinco foron Lee Lawrie, Paul Manship, Edward McCartan, Hans Schuler e Frederick William—.[3][17][18] Fraser rematou a dobre escultura en 1948 e foi instalada no Wyman Park, en Charles Village, Baltimore.[6]
En xaneiro de 2016, un grupo de traballo encargado do estudo dos monumentos confederados en Baltimore recomendou que se retirase o monumento a Jackson e Lee, e os comisionados ditaminaron que a esta escultura de Fraser se lle debería ofrecer ao Servizo de Parques dos EEUU para a súa instalación en Chancellorsville, en Virxinia, o lugar onde os dous xenerais confederados se viron por derradeira vez pouco antes da batalla de Chancellorsville en 1863.[19] A escultura foi retirada no abrente do 16 de agosto de 2017 pola cidade de Baltimore, como reacción aos disturbios ocorridos en Charlottesville uns días antes, e a súa localización futura quedou pendente de decidir.[20] A escultura permaneceu almacenada e xerouse un debate sobre a conveniencia da destrución dos monumentos dedicados aos confederados.[21][22]
A Fraser débeselle tamén tres paneis de bronce para a Biblioteca da Academia Militar dos Estados Unidos en West Point,[6][23] e outras obras relevantes, como un Pegaso en granito branco para os xardíns Brookgreen de Carolina do Sur.[2][3]
A súa obra tamén formou parte dos concursos de arte dos Xogos Olímpicos de Verán de 1928 e de 1932.[24]
En 1924 foi elixida membro asociado da Academia Nacional de Deseño, da que pasou a ser académica de pleno dereito en 1931. Tamén foi membro da Sociedade Nacional de Escultura e do Instituto Nacional das Artes e das Letras.[6][23]
Laura Gardin Fraser finou por mor dunha apoplexía no hospital de Norwalk, Connecticut, o 13 de agosto de 1966, á idade de 76 anos,[2][5][23] e foi soterrada xunto ao su marido, James Earle Fraser —finado en 1953—,[25] no cemiterio Willowbrook de Westport, Connecticut.[26]
Seamless Wikipedia browsing. On steroids.
Every time you click a link to Wikipedia, Wiktionary or Wikiquote in your browser's search results, it will show the modern Wikiwand interface.
Wikiwand extension is a five stars, simple, with minimum permission required to keep your browsing private, safe and transparent.